Intercambio con Dinamarca

 
Este xoves 7 de marzo saíron de viaxe cara a Dinamarca dezanove alumnos e alumnas de 2ºBach, acompañados por dúas profesoras, para participar na segunda parte do intercambio que organiza o Departamento de Inglés co instituto Viby Gymnasium de Aarhus. O alumnado, que estará alí ata o 14 de marzo, vai integrarse durante unha semana na vida escolar do instituto danés, asistindo ás clases cos seus compañeiros e compañeiras e participando de actividades culturais na vila, ademais de convivir coas súas respectivas familias.
Este intercambio, que se organiza desde o curso 2012-2013, forma parte do proxecto de internacionalización do IES Auga da Laxe, no que se inclúen tamén outros dous intercambios con diferentes centros educativos de Alemaña e Francia, que teñen como obxectivo fortalecer a aprendizaxe de linguas estranxeiras e fomentar o coñecemento doutras culturas.