Skip to Content

INFORMACIÓN RELEVANTE PARA AS FAMILIAS DURANTE O PERIODO DE SUSPENSIÓN

  • Suspensión de actividade presencial

Seguindo as instruccións das autoridades competentes, o IES Plurilingüe Elviña permanecerá pechado para alumnos, familias, e público en xeral durante os próximos 14 días naturais a contar desde o 16 de marzo de 2020. Iso inclúe toda actividade escolar lectiva, complementaria, ou administrativa.

En consideración á velocidade á que se suceden os acontecementos, remitímonos á páxina web oficial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (á súa vez con importantes enlaces a fontes complementarias), coa recomendación a todas as persoas interesadas de que procuren manterse atentos as canles oficiais de comunicación das autoridades competentes no asunto:

http://www.edu.xunta.gal/portal/

http://www.edu.xunta.gal/portal/node/3055

É de particular aplicación o publicado no BOE sobre a declaración do estado de alarma, e no DOGA sobre a declaración de situación de emerxencia sanitaria.

A atención telefónica e telemática do IES seguen en vigor e coa plena vocación de servicio habitual, se ben polas limitacións na forza laboral recoméndase encarecidamente encauzar todos os contactos vía correo electrónico:
ies.elvina@edu.xunta.es

  • Procedementos administrativos: admisión, certificacións, etc.

Todos os procedementos e prazos administrativos quedan suspendidos temporalmente polo peche dos centros. O estado de alarma e de emerxencia sanitaria establecen que todos os procedementos administrativos quedarán en suspenso ata o retorno á actividade normal. No caso do proceso de admisión, que remataba o día 20 de marzo, retomarase cunha semana extraordinaria de prazo en canto reabran os centros de ensino.

  • Continuación da actividade docente

Porén, o persoal docente continuará durante estas xornadas o seu labor académico a través dos diversos medios que as novas tecnoloxías proporcionan, publicando actividades, apontamentos e materiais didácticos para que o alumnado, desde os seus fogares, continúe, coa mínima merma posible, a súa formación. Estes materiais teñen como obxecto tanto o repaso de contidos como a presentación de novas partes das materias.

A Aula virtual do IES Plurilingüe Elviña servirá de principal canle para a publicación de materiais didácticos e de avisos por parte de cada profesor de aula. Cada alumno/a, consultará nas aulas de curso/materia/profesor as indicacións que os docentes lles deixen e os materiais que se colguen sexa para o seu estudo/consulta ou para a súa realización. A realización dese traballo e de crucial importancia para a continuacion do seu desenvolvemento educativo, pero ante a imposibilidade de garantir os medios de acceso desde os fogares, non terá repercusión directa nas cualificacións das materias.

Hai docentes que xa traballan co alumnado on line a través doutras apliacións ou plataformas cibernéticas. Nestes casos, transmitiremos a información precisa ao alumnado vía web ou contactando a través do seu titor.

Todos os métodos de traballo telemático se irán concretando paulatinamente segundo se vaian poñendo en marcha, e a tal efecto os titores xa están a comunicarse electrónicamente cos proxenitores e titores legais dos grupos que titorizan.

Insistimos a todas as familias que consideren que a súa información de contacto telemático poida estar desactualizada, en que se poñan en contacto co IES a través do correo electrónico, para aportar novos datos. Non hai posibilidades reais de comunicación efectiva vía correo en papel nin mediante chamadas telefónicas.

Por último, e sen disminuir un ápice o celo co que a comunidade docente do IES Plurilingüe Elviña aborda as súas responsabilidades educativas, non podemos esquecer que na situación actual as prioridades sanitarias prevalecen sobre as formativas. Consecuentemente en nome do claustro, o persoal non docente e toda a comunidade educativa, queremos compartir os nosos mellores desexos e toda a empatía coas persoas que poidan atoparse nunha situación de convalecencia propia ou dos seus achegados.



page | by Dr. Radut