Que necesitas levar contigo para o Erasmus+
BOLSAS ERASMUS+: QUE NECESITO LEVAR?
Foche seleccionado para unha bolsa Erasmus+ e, unha vez que xa sabes a onde vas ir, comezan as dúbidas sobre que necesitas levar e que é recomendábel. En primeiro lugar, convén que vexas a Carta de Estudante Erasmus+ que fai a propia Comisión Europea. Por outra parte, aquí che deixamos algúns consellos para que non te esquezas de nada.
Convén sempre que fagas unha lista coas cousas que queres levar. Planifica ben, anota todo o que necesitas e o que penses che pode axudar, incluído roupa e outros elementos persoais. Logo cando esteas alí non poderás collelos!
Documentación
Documento de Identidade (DNI), carné de conducir e, se te queres mover a algún país fóra da U.E., Pasaporte. Para o caso do Reino Unido, agora mesmo non sabemos ben como vai quedar a cousa, polo que sería recomendábel tamén levar o Pasaporte. Se levas Pasaporte, non necesitas o DNI.
Tarxeta Sanitaria Europea, Tarxeta de embarque, Seguro de Viaxe (opcional) e tarxeta de estudante (como o carné Xove ou ISIC por exemplo).
Tanto a tarxeta de embarque como outras reservas podes levalas no teu móbil, pero sempre é conveniente que as leves impresas na maleta, imaxínate se quedas sen batería e non podes coller o avión! Tamén che recomendamos que abras unha carpeta no teu Drive ou outro disco na nube e gardes alí toda a documentación escaneada ou en pdf (incluídos DNI, Pasaporte ou demais). Así sempre poderás acurdir á ela cando a necesites. Pero cando o consultes desde un computador público, lembra facelo desde a xanela de incógnito para que non queden as túas señas gardadas.
Diñeiro en efectivo e tarxetas bancarias
Non todos os países da U.E. teñen o Euro, polo que se, por exemplo, vas ao Reino Unido deberás usar libras (£). Comproba aquí se o teu país de destino usa o Euro ou non.
Non é recomendábel que leves moito diñeiro encima, pero convén que arredor de 150€ en efectivo si, xa que sempre poden surxir imprevistos e ter que pagar con efectivo pode ser a única maneira. En caso de non usarse o Euro deberías cambiar previamente nun banco á moeda local.
Os bancos soen cobrar comisión por retirar diñeiro nos caixeiros, polo que consulta na túa oficina que posibilidades tes para que non o fagan. Hai bancos e caixas que teñen ofertas para estudantes e poden retirar até 5 ou 10 veces sen que lles cobren comisión (p.ex. NX-Abanca). Vai á oficina bancaria do teu banco ou caixa habitual e pregunta ou negocia este aspecto. En caso contrario, acode a un banco ou caixa que non che vaian cobrar e abres a conta para poder operar no Erasmus+ e no estranxeiro. Tamén hai tarxetas que teñen seguros de viaxe incorporados cando pagas os billetes de avión con eles, consúltao na túa oficina bancaria.
Mediciñas
Se necesitas tomar medicamentos con receita ou algún tratamento específico non te esquezas de levalos na maleta, xa que non sempre é fácil encontrar todos os medicamentos noutros estados. Consulta ao teu especialista médico a mobilidade que vas facer para que che oriente e axude. Convén, tamén que leves unha pequena caixa de urxencias co material básico (por exemplo):
-
Gasas estériles
-
Algodón
-
Tiras adhesivas (tirita)
-
Esparadrapo de papel (hipoalerxénico)
-
Antiséptico tipo povidona iodada
-
Termómetro
-
Pinzas sen dentes
-
Medicamentos: antiinflamatorios, antipiréticos, antidiarreicos, antihistamínicos...
Móbil
Existen numerosas compañías que ofrecen diferentes tarifas con chamadas e internet. Porén, precisas que o teu móbil estea liberalizado para usalo. Outra alternativa é, dado que agora o roaming é gratuíto, levar o teu móbil coa túa tarifa e usalo normalmente. As chamadas a Galiza entrarán na túa tarifa normal, mais se queres facer chamadas a teléfonos do país onde esteas cobraranchas como unha internacional. Outra alternativa é conseguir un teléfono básico para pórlle unha SIM do país e así facer con el as chamadas que necesites a teléfonos do lugar e para o resto usar o teu. Consulta coa túa compañía de telefonía as condicións do roaming.
Adaptador de corrente e cargadores de todos os aparellos electrónicos.
Non en todos os estados da U.E. as fichas dos aparellos electrónicos son como as nosas de dupla entrada. Na Irlanda, Reino Unido, Italia e Chipre (ademais de Suíza, que non está na UE) as entradas son diferentes, polo que deberás levar un adaptador (ou varios). Podes revisar aquí os tipos de enchufes. O voltaxe, pola contra é igual en todos, de 230V.
Roupa e accesorios
Dependerá da época do ano na que viaxes e a duración da túa estancia. Porén, hai unha serie de prendas e accesorios imprescindíbeis en calquera época do ano: chuvasqueiro, paraugas, calzado cómodo, roupa de abrigo (xerseis, sudadeiras, bufandas, chapeus e luvas). Especialmente se o teu destino é o norte de Europa debes lembrar que o inverno é moito máis frío que aquí, con temperaturas que poden baixar de 0ºC.
Comida envasada
Tes que valorar se és unha persoa con dificultades para adaptarte a gustos e sabores ou se tes algún problema de intolerancia e/ou alerxias. Nestes casos poderías considerar levar algo de comida envasada contigo. Para os demais, aproveita a experiencia e descobre novas cousas!
Portátil / Tablet
Valora as posibilidades que che poden ofrecer para traballar, ver series ou demais. Un portátil pode ocupar moito e logo realmente non usalo o suficiente.
Para preparar a túa estancia no estranxeiro, tamén deberías ler as recomendacións do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación.
Se tes outras dúbidas podes escribir un email a programaseuropeos.iesrodeira@gmail.com