PREMIADOS ANXO EIRIZ E "LIBRERÍA CHUS" POLA DEFENSA DA LINGUA E DA CULTURA GALEGAS NA COMARCA DOS ANCARES.

Nesta segunda edición do Premio IES Becerreá á promoción da lingua e cultura galegas na comarca do Ancares  (creado a instancia do Equipo de Dinamización Lingüística do centro) os galardoados foron, dentro das iniciativas levadas a cabo no ámbito cultural, Anxo Eriz Mouiz, mentres que desde o ámbito das inciativas privadas foi premiada a "Librería Chus" de Becerreá.

Anxo, figura polifacética e durante moitos anos profesor do IES de Becerreá, foi seleccionado de entre as candidaturas presentadas ao premio por ser quen iniciou aló polos anos setenta unha intensa actividade de culturización no noso idioma pola comarca. Anxo foi para moitos/as o primeiro que utilizou o galego na docencia. Antigos alumnos/as do noso centro oíron por primeira vez unha clase en galego con Anxo. Anxo Eiriz ensinou, propagou a múisca polos concellos aldea a aldea, ensinando, animando até crear a banda de Música das Nogais, referente hoxe da música na nosa comarca. Iniciou no teatro a moitas mozas e mozos no Insitituto ou polas aldeas nas que creaba grupos teatrais. E todo isto de xeito desinteresado, solidario, amable; sen ningún outro ánimo que difundir a nosa lingua e cultura.

Con respecto ao premio outorgado á "Librería Chus", a comisión organizadora do premio considerou a traxectoria vital desta librería becerrense, que dende 1984  vén ofrecendo un servizo de distribución de libros, no que salienta o número de fondos que se adquiren en lingua galega aínda coa presión das distribuidoras. Tamén destaca o seu labor dentro do ámbito da comarca como principal fonte de adquisición de fondos de lectura, a oferta ao alumando dos centros educativos da zona e manter unha liña de vendas que abrangue a todo tipo de lectores.

Preme aquí para ver o vídeo do acto de entrega do premio, que tivo lugar no salón de actos do centro o venres 5 de xuño, e aquí ou sobre a imaxe para poder ver unha selección de fotos.