Skip to Content

INFORMACIÓN ÁS FAMILIAS E Á COMUNIDADE ESCOLAR DO IES A SANGRIÑA SOBRE O INICIO DE CURSO 2020-21

 

  Estimadas familias

 

  Neste inicio de curso cheo de tantas incidencias e incertezas, o equipo directivo do IES A Sangriña considera que cómpre informar de todas as circunstancias ocorridas ata o de agora e que teñen como consecuencia a falta de decisións firmes cara a organización do vindeiro ano académico.

  A finais do curso pasado, reuníronse en conferencia sectorial de educación o Ministerio de Educación e as Comunidades Autónomas. Resultado dos acordos acadados nesa conferencia (refrendados pola Consellería de Educación da Xunta, a CEUFP) foron as recomendacións feitas chegar polo Ministerio de Educación e polo Ministerio de Sanidad (versións do 10 de xuño e do 22 de xuño) nos que se establecía que, de cara ao vindeiro curso 2020-21, a distancia de seguridade sanitaria que tería que adoptarse entre os postos escolares nos centros de ensino sería de 1,5 mts. O 22 de xullo a CEUFP emitía as súas instrucións para o comezo do curso nas que asentaba unha distancia de 1 mts entre postos, distancia contraria ao acordado en xuño co ME. En base a esas instrucións da CEUFP os centros de secundaria en Galicia acomodaron as súas aulas seguindo a distancia marcada de 1 mt.

 A conferencia sectorial celebrada a finais de agosto entre o Ministerio de Educación, Ministerio de Sanidad e Consellerías de Educación e Sanidade das Comunidades Autónomas, levou á CEUFP a emitir unha novas instrucións de inicio de curso nas que se estipulaba a separación entre postos á distancia de 1,5 mts. Como consecuencia, os equipos directivos dos centros de secundaria tiveron que desfacer o feito en xullo e situar os postos a 1,5 mts resultando que o alumnado que antes cabía nas aulas, agora coa nova distancia, sinxelamente non cabe.

  O incrementar nun 50% a separación de seguridade facía que os centros necesitaran espazos/aulas no  que reubicar ao alumnado que había de desdobrar.  A tarefa non é sinxela posto que os espazos a priori máis amplos dos que contan os centros (laboratorios, ximnasios, bibliotecas etc) tampouco poden garantir, en moitísimos casos, á distancia de seguridade para ratios que están nun arco, no noso centro, de entre 25/30 alumnos/as. A solución pasa por desdobrar grupos, facelos máis pequenos, o que leva consigo a necesidade de reforzar o número de profesores/as.

  A través do Servizo de Inspección os centros que necesitaban desdobres solicitaron o número que estimaban oportuno para reforzar o seu profesorado. Aínda que a CEUFP nunca se pronunciou oficialmente ao respecto, semellaba que na primeira semana de setembro a Consellería aceptaría conceder reforzo de profesorado aos centros. Namentres o tempo corría e produciuse un cambio na titularidade da CEUFP e na súa cúpula (Secretaría Xeral Técnica, Dirección Xeral etc.) O novo equipo manifesta o día 9 de setembro ante o Consello Escolar de Galicia que vai potenciar a semipresencialidade (cambio de criterio que está en contra do acordado no seu día nas conferencias sectoriais de educación nas que os departamentos de educación das comunidades autónomas deciden, co Ministerio de Educación, defender a presencialidade). O xoves 10 a CEUFP segue introducindo cambios de criterios e, desta volta, de xeito radical xa que comunica aos centros que prescindan da solicitude de reforzo de profesorado e que anulen os desdobres volvendo a situar a distancia de “seguridade” entre alumnos/as a 1 metro auxiliando esta medida coa colocación de mamparas de metacrilato. Asemade, lanzan ese mesmo día un plan de semipresencialidade que colle a todos os equipos directivos sen preparación. Diante destas novas circunstancias, as directivas de moitas cidades e zonas galegas declaran que non poden empezar o curso o día previsto: o 16 de setembro. Moitos directores/as incluso manifestan que non abrirán os seus centros ese día xa que se a CEUFP non pode facilitar reforzos no profesorado para asistir aos desdobres, non se poden garantir as medidas anticovid. O novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, decide o día 11 pola mañá adiar o inicio do curso en secundaria ao día 23 de setembro.

Neste contexto, o IES A Sangriña, proxecta as seguintes medidas organizativas de cara ao ano académico vindeiro:

1.       Solicitar reforzo de tres profesores/as para atender aos desdobres provocados no centro por implementar a distancia de seguridade de 1,5 mts.

 

2.       Pasar a horario de tarde os grupos de 1º e 2º de Bacharelato. A presencia simultánea no noso centro, caracterizado por unha infraestrutura claramente obsoleta, dunha matrícula de preto de 610 alumnos/as fai que: a) se provoque un problema de aulas para poder practicar desdobres; b) o uso das aulas, as deambulacións no centro, os usos dos espazos comúns, de recreo etc. presenten numerosos problemas. Por esta razón, o equipo directivo de A Sangriña decide planificar o horario de Bacharelato en horario de tarde de luns a venres para ofrecer un contexto de seguridade sanitaria máis garantista a toda a comunidade escolar.

 

 

3.       O horario de Ciclos de FP NON variará respecto ao rango horario do pasado ano.

Estas medidas organizativas NON están concretadas a día de hoxe por razóns alleas á dirección do centro, razóns que dependen das seguintes circunstancias:

1.       A CEUFP non comunicou oficialmente a concesión do profesorado de reforzo solicitado polo centro. O Servizo de Inspección (sempre na liña da máxima colaboración co centro) valida a solicitude pero a CEUFP non se ten pronunciado ata o de agora.

 

2.       A confección definitiva do horario do centro (sobre todo ao referente aos horarios de ESO e aos horarios exactos da tarde de Bacharelato) depende da rectificación de horarios de autobuses que a concesionaria do transporte escolar da zona está pendente de facer a petición do centro. Esta dirección ten intención de situar as dúas horas de ESO dos luns pola tarde, nas mañás de dous días da semana. Para iso a concesionaria ten que recalcular rutas e horarios nunha nova planificación que, tras ser solicitada polo centro, a día de hoxe non está presentada.

 

 

3.       A CEUFP aposta pola semipresencialidade (como máis arriba queda explicado) mentras o IES A Sangriña decide desenvolver o ensino presencial xa que considera que os centros aínda non están preparados para unha planificación en semipresencialidade efectiva. Se a Consellería presionara a este centro no sentido de considerar un réxime semipresencial para Bacharelato, dende aquí manifestamos que sería coa nosa opinión en contra.

 

  As circunstancias arriba expostas, impiden, polo de agora, calquera toma de solucións resolutivas dende o punto de vista organizativo de cara ao vindeiro ano. Precisamos de certas confirmacións que aínda non temos polo que a toma de decisións estase a retrasar. O traballo do equipo directivo, profesorado, persoal non docente e ANPA do IES A Sangriña está condicionado por causas alleas á súa vontade. Comprendemos a vosa inquedanza que tamén é a nosa. Estamos seguros/as que a profesionalidade dos claustros do sistema de ensino secundario público serán quen de ofrecer o mellor dos servizos malia época tan adversa que estamos a atravesar. Porque o seu obxectivo é o mesmo que os das familias e o alumnado, usuarios/as  dese ensino público: a calidade dun servizo igualador e necesario.

 Calquera medida en firme adoptada será comunicada por esta mesma canle polo que pregamos permanezades atentos/as a esta web e ao perfil de Facebook do IES A Sangriña.

Un saúdo

A Dirección

 

 

 

 

 
What do you want to do ?

New mail

 
What do you want to do ?

New mail



story | by Dr. Radut