Concurso de Fotografía Matemática

 O departamento de Matemáticas coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística organiza o Concurso de Fotografía Matemática que se vai rexer segundo as seguintes bases:

BASES

1. Tema das fotografías: o mundo das matemáticas. 
2. A fotografía debe levar un título e un breve texto descritivo/explicativo en galego nos que se estableza a relación co seu contido matemático. Tanto o título como o texto deberán ser orixinais e atractivos e serán tamén avaliados polo xurado.
3. As fotografías deben ser inéditas.
4. Poderá participar todo o alumnado do centro, cun máximo de 3 fotografías por persoa. 
5. Establécense dúas categorías nas que o xurado designará un gañador por categoría:
- Categoría A: alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO.
- Categoría B: alumnado de 4ºESO e Bacharelato.
Os premios poderán ser declarados desertos.
6. Outorgarase, ademais, un premio especial por votación popular (cada persoa poderá votar unicamente unha fotografía).
7. Os premios consistirán en material informático, audiovisual, didáctico ou educativo, por valor duns 15 € por categoría.
8. O prazo de recepción de fotografías remata o día 30 de abril de 2019. As imaxes presentadas expoñeranse durante a celebración da semana matemática, entre o 6 e o 10 de maio. O 9 e o 10 recollerase o voto popular e, na semana seguinte, daranse a coñecer as fotografías gañadoras. Os premios serán entregados o 16 de maio no recreo.
9. As fotografías remitiranse ao correo fotomataugadalaxe@gmail.com como arquivo adxunto, achegando ademais os seguintes datos:

  • Nome completo do alumno ou alumna participante.
  • Curso.
  • Título da fotografía en galego.
  • Texto breve descritivo/explicativo en galego. 

Deberase enviar un correo con estes datos por cada obra presentada ao concurso.
10. O xurado estará formado polas profesoras do departamento de Matemáticas e do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.
11. O centro poderá expoñer ou publicar as fotografías enviadas na súa páxina web.
12. A participación no Concurso implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.