HISTORIAS DE BOTELLÓN (Un traballo antropológico)

Introducción

INTRODUCCIÓN

 

A materia de antropoloxía no bacharelato debe introducir ao alumnado nos coñecementos básicos desta ciencia, nas súas diferentes ramas (antropoloxia biolóxica, cultural, filosófica), pero tamén nas súas metodoloxías de traballo. A metodoloxía básica da antropoloxía cultural é o traballo de campo, por iso propúxoselle ao alumnado da materia a realización dunha investigación sobre un fenómeno cultural empregando dita metodoloxía. O que se pretendía era que o resultado deste traballo non fora só o coñecemento do fenómeno a estudar e a proposta dunha explicación do mesmo, senón tamén a aprendizaxe dos métodos e as dificultades que leva consigo este traballo.

 

De entre todas as temáticas abordables, o alumnado escolleu un tema que tivera relación coa súa experiencia inmediata e que tivera, tamén, algunha relación directa cos costumes e usos dos individuos da súa idade. Despois dunha longa discusión, optouse por abordar o fenómeno do botellón, ante a sospeita de que as opinións dos analistas sociais sobre o fenómeno deixaban fora as opinións e vivencias dos individuos directamente involucrados.

 

Aínda que unha das técnicas básicas da antropoloxía cultural é a observación participante, optouse neste caso por manter unha distancia relativa co fenómeno, por mor da idade e situación dos participantes; a investigación limitouse á referencias indirectas achegadas por outros individuos involucrados no fenómeno, aos que os investigadores tiñan acceso por razóns de familiaridade, amizade... Así xurdiu o título do traballo: Historias de Botellón. Nel preténdese dar unha visión do fenómeno a través das historias que narran individuos que acoden regularmente a este evento.

 

A recopilación de anécdotas, historias de vida e sucesos relevantes que suceden no entorno do botellón, narrados polo seus protagonistas, pretenden ser o punto de partida. Así, podemos comprender desde dentro o fenómeno do botellón como unha manifestación socio-cultural do segmento xuvenil da poboación; a través deste se poñen de manifesto valores, sentimentos estéticos, xerarquías sociais e, en xeral, se producen significados que sitúan ao individuo no seu entorno social e nas relacións con outros segmentos de poboación, tal e como se reflicte nalgúns estudios antropolóxicos do problema (Carnavalización e botellón. Unha etnografía estadística del ocio juvenil en la provincia de Alicante. A. Miguel Nogués Pedregal y otros en Turismo, ocio y deporte. Pp. 141-158 Universidade da Coruña).

 

As anécdotas, no canto de ser unha experiencia irrelevante, por ser pouco repetitivas, poden achegarnos algúns dos elementos relevantes que os individuos non comunican, en ocasións, nas súas respostas máis elaboradas e pensadas. Na anécdota e a súa relevancia podemos atopar, moitas veces, o sentido máis orixinario, como diría o filósofo francés, Michel Onfray "a anécdota é a vía regia que conduce ao epicentro dun pensamento" (Contra historia da Filosofía, edit. Ariel).

 

A presentación do traballo farase a través dos seguintes capítulos. Nesta presentación non se teñen en conta só as conclusións, senón que se considera tan importante como elas o propio proceso de realización do traballo, pois o que é se pretende é a iniciación á investigación e a aprendizaxe da metodoloxía propia dun traballo de campo.

 

No capítulo I preséntanse os obxectivos básicos do traballo, tal e como foron concebidos inicialmente, así como unha análise abreviada do estado da cuestión na investigación deste tipo de fenómenos.

 

No capítulo II descríbese a planificación dos procesos de traballo, a temporalización e tamén as dificultades atopadas durante o proceso de investigación.

 

O capítulo III está dedicado á Metodoloxía de traballo e á reflexión sobre a propia práctica levada a cabo durante a recopilación da información.

 

O capítulo IV presenta os procesos de análises do material recopilado durante a primeira fase da investigación, xunto cos resultados dos debates do grupo de traballo e a revisión das hipóteses iniciais.

 

No capítulo V propóñense as conclusións e as novas liñas de investigación que xorden das análises do material.

 

Apéndices: O material recopilado mediante entrevistas, documentos de análise, fotografías....