Proxecto xardín

Enviado por admin o Dom, 02/16/2020 - 20:00

Grazas ao empeño e o traballo da nosa compañeira María Díaz e á colaboración de moitos implicados, empezando polo Equipo Directivo do centro, alumnado e profesorado de distintos departamentos, unha zona do patio do instituto que estaba fóra de uso vaise convertir nun xardín para que o gocemos todos.

Arredor das pistas de deportes, contabamos cun espazo pechado duns 1600 m2 que non se atopaba acondicionado para o uso, debido á presenza de herbas altas e pedras e á ausencia de lugares onde sentarse.

 

O noso proxecto consiste en habilitar esta zona e contar cun lugar de esparcimento para o tempo de lecer, verde, cómodo e colorido. Nas distintas fases do proceso, iremos engadindo herbas e plantas sustentables e axeitadas ao entorno, mobiliario de exterior e planeamos tamén decorar os muros que nos separan do recinto exterior.

 

Gustaríanos, sobre todo, que fosen os propios alumnos e alumnas os que colaboren na súa creación, baixo a dirección de profesores de distintas materias e departamentos. Recordemos que desde unha das materias do Bacharelato de Artes que impartimos, Fundamentos de Deseño, trabállanse específicamente contidos de Deseño Ambiental.

O ano 2019 contamos cunha subvención de Voz Natura para comezar co proxecto e arrincamos coa primeira fase.

Ademáis deste espazo na web no que nos atopamos, iremos compartindo o desenvolvimento do proxecto en sucesivas entradas do blog e as redes sociais.