Skip to Content

Convivencia e mediación

Vídeoconferencias de Fademur

Nos arredores do día 8 de marzo desenvolvéronse varias actividades relacionadas co Día da Muller. A Federación de Asociacións de Mulleres rurais de Galicia (Fademur) en colaboración coa Deputación da Coruña, dentro do programa de Promoción de Valores en Igualdade, tivo un encontro co alumnado da ESO. O 15 de marzo tivo lugar o obradoiro "Os mitos do amor romántico e a Violencia de Xénero" no que participou 1º e 2º da ESO, mentres que o 12 de febreiro fíxose o obradoiro "Imaxes, influencers, Pornografía e Violencia de Xénero" para 3º e 4º. Con estas actividades preténdese desde Convivencia, Orientación, Titorías e Vicedirección traballar a prol da igualdade. 

Actuacións da "Brigada ecolóxica"

Xa está plenamente activa a Brigada ecolóxica formada por alumnado voluntario. Este grupo encárgase unha vez á semana e durante o recreo de garantir a limpeza do patio e os arredores do instituto. Ademais, coa súa acción xenerosa contribúen a preservar o medio natural, xa que evitan a presenza de plásticos e outro tipo de envases.

 
 

Encontro con Moncho do Orzán sobre "Descolonização digital"

Ramón Palleiro Rodríguez, Moncho do Orzán, licenciado en Telecomunicacións, á parte de músico, ensaísta e divulgador, impartiu en streaming unha palestra co título "Descolonização digital". Nela convidábase a reflexionar sobre os retos que nos propoñen as novas tecnoloxías, tanto no que se refire ao medioambiente, a seguridade, á construción das identidades colectivas e persoais, ás desigualdades económicas ou ao control da información. O encontro encádrase dentro da programación de Filosofía de 1º e 2º de Bacharelato, en colaboración con Convivencia e o Equipo de Dinamización da Lingua.

O mundo máxico de Antón

No final do trimestre estivo exposta no centro a mostra "O mundo máxico de Antón". Para alén de gozar dos deseños, imaxinativos, coloridos e dinámicos, traballouse o contido da diversidade, en xeral, e do TEA, en particular, nas aulas de 1º e 2º da ESO. O alumnado coñeceu mellor a Antón e escribiulle cartas que lle serán entregadas en breve. Aquí vos queda unha canción de Pablo Díaz que ten como protagonista a Antón, fotos da mostra e unha ligazón que permitirá achegarnos máis ao seu mundo máxico.

Máis sobre o mundo máxico de Antón nesta ligazón

 

25 N: "Ningunha máis"

Malia ser este un ano particular, non podíamos esquecer esta outra pandemia, a dos feminicidios. A día 25 de novembro xa ían 40 mulleres asasinadas polas súas parellas en 2020, máis dúas rapazas asasinadas despois de que o criminal matase ás nais. Por ese motivo decidimos levantar a nosa voz para que NINGUNHA MÁIS sexa asasinada. O IES David Buján, en colaboración co concello de Cambre, berrou coa voz tinguida de negro:
NINGUNHA MÁIS
NINGUNHA MÁIS
NINGUNHA MÁIS.
Distribuir contido


by Dr. Radut