Skip to Content

Enriquecedora e moi divertida, así foi a nosa experiencia na Feira de Proxectos de Piteas

A piques de rematar o curso chega o momento de compartir experiencias dos proxectos desenvolvidos ao longo do mesmo. Como moitos de vós xa sabedes o noso IES está formando parte do programa Piteas, colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación Barrié e a Universidade de Santiago de Compostela.

Neste ano académico desenvolvimos, co alumnado de 1º ESO, un ambicioso proxecto orientado á mellora das instalacións e do clima de convivencia no centro e na tarde do venres 9 de xuño participamos, xunto cos outros 7 centros que forman parte do programa, na Feira ideada para expoñer e compartir proxectos, na Cidade da Cultura. No noso stand, a maqueta de redeseño das aulas foi unha das grandes protagonistas.

O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou todos e cada un dos stands da Feira de Proxectos. Na imaxe sobre estas liñas podemos velo acompañado por Manuel Vila López, subdirector xeral de Ordenación e Innovación educativa e Formación do profesorado. Ambos amosaron moito interese atendendo ás explicacións do noso alumnado, de 1º e 2º ESO, con respecto aos traballos que fixemos en relación coa robótica.  

O noso Club de Ciencia, ImAXIInacción, tamén tivo a súa representación na feira xa que o seu proxecto "Mira por onde pisas", no que se analizan as propiedades fisicoquímicas do solo, garda unha estreita relación co proxecto de mellora do xardín do centro. Nenas e nenos pasaron un rato moi divertido reproducindo algúns dos experimentos.

Agradecemento especial a todo o alumnado que participou na feira colaborando na recepción e no stand. Foi un non parar de atender, ao longo da tarde de onte, a toda a xente que se achegou a coñecer de primeira man os proxectos, pero fixeron un traballo excelente. Parabéns!

Deixámosvos tamén por aquí a presentación do proxecto que compartimos no apartado de Boas Prácticas nun dos auditorios do edificio Cinc da Cidade da Cultura no que tivo lugar a Feira de Proxectos. O proxecto chámase #Tecnonadal e foi realizado co alumnado da materia de tecnoloxía de 2º ESO e tamén estivo representado con algúns dos seus productos no noso stand.



story | by Dr. Radut