PREMIO PARA O CLUB DA IGUALDADE

Este sábado 19 de decembro tivo lugar en Pontevedra o acto de entrega dos IV Premios Xuventude da Deputación de Pontevedra, convocatoria na que o IES Auga da Laxe resultou gañador do 1º premio na modalidade de Educación en valores polo proxecto do Club da Igualdade, desenvolvido no curso 2019-2020. O galardón, dotado con 2.000 euros e unha peza escultórica realizada pola Escola de Cantería de Poio-Pontevedra, recoñece as actividades desenvolvidas o curso pasado baixo o lema "No IES Auga da Laxe respectamos a diversidade e traballamos pola igualdade", nas que participou profesorado, alumnado e tamén moitas familias e que tiveron como acto central a proposta "Imos de voda!", celebrada no instituto o 14 de febreiro e que contou coa colaboración da ANPA. Desde o instituto queremos agradecerlle á Deputación de Pontevedra este recoñecemento e transmitirlle tamén os nosos parabéns ao IES Illa de Ons, de Bueu, e ao IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, gañadores do 2º e do 3º premio respectivamente.