Skip to Content

Dinamización da Biblioteca

O club de lectura Na raia recibe ao alumnado do CEIP A Sangriña

21/06/2017 11:05
Etc/GMT+1
Para rematar a viaxe lectora deste curso, hoxe 21 de xuño o club de lectura "Na Raia" recibiu na Bibliotrega os alumnos e alumnas de 6º de Educación Primaria do CEIP A Sangriña. Os lectores e lectoras na raia contáronlles o que fixeron durante o curso, os libros que leron, as actividades que compartiron, o seu paso polas Xornadas de Clubs de Lectura...
Os futuros compañeiros e compañeiras escoitáronos con atención e tamén falaron dalgunhas das súas lecturas deste ano, recomendando obras como por exemplo Dúas bágoas por Máquina, de Fina Casalderrey.
Foi un pracer compartir ese tempiño, e parece que moitas e moitos xa están dispostos a converterse en "lectores e lectoras na raia" o próximo curso.
Vémonos en setembro. O club de lectura "Na raia" deséxanos a todas e todos un fantástico verán cheo de boas lecturas!!!

Contos do mundo

Contos do mundo é o título dun ilusionante proxecto levado a cabo este curso entre o CEIP e o IES A Sangriña e organizado polas respectivas Bibliotecas, do que vos levamos a falar estes últimos meses. Rapaces e rapazas do instituto convertéronse en contacontos e fixeron gozar ao alumnado do colexio, con relatos centrados en diversos países do mundo. Foi unha viaxe na que todos aprendemos, e que serviu para estreitar lazos entre estes centros irmáns.
Velaquí unha presentación que recolle os mellores momentos.

X XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA

17/06/2017 09:00
Etc/GMT+1

O pasado sábado 17 de xuño, preto dun milleiro de lectoras e lectores dos clubs de lectura de toda Galicia reunímonos no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela para participar nunha xornada de convivencia e formación celebrando que levamos 10 anos de clubs de lectura nos centros de ensino de Galicia.

Os lectores e lectoras "Na raia" non quixemos faltar a esta cita e ás 7:00 da mañá estabamos saíndo da Guarda para dirixirnos a Compostela.
Gozamos dunha estupenda xornada, con charlas e obradoiros da man de profesionais da lectura como Ledicia Costas, Xosé Tomás, Fran Alonso, Miguelanxo Prado (Premio Clubs de Lectura deste ano), Rosa Aneiros, Andrea Maceiras, Antón Riveiro Coello, César Mallorquí, e un longo etcétera.
Houbo obradoiros de banda deseñada, grafitti, dobraxe, radio, encontros con autores, charlas, quedadas entre clubs...
Entre obradoiros puidemos admirar aos artistas de Pista Catro, profesionais do circo e o cabaret que nos deixaron abraiados coas súas actuacións.
Tomamos un xantar ao aire libre grazas a unha chea de gastronetas instaladas no exterior do Pazo, e pechamos a xornada cun concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitres que nos levantaron a todos dos nosos asentos.

Foi, certamente, unha xornada insquecíbel!!! Non podemos máis que agradecerlle á Asesoría de Bibliotecas Escolares a súa invitación e animalos a que sigan a organizar eventos como este, porque como quedou demostrado, os amantes dos libros e a lectura somos milleiros.

Contos do mundo: México

07/04/2017 08:10
Etc/GMT+1

México foi o país ao que viaxamos na derradeira sesión de Contos do mundo.
O pasado venres, 7 de abril, cinco alumnos de 2º de ESO C, xunto coa profesora Marisa Guerra, desprazáronse á biblioteca do CEIP A Sangriña para relatar fascinantes historias sobre a descuberta do millo ao alumnado de 3º de Primaria.

Máis información en Bibliopepiño.

Distribuir contido


by Dr. Radut