O nome do noso Instituto

Na Revista das letras 2005, revista elaborada polo Departamento de Lingua Galega e o Equipo de Normalización Lingüística do IES  Carlos    Casares de Viana do Bolo no curso 2004-2005 faise unha cumprida exposición de todo o proceso realizado naquel curso e que conduciu ao cambio de nome do centro académico, que ata aquel momento se chamaba simplemente IES Viana do Bolo: as razóns do cambio, os pasos seguidos para dalo, os apoios recibidos para realizalo, os actos ao redor da figura do insigne escritor ourensán…, pero, ¿que puxo en marcha todo este proceso?

Empecemos polo principio e sinalemos ao “culpable”: e o responsable non é outro que Carlos Ferreiro, profesor de Lingua Española e daquela Xefe de Estudos do IES Carlos Casares. ¿E por que é el o “culpable”? Porque foi el quen, ao iniciou do curso académico 2003-2004, puxo en coñecemento de dúas profesoras de Lingua Galega acabadas de chegar un dato que elas descoñecían: Carlos Casares tiña iniciado a súa vida profesional en Viana do Bolo e fora expulsado da vila acusado de influenciar politicamente no alumnado. Carlos compartiu tamén con estas profesoras as súas inquedanzas respecto á realización dalgún tipo de desagravio á súa figura.

Este e non outro foi o detonante. Ao empezar a investigar sobre este asunto descubrimos que no ano 2004 se cumpriría o 35º aniversario da estadía de Carlos Casares en Viana do Bolo e foi aquí onde “entrou en xogo” outro personaxe coñecido por todos: Luís Fernández, outro profesor e daquela Vicedirector do IES, quen asumiu con entusiasmo os “desvaríos” das súas compañeiras de Claustro: ¿Por que non celebrar ese 35 aniversario poñéndolle ao noso centro educativo o nome de IES Carlos Casares? Así comezou todo.

Foi un proceso posto oficialmente en marcha o 16 de abril de 2004, cando o Consello Escolar do IES ratificou a proposta, aprobada unanimamente polo Claustro, do cambio de denominación do centro e que a Administración educativa autorizou mediante a Orde de 1 de xuño de 2004.

A iniciativa recibiu varias cartas de adhesión de diferentes Institucións e Organismos que nos mostraron o seu apoio. Velaquí algunhas delas:

 

 

 

 

 

  O cambio de denominación do noso IES foi noticia nalgúns xornais que a recolleron así:

 

Pero non sería ata o 1º trimestre do seguinte curso académico cando, o que xa era oficialmente IES Carlos Casares, recibiu o seu auténtico bautismo. Foi no acto celebrado o 23 de novembro no propio IES no que destacou a presenza da viúva de Carlos Casares, Cristina Berg, quen agradeceu esta mostra de cariño e do seu irmán, Xavier Casares, que recoñeceu estar emocionado ao recordar aqueles anos en que Carlos chegou a Viana para dar as súas primeiras clases de Lingua e Literatura e coa intención de ensinar con tolerancia, liberdade e amor pola terra. Tamén asistiron autoridades educativas e políticas como Felipe Ferreiro, Delegado de Educación; Camilo Ocampo, Subdelegado do Goberno, Damián Villalaín, Director da Fundación Carlos Casares e Andrés Montesinos, alcalde de Viana. Non podemos esquecer a presenza de varios exalumnos do propio Carlos Casares, dos alumnos, pais e nais, membros do Consello Escolar e profesores do IES. De todos eles exerceu de anfitrión o Director do IES Carlos Casares, Miguel A. Arranz.

 

Cristina Berg descobre a placa conmemorativa do acto acompañada de X. Casares

Algúns dos que foron os seus primeiros alumnos lembraron ao seu mestre neste acto. Todos coincidiron en sinalar a Carlos como un profesor diferente aos demais, do que se falaba moito polos corredores. Segundo eles era unha persoa moi accesible que sempre se dirixía ós alumnos en galego, algo moi pouco común naquela época. Pero o que máis recalcaron foi que sempre se preocupou moito polos seus alumnos e que dedicou moitas horas despois das clases para estar con eles e non deixalos sós ata que chegara o autobús.

 

Cristina Berg e X. Casares acompañados de ex- alumnos do escritor

 

Estas son algunhas das fotos achegadas polos exalumnos de Casares cando impartía clases en Viana do Bolo, alá polo 1969.

 

 

 

 

  Permitídeme agora unha pequena reflexión persoal: pasaron xa varios anos de todo isto e hoxe en día o IES Carlos Casares aparece a miúdo nos medios de comunicación como exemplo de boas prácticas educativas. Cando teño noticia destes éxitos eu non podo por menos de sentirme orgullosa, non porque eu teña parte neses méritos, nin moitísimo menos, senón porque eu tiven algo que ver con que o centro teña ese fermoso nome. Eu era unha desas dúas profesoras de galego chegadas a Viana do Bolo a finais do ano 2003 e cada vez que evoco o nome do IES Carlos Casares acoden a min lembranzas de alumnos marabillosos, de compañeiros inesquecibles e de amigos verdadeiros. Ser profesora –esa fermosa palabra- no IES Carlos Casares foi unha das etapas máis intensas da miña vida e, cando evoco os pasos seguidos nesa etapa da miña vida, nunca podo separalos daqueles outros pasos dados na cimentación dunha das amizades máis completas que teño atopado na miña vida: a de Maribel Gil Cacheiro, aqueloutra profesora de galego tamén chegada a Viana no 2003. Ao seu lado descubrín o mellor da miña profesión.

Teresa Araújo García (Profesora no IES Viana do Bolo nos cursos 2003-04 e 2004-2005

Eu son a outra profesora de galego que foi parte ilusionada deste proxecto. Síntome moi orgullosa de ter participado nesta homenaxe a Carlos Casares e de ser unha das”madriñas”, xunto con Teresa. Casares converteuse para todos nós nun referente como profesor: tolerante e preocupado polos alumnos, un modelo que segue vixente no IES Carlos Casares. Esta etapa ocupa un lugar querido na miña memoria. Lembro anécdotas, palabras e imaxes pero, e sobre todo, persoas. Tiven a fortuna de ter alumnos marabillosos e de coñecer compañeiros, non só de traballo ( con intención, desexo e capacidade para o ensino), senón tamén de tempo, de conversas e vivencias, aos que me unen lazos de amizade e uns sólidos afectos. Non atopo as palabras para agradecervos todo o que me destes profesional e persoalmente Luís, Chelo, María, Carlos, Susana, Miguel, Betty...e, sobre todo, Teresa, a miña mestra yedai.

Maribel Gil Cacheiro (Profesora no IES Viana do Bolo nos cursos 2003-03, 2004-05 e 2005-06

VIANA NA LEMBRANZA

Os ollos foron bater asombrados a un edificio barroco dunha rara armonía, cun frontón no cumio da fachada e un balcón corrido de ferro. Pareime a mirar con calma. Cando xa tiña soñado no que debeu ser a vida dos seus ilustres propietarios no pasado, con delicadas mociña cultivando artes de adorno nos salóns da casa ou asomadas ó balcón para observar o paso das xentes polas tardes, atentas quizais á mirada furtiva de calquera mozo namorado, fun observando os demáis edificios da praza. Figuran para min entre os recunchos máis queridios de Galicia.

CARLOS CASARES