Novidades

Novidades de novembro: descobre a maxia dos libros

Enviado por Anónimo o Lun, 29/10/2007 - 12:13

Novembro, mes máxico coma ningún. Avanza o outono, e as árbores mudan a cor verde polas castañas e ocres que anticipan a chegada do inverno. Co Samaín reaparecen as luces que alumean os camiños que conducen ao máis aló, a un mundo de misterio e maxia que habita na memoria dos nosos maiores. Recuperemos este espírito perdido guiados pola mellor compañía: a dun libro.

Antón Riveiro Coello: A voz do lago

Col. Árbore
Galaxia. Vigo, 2007


A voz do lago

En setembro de 1927 María Mariño e os seus deixan Noia para ir a vivir a Escarabote, preto do pazo de Goiáns, onde traballa de cociñeira unha parenta súa, herdeira da fortaleza cercana ao Lago do Mar. Irene, unha nena de dez anos, coñece os novos veciños e repara na elegancia de María, quen, amais de vestidos, cose versos e apaña bolboretas no vento. As dúas fan boas migas e María Mariño decide compartir con Irene un segredo: o misterio dun libro que provoca un murmurio no lago.

Atoparalo na sección de Literatura en Lingua Galega.

 


J.M. Olaizola "Txiliku": El tío Bin Floren

Col. Camaleón (Serie azul. A partir de 12 anos)
Planeta & Oxford. Barcelona, 2006


El tío Bin Floren  

Un día de néboa, o tío Florentino roda escaleiras abaixo. A vendaxe que lle pon o doutor, en forma de turbante, obra no enfermo un efecto marabilloso. Para ledicia dos seus sobriños, o tío Florentino pasará a ser o tío Bin Floren, e a súa mente, un arca chea de increíbles historias.

Atoparalo na sección de Literatura en Lingua Castelá.

 

Jorge Gómez Soto: La chica del andén de enfrente

Col. Gran Angular. Alerta roja
SM. Madrid, 2007


 

La chica del andén de enfrente  

Miguel e Eduardo son os típicos xemelgos que, en realidade, non se parecen en nada. A Miguel encántalle salir de troula cos seus amigos todos os fins de semana; mentras, seu irmán queda na casa lendo, escribindo, vendo un programa de televisión onde aparece a moza dos seus soños e chateando diante da computadora. Os dous irmáns lévanse mal e só están de acordo en evitarse. Pero un día, Yolanda e Irene entrarán nas súas vidas para amosarlles que teñen moito en común.

Atoparalo na sección de Literatura en Lingua Castelá.

 

Alessandro Taverna: La Ópera y su historia

Col. Andantino
Malsinet. Barcelona, 2006


 

La ópera y su historia  

Introducción clara e sinxella, para todas as idades, sobre a historia da Ópera e os grandes compositores do mundo. Asimesmo, expón unha importante clasificación dos xéneros musicais e explica como se compón e representa a Ópera. Con ilustracións de gran formato que axudan a comprender e visualizar cada un dos apartados do libro.

Atoparalo na sección de Música.

 

Stefano Catucci: La Historia de la Música

Col. Andantino
Malsinet. Barcelona, 2005

Historia de la Música  

Unha guía amplamente ilustrada para seguir a evolución da música dende ferramenta de comunicación ata arte propiamente dita. Un doado percorrido dende os primeiros instrumentos ata as técnicas máis modernas de reprodución do son. As ideas, a sociedade, a historia, as formas e os xéneros das tradicións musicais máis diversas de Oriente e Occidente, dende a prehistoria ata os nosos días.

 

Atoparalo na sección de Música.

 

Saber para vivir... temas que che interesan tratados en profundidade.

Enviado por Anónimo o Lun, 22/10/2007 - 11:38
Carátula   Cuestións de actualidade que afectan a mozos e mozas dende o punto de vista da educación en valores. Coñecer o proceso e as consecuencias para decidir con intelixencia. Todo isto atoparalo nunca colección dispoñible na biblioteca que agora medra e se actualiza.
 

 

Setembro, un mes de cine

Enviado por Anónimo o Xov, 11/10/2007 - 11:57
Cartel do 55 Festival Internacional de Cine de San Sebastián
 

Do 20 ao 29 de setembro celebrouse o Festival Internacional de Cine de San Sebastián. Donostia converteuse na capital internacional do cine por uns días, nunha edición na que houbo estreas, homenaxes, e premiouse ás mellores películas e actores. Para saber máis deste recoñecido evento visita esta link: Festival Internacional de Cine de San Sebastián

No comezo de curso, a biblioteca quere facer a súa pequena homenaxe ao mundo do cine cunha selección de películas cinematográficas e documentais que acabamos de incorporar ao noso fondo.

 


 

Una verdad incómoda: una advertencia mundial

Dir.: Davis Guggenhein
Paramount Home Entertainment. Madrid, 2006


 

Cartel Una verdad incómoda  

O ex-vicepresidente Al Gore presenta unha visión esclarecedora e convincente do futuro do planeta (e da nosa civilización) no documental "que hai que ver" do ano. É unha chamada de atención que desbota mitos e ideas trabucadas, para transmitir a mensaxe de que o quencemento mundial é un perigo real e presente

Película documental. Nacionalidade: EE.UU. 2006. Aut. para todos os públicos

Para saber máis: Yahoo Cine

 

El Show deTruman

Dir.: Peter Weir
Paramount Home Entertainment. Madrid, 2000


 

El Show de Truman  

Truman Burbank, un cidadán modelo, ten a sensación de que o vixían e non se equivoca. Cada segundo de día, dende o momento en que naceu, foi o protagonista inadvertido da telenovela máis longa da historia sen que el o soubese.

Película cinematográfica. Nacionalidade: EE.UU. 1998. Aut. para todos os públicos

Para saber máis: Yahoo Cine

 

Family Man

Dir.: Brett Ratner
Manga Films. Madrid, 2001


 

Family Man  

Jack Campbell é un executivo financeiro que vive na cidade de Nova York. O seu ritmo de vida exitoso e acelerado, deixoulle unha grande fortuna, centos de mulleres que pasaron fugazmente pola súa vida, e un corazón baleiro. Unha noite, accidentalmente, a vai involucrado nun roubo. De súpeto a súa vida dá un xiro sobrenatural e esperta vivindo nunha casa aos arredores da cidade, con dous fillos, casado cunha noiva que tivo trece anos atrás, e á cal debeu abandonar para poder seguir ascendendo na súa carreira.

Película cinematográfica. Nacionalidade: EE.UU. 2000. Aut. para todos os públicos

Para saber máis: Yahoo Cine

 

El Pianista

Dir.: Roman Polanski
Buena Vista Home Entertainment. Madrid, 2002


 

Cartel El Pianista  

Historia de Wladyslaw Szpilman, pianista xudeu polaco, que evita ser deportado, pero remata vivindo no gueto de Varsovia. Alí vive os sufrimentos, humillacións e a loita dos seus correlixionarios, ata que logra fuxir para refuxiarse nas ruinas da cidade, fóra do barrio-prisión. Un oficial alemán, amante da súa arte, acabará salvándolle a vida.

Película cinematográfica. Nacionalidade: Alemaña, Francia, Polonia e Reino Unido. 2002. Non recomendada a menores de 13 anos.

Para saber máis: Yahoo Cine

 


Lecturas de xuño: leva os libros de vacacións

Enviado por Anónimo o Mar, 29/05/2007 - 11:18

Xuño, axiña chegan as vacacións de verán. Con elas tempo de lecer para facer o que máis che gusta, ir a praia, sair cos amig@s... E, por suposto, ler eses libros que tan bos momentos che fan pasar. De seguro estarás en boa compaña.

 

F. Lalana e J. M. Almárcegui : Los hijos del trueno

Col. Serie Roja
Alfaguara. Madrid, 2006


Los hijos del trueno  

Unha historia de humor que narra como o Goberno decide acabar co fracaso escolar, limitando na ESO o número de alumnos por aula a 22. Os que sobren, irán a parar aos recén creados Institutos Remanentes.

Sección Lingua castelá e Literatura

     

Elvira Lindo: Manolito tiene un secreto

Col. Afaguara Juvenil-Serie Manolito Gafotas
Alfaguara. Madrid, 2005


Manolito tiene un secreto  

Neste sétimo libro Manolito ten 10 anos e, como sempre, van acontecerlle moitas cousas: a súa clase é seleccionada para recibir unha ilustre visita por Nadal: o Alcalde. A función de Nadal foi un completo éxito e, por último, Manolito decátase dun importante segredo: vai ter un irmanciño ou irmanciña o próximo ano.

Sección Lingua castelá e Literatura

     

Ursula Wölfel: 28 historias para rir

Col. 7 leguas
Kalandraka. Pontevedra, 2006


28 historias para rir   Unha vez un home tiña tanta présa que quería non precisar ningún tempo para nada. Había un paxaro tan voraz que non aturaba ver que outros paxaros tivesen algo que picar.Unha vez había unha porca que sempre se enfadaba cando a xente lle chamaba "porca". Prefería que lle chamasen Rosa.Historias sinxelas, que invitan a debuxar un sorriso; baséanse no "nonsense" e teñen moita carga surrealista, pero sempre deixan un pouso de lóxica. Por moi inverosímil e disparatada que soe a historia, o lector acabará sendo solidario e comprensivo cos comportamentos estraños dos personaxes: actúan como actúan porque así ten que ser, con toda a razón do mundo.


Sección Lingua galega e Literatura

 

VV.AA: Relatos fantásticos

Col. Aula de literatura
Vicens Vives. Barcelona, 2006


Relatos fantásticos  

Se a literatura invítanos a penetrar nunha fonda realidade que se atopa máis alá dos nosos sentidos, as imaxes que o xénero fantástico nos ofrece desa realidade son arrepiantes. Nun mundo que ansiamos de seguridades e certidumes,irrompe outro de orixe escura, ainda que de orde interior, que desata o conflito, abanea os esquemas cos que apresamos a realidade e lévanos cara a incertidume e o desacougo.
Esta obra preséntanos unha escolma de significativos relatos do xénero obra de autores coma Edgar A. Poe, H. G. Wells, W. W. Jacobs, G. de Maupassant, H. H. Ewers, M. R. James e A. Machen.

Sección Lingua castelá e Literatura

Novidades da Biblioteca: Ler en Maio, mes das nosas letras

Enviado por Anónimo o Mér, 23/05/2007 - 11:28

No mes das nosas letras, presentamos unha escolma de novidades recén chegadas á Biblioteca. Gozade delas!

Fran Alonso: O brillo dos elefantes

Col. Merín
Edicións Xerais, Vigo, 2006


O brillos dos elefantes. Fran Alonso
 

Un neno centroamericano vive nunha aldea de Matagalpa, coa súa nai e a avoa Mirta, nun fermoso país de lagos e volcáns. Na aldea onde viven a penas teñen para comer e unha guerra non declarada ameaza os campesiños. Taquín, o mestre dunha escola á que non vai ninguén, fai que o neno acabe por perderlle o medo á noite e descubra o sentido da vida.

Sección Lingua galega e Literatura

Xosé Díaz Díaz: A morriña das balas

Col. Fóra de Xogo
Edicións Xerais, Vigo, 2006


A morriña das balas. Xosé Díaz Díaz
 

John Ribera, logo de atravesar o deserto fuxindo dunha gavela de ladróns comandada por Samuel Flanagan, chega de Ridgecrest moribundo e cunha bala chantada nas costelas. John, que formara parte desta banda de delincuentes, decidira delatalos para cobrar a recompensa que ofrecían pola captura. Pero Ridgecrest non é un lugar seguro para el: o shériff infórmao de que Flanagan o ten localizado, polo que lisca da vila na primeira dilixencia cara a San Diego. Durante esta viaxe coñece a Susan, a rapaza da cal se namora e con quen vai compartir moitas das aventuras ás que se terán que enfrontar.

Sección Lingua galega e Literatura

Fran Alonso: Cartas de amor

Col. Fóra de Xogo
Edicións Xerais, Vigo, 2006


Cartas de amor. Fran Alonso  

As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas son a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración... E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais -persoais ou sociais- moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade.

Sección Lingua galega e Literatura

Bernardino Rivadavia: Mariluz que soña, que soña...

Col. Q
OQO Editores, Vigo, 2006


Marizul. Bernardino Rivadavia  

Nun reino, lonxe de todas partes, o rei, que no pode durmir, pídelle auxilio ao mago da corte. Trifón ofrécelle unha fresa encantada, pero por un descoido, Marizul, sobriña do mago, come a froita máxica estinado a curar o insomnio do monarca e entra nun profundo soño.

Sección Lingua galega e Literatura

 

Maio: mes das nosas letras, mes de María Mariño

Enviado por Anónimo o Mar, 15/05/2007 - 10:56

O 17 de maio homenaxeamos a figura de María Mariño no día das nosas letras.

Según Antonio Romaní, María Mariño Carou é unha figura singular no contexto da literatura galega pola obra, pola biografía, pola recepción. Vinte e sete anos separan a publicación do seu primeiro libro Palabra no Tempo da edición de Verba que comeza. Ao longo dese tempo creouse arredor desta escritora un veo de misterio, alimentado polo seu afastamento do mundo literario.

Neste mes presentamos dúas obras que xiran arredor desta autora: unha biografía e unha antoloxía da súa obra, editadas co gallo desta celebración.

 

Biografía de María Mariño / Xerardo Agrafoxo
Vigo: Editorial Galaxia, 2007

Biografía de María Mariño María Mariño (Noia, 1907-Parada do Courel, 1967) chega no ano 1947 a Parada do Courel, onde coñece ao poeta Uxío Novoneyra, circunstancia que provocará o xurdimento dunha das voces máis sorprendentes da lírica galega. No ano 1963 publica, cun limiar de Otero Pedrayo, o libro Palabra no tempo, despois escribirá os poemas que compoñen Verba que comeza (1990), publicado postumamente.

Antoloxía / María Mariño; Edición literaria, Patricia Arias
Vigo: Editorial Galaxia, 2007

Antoloxía de María Mariño María Mariño faleceu o 19 de maio de 1967. En 2007 dedícaselle o Día das Letras Galegas, corenta anos despois da súa morte e cando se celebra tamén o centenario do seu nacemento.
María Mariño chega no ano 1947 a Parada do Courel, onde coñece ao poeta Uxío Novoneyra, circunstancia que provocará o xurdimento dunha das voces máis sorprendentes da lírica galega. No ano 1963 publica, cun limiar de Otero Pedrayo, o libro Palabra no tempo, despois escribirá os versos que compoñen Verba que comenza (1990), publicado postumamente.
Edición de Patricia Arias Chachero
Distribuir contido


Feito con Drupal (ver. 6.28)

 


Proxecto Webs dinámicas

Xunta de Galicia - Consellería de Educación, 2013
Drupal theme by Kiwi Themes.