Skip to Content

CARTA Á COMUNIDADE ESCOLAR DO IES A SANGRIÑA

A Guarda, 22 de xuño de 2021

 

Prezados membros da Comunidade Escolar do IES A Sangriña:

Chegados á fin deste curso 20-21 é de xustiza facer balance e sacar as oportunas conclusións. Fomos quen de rematar este dificilísimo curso sen grandes incidencias no noso centro. Evitamos o que todos e todas temíamos ao comezar aló polo mes de setembro: que chegáramos a rexistrar contaxios masivos dentro do centro. Co esforzo de todos e de todas, logramos manternos libres das consecuencias da pandemia e chegar a este día no que comezan unhas merecidas vacacións.

Non podemos rematar sen agradecer a todo o alumando do IES A Sangriña eses días de frío inverno que pasastes coas fiestras abertas. Non podemos esquecer esas deambulacións cara ás zonas asignadas de recreo, procurando non xuntarnos moito. Non se borrarán esas imaxes vosas desinfectando diariamente pupitres e cadeiras, vixiando o uso correcto das máscaras, evitando incumprir a distancia de seguridade. Cando o contacto, o poder tocar, abrazar a ese compañeiro ou compañeira, era tan necesario para poder consolarnos da dureza dos días negros desta pandemia, tivestes que prescindir desa aperta que, por outra banda, estabamos todos desexando e que era imposible obter porque ata ese mínimo consolo nos arrebatou este virus traizoeiro. Non podemos deixar de admirarnos pola vosa afouteza, a vosa coraxe, a vosa gana de axudar aínda que, coma a todos e a todas nos pasou, ás veces isto fose case insoportable. Grazas.

Hoxe o Equipo Directivo do IES A Sangriña ten un motivo extra polo que sentirse satisfeito. Desde hoxe recordar este ano negro non só significará recordar sacrificios e malos momentos. Porque a partir de hoxe, de entre todas as lembranzas deste curso, xurdirá un sentimento ben forte, que anule todos os demais malos recordos. Ese sentimento é o orgullo. Estamos orgullosos de ter compartido con todos vós este curso 20-21.

Orgullosos de formar este equipo que se compón de alumnado, de profesorado, de persoal non docente e de pais e nais, e que se dá en chamar comunidade escolar de A Sangriña. Todos e todas pertencemos a tal comunidade escolar que demostrou un comportamento exemplar.

Grazas profes porque sen vós, sen o voso compromiso e profesionalidade isto sería imposible de terse levado a termo. Grazas persoal non docente; foron durísimas e esgotadoras xornadas nas que todo funcionou á perfección porque alí estabades vós sostendo o funcionamento do centro. Grazas pais e nais: sen a vosa comprensión e a vosa complicidade non estariamos hoxe falando de éxitos e de alivio.

Agradecidos por tantas leccións que todos e todas nos destes ao longo destes nove meses.

 

O Equipo Directivo do IES A Sangriña. 



story | by Dr. Radut