O SIGNIFICADO DOS REFRÁNS NA ACTUALIDADE. ARTIGO.

REFRÁNS

 
    Con este artigo non se pretende dar luz e transparencia ó refraneiro, pero si transmitir a idea de que os refráns, ademais de seren unha reserva léxica e fraseolóxica onde podemos atopar numerosos recursos literarios,  constitúen unha interminable fonte de información referente tanto a aspectos concretos relacionados coa agricultura, os oficios ou o tempo, como a consideracións sobre a ética e a estética, o sufrimento e o gozo, e a vida en xeral, incluíndo a transcendental.


    EN MARTES, NON CASES NIN EMBARQUES

    As supersticións respecto dos días da semana son moi antigas. Unha delas é a crenza de que martes, mércores e venres son días desgraciados ou polo menos pouco favorables porque teñen r-. Esta letra tamén converte ós meses do ano que a teñen en maléficos, polo menos para comezar accións máis ou menos decisivas na vida. Claro que, por exemplo, en Francia o mes gafe para casar é o de maio. En boa parte do mundo latino sempre se considerou supersticiosamente o martes  como un día malfadado, non só para casar e embarcar, senón para emprender calquera actividade. É a mesma teima supersticiosa que teñen co venres en Francia e outros países europeos.

    Parece ser que este refrán provén da época dos romanos que non querían casar en martes, día consagrado a Marte, quen, ó ser o deus da guerra, ía traer desacordos e pelexas no matrimonio. Máis tarde aplicouse tamén ó feito de embarcar e, co paso de tempo, ampliouse metaforicamente o seu significado para empregalo en calquera actuación significativa que se comece individual ou colectivamente.

    O noso refraneiro está cheo de sentencias supersticiosas como Derramar viño é bo sinal, pero non o sal e A San Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo, relacionado este ademais coa relixión. Tamén abundan os refráns sobre o matrimonio, a voda, os desexos de casar, casamentos interesados, etc., dos que citamos algúns exemplos: Matrimonio de parentes ten moitos inconvenientes; Nin voda triste nin enterro alegre; ¡Meu San Antoniño, dáme agora un bo maridiño! ; Casamento por interés, o contento dura un mes. Sen embargo a penas existen refráns sobre embarques a pesar de que houbo moitos, sobre todo aqueles que trasladaron os nosos emigrantes a ultramar. O mesmo se botan de falta refráns sobre os propios emigrantes e a emigración que levou a tantos galegos a Castela, á América e a Europa, tema que, sen embargo, trataron maxistral e comprometidamente os nosos escritores como Rosalía, Curros, Castelao, Celso Emilio, Neira Vilas e outros.



VALE MÁIS UN MAL ACORDO CA UN BO PREITO

    Este refrán sintetiza a experiencia acumulada ó longo dos séculos, que deixa claro que en calquera litixio sempre é mellor chegar a un acordo pactado entre as partes que comezar un procedemento xudicial. Pero aínda hai máis: o refrán prefire un acordo malo ou pouco vantaxoso e non un preito, aínda que prometa un fallo favorable. Un preito leva consigo, entre outros trastornos, visitar avogados, apandar coas molestias das declaracións, crear inimigos e gastar moitos cartos, inconvenientes que desaconsellan preitear. Ademais, hai que engadir o sufrimento polas moitas preocupacións, porque o resultado dun preito sempre é incerto.

    O absurdo dos preitos ponse de manifesto naquel conto popular, como populares son os refráns, que nos narra a discusión de dous labregos que ían de mañá cedo para a feira e oíron cucar o cuco. Cada un deles afirmaba que o cuco cantara para el, pois xa se sabe que o canto do cuco trae boa sorte a quen o oe de primeiro. Como non se puxeron de acordo decidiron ir a un xuíz. Contáronlle o sucedido e plantexáronlle o que pretendían. O xuíz quedou abraiado co que lle solicitaban, pero, despois de pensar un pouco, dixo:

- Déanme vinte pesos cada un e despois dígolles para quen cantou o cuco.

Os dous así o fixeron e o xuíz axiña resolveu:

- O cuco non cantou para ningún de vostedes. O cuco cantou para min que gañei corenta pesos.

    Son moitos os refráns que recollen e expoñen as desvantaxes dos preitos, de entre eles escollo estes tres: Máis vale ruín compostura que bo preito; Quen de preito se librou, preito gañou, ambos de intención e contido semellante ó que comentamos,  e En preitos vexas a quen mal queiras que, sendo diferente, deixa claro o pernicioso que poden chegar a ser os preitos.

Última modificación: Martes, 19 de Xullo do 2016, 11:35