Skip to Content

A Sangriña contra a violencia machista. Crónica do 25N.

O pasado luns 25N o alumnado do IES A Sangriña viviu unha emotiva xornada centrada na reivindicación da erradicación das violencias exercidas contra as mulleres. Pero esta data comezou a vivirse moito antes nas nosas aulas, coa programación de unidades didácticas específicas preparadas polo Grupo de Igualdade do centro.

O traballo docente previo desembocou en actividades onde o alumnado foi o verdadeiro protagonista. Un traballo colectivo reproduciu, en tres dos principais accesos ás aulas, a escaleira da violencia de xénero e varios rapaces de distintas idades gravaron o vídeo “Os homes do futuro”, que busca concienciar da necesidade dunha nova masculinidade alternativa e non machista.

Ademais, este ano, o noso centro volveu participar activamente na campaña “en negro contra as violencias”, asistindo o alumnado ás aulas vestido negro o día 25N de maneira maioritaria para mostrar a súa repulsa contra a violencia machista. Pero a nosa adhesión á campaña non se limitou a este acto simbólico, se non que a rapazada elaborou ela mesma os carteis reivindicativos que son xa tradicionais desta iniciativa. As case cen frases propostas por alumnas e alumnos do noso instituto pasaron de ser textiños escritos en pequenos anacos de papel a transformarse nun enorme mural e en carteis reivindicativos que acompañaron a lectura do noso manifesto contra as violencias machistas, tanto no propio centro como na concentración convocada polo Concello da Guarda na Praza do Reló.

A lectura do manifesto ás portas do instituto e a participación nos actos institucionais pecharon unha xornada profundamente emotiva, marcada polas ideas das alumnas que elaboraron este texto reivindicativo. Os nomes das 51 mulleres asasinadas por causa da violencia machista este ano en España acompañáronnos durante toda a xornada, impresas sobre uns carteis brancos aos que, por desgraza, tivemos que engadir a vítima número 52 (que se producía esa mesma mañá).

 Desde o IES A Sangriña queremos reivindicar un mundo de mulleres libres, iguais e vivas!



story | by Dr. Radut