Dámoslle os parabéns á nosa alumna de 2º de Bacharelato de Artes Andrea San Xurxo (Andy da Fonte) pola publicación do seu primeiro libro individual.
Aínda que con 17 anos xa teña recibido algúns dos premios poéticos máis importantes que se convocan en Galicia para poetas da súa idade, é agora cando decide dar o paso de preparar unha autoedición que leva por título MEMORIAS DUNHA ESTRELA, na que compila todos aqueles poemas que no seu día foron premiados en certames como o Rosalía de Castro, o Concello de Ames ou o María Soliño, e que foron aparecendo publicados en edicións colectáneas, ademais de dar a coñecer textos inéditos escritos nos últimos meses.
O talento desta poeta loce con discreción, cun sentido da autocrítica afiado e esixente. Os seus versos supuran compromiso feminista, solidario, radicalidade emocional. Escribe porque o precisa, non como un exercicio histriónico ou narcista. Hai poetas que levan a palabra nas veas e Andrea é unha poeta desta estirpe. Sabemos que o seu talento literario seguirá a dar os seus froitos.
E estamos realmente felices de compartilos con ela no noso centro
Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer