Skip to Content

Convivencia e mediación

Mulleres Colleiteiras

A semana pasada viñeron ao noso centro uns representantes da ONG Arquitectos sen  Fronteiras para acompañar e dar a coñecer o proxecto das Mulleres Colleiteiras, unha cooperativa formada por mulleres xitanas dos poboados chabolistas da Pasaxe e das Rañas.
Este colectivo feminino, en risco de exclusión social, dedicábase a recoller chatarra e cartón, mais como hoxe en día hai puntos limpos tivo que buscar outro medio para sobrevivir.
Agora traballan na recollida de aceite usado que a veciñanza da Coruña, Oleiros, Culleredo e Cambre deposita nos contedores laranxas. As tres mulleres parecían contentas con este proxecto porque, como nos dicían, así poderán ter unhas condicións de vida iguais que as nosas: unha vivenda digna, que os seus fillos estuden e, cando sexan maiores, poidan traballar.
Contáronnos que, aínda que non teñen beneficios, seguen loitando para poder ter un soldo e así dar traballo a máis mulleres destes poboados.
Insistiron na importancia de reciclar para non empeorar a situación das nosas augas, pois un litro de aceite contaminaría unha distancia que vai desde o río Mero até a ría do Burgo. Ademais informáronnos do proveito que lle podemos tirar ao aceite unha vez limpo: biodiésel, xabón...
Finalmente obsequiáronnos cun funil para colocar na botella de plástico e así non ter escusa para non reciclar.
Para complementar esta actividade, onte recibimos a visita de Lucía, voluntaria de ASF, que a través da reportaxe Pedra papel mostrounos a realidade dos nenos e nenas do poboado chabolista da Pasaxe: “Escribían unha carta na que explicaban como é o día a día alí: viven en chabolas e no inverno teñen pingueiras e moito frío. Teñen que camiñar moito para ir á escola, pero queren aprender e que os seus pais aprendan tamén a ler e poidan traballar. Soñan cunha casiña sen pingueiras e con calefacción. Logo facían barquiños coa cartas e botábanos á ría do Burgo para que a xente coñeza a súa realidade”.
Moitas grazas por vir.


Alumnado de 1º AE

Integración

sentímolo, flash non está dispoñible.

Rede de centros solidarios


O programa Rede de Centros Escolares Solidarios é unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que pretende descubrir o voluntariado ao alumnado de educación secundaria, bacharelato, formación profesional e de adultos de Galicia e animalos a comprometerse.

O IES David Buján forma parte un ano máis dos 14 centros que participan neste programa. Dentro das accións propostas para o presente curso, o alumnado de mediación e convivencia está elaborando unha micromovie coa finalidade de promover a difusión da cultura xitana, de impulsar o incremento da solidariedade e do desenvolvemento de actitudes que eviten a discriminación deste colectivo. Na actualidade o alumnado xa elaborou o guión e está participando na grabación dunha curta coa axuda de Ramón Molina Gómez.

A micromovie será presentada no III Encontro de Centros Solidarios que se celebrará en Santiago o día 28 de Maio na Cidade da Cultura.

Obradoiro "DI K NON"

17/03/2015: O equipo multidisciplinar da Unidade Terapéutica Educativa do Centro penitenciario de Teixeiro (Curtis), en colaboración coa Fundación Barrié de la Maza, impartiu para o alumnado de 4º ESO unha primeira sesión do Obradoiro "DI K NON" dirixido á prevención do consumo de drogas entre adolescentes. A segunda sesión vaise desenvolver a próxima semana no propio Centro penitenciario.

 

RECOLLIDA DE ROUPA USADA E CHARLA SOBRE UN PROXECTO EN SENEGAL

26/03/2015 09:20
Atlantic/Bermuda

O centro iniciará unha recollida de roupa usada que abarcará desde o 16 do presente      mes de marzo ata o 25, admitirase roupa de todo tipo pero tamén zapatos, bolsos, sabas, manteis... A roupa depositarase nunha caixa que estará colocada xunto á oficina de administración.

O día 26 de marzo achegaranse membros da ONG Eco Desarrollo Gaia e Jorge Castiella (exalumno do centro) e impartirán unha charla a todo o alumnado repartidos en 3 sesións: 2ª hora a 1º e 2º da ESO, 3ª hora a 3º e 4º da ESO, e a 4ª hora para o bacharelato.

A charla informará sobre o proxecto que desenvolven en Senegal e tamén sobre o que farán coa roupa usada.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut