Emprendemento

Se botamos unha ollada á evolución histórica das mulleres no seu proceso de incorporación ao mercado de traballo, o primeiro atranco que atopamos, ata que remata a Idade Media, é a ausencia de fontes escritas, polo que non e doado rastrexar as súas actividades cotiás nin tampouco os seus pensamentos e posicións persoais na toma de decisións. O pouco que sabemos é a través dos escritos masculinos,  por iso debemos coidarnos de dar por válida a imaxe que os clérigos, e posteriormente os funcionarios públicos, dan sobre as mulleres.

A situación de segregación e discriminación da muller no mercado laboral, que xa tivo carta de natureza nas ordenanzas gremiais medievais, aínda persiste na actualidade pese aos importantes logros acadados - de forma dosificada - pero grazas ás constantes reivindicacións que as mulleres, de xeito individual ou organizado, foron manifestando, tratouse de derribar un a un os obstáculos que lles impedían acadar os seus obxectivos baixo a crenza de que outra forma de organización social e laboral era factible.

O século XX, grazas aos cambios sociais acontecidos e ás constantes reivindicacións, fundamentalmente a través de novas formas de asociacionismo rural e urbano, supuxo para as mulleres en xeral, e para as galegas en particular, a oportunidade de crecemento persoal en todos os ámbitos nos que, tradicionalmente, estaban excluídas ou ben subrepresentadas ou invisibilizadas; entre eles, o ámbito laboral, e máis concretamente os sectores laborais entendidos como tradicionalmente masculinos.

Avanzamos substancialmente a nivel de igualdade formal -dispomos dun marco lexislativo que incide moi directamente sobre a discriminación directa e tamén en menor medida, indirecta-  Créanse novas leis, revísanse e modificase ou derróganse as existentes que resultan discriminatorias.

Por exemplo:

  • Coa reforma do Código Civil de 1975 desaparece a discriminación cara as mulleres casadas no que atinxe á súa capacidade de obrar.
  • Coa promulgación da Constitución Española en 1978  ábrese definitivamente o camiño cara a  igualdade  real e efectiva entre mulleres e homes , así como o recoñecemento do dereito ao traballo de todos os españois e españolas; ademais, no seu artigo 9.2, impón aos poderes públicos a obriga de promover as condicións necesarias e remover os obstáculos existentes para que a igualdade sexa real e efectiva entre a cidadanía.

A partir de entón, o marco legal creado para garantir os dereitos das mulleres converteuse nun dos mais importantes logos. Sen embargo, a igualdade formal ou legal non garante a igualdade real ou efectiva (superación de valores e actitudes discriminatorias que atinxen a sociedade en xeral)e polo tanto, podemos dicir que as mulleres está lonxe de acadar a igualdade plena no ámbito do emprego.

Se ben nos últimos anos o crecemento da  poboación activa feminina (poboación que esta traballando ou que busca emprego) case triplicou á masculina, os datos estatísticos evidencian que:

  • O aumento do número de mulleres ocupadas en España entre os anos 2002-2009  foi dun 28,3% e o de homes dun 0,1%
  • O número de mulleres no paro aumentou no mesmo período nun 56,2 % e o de homes un 145,7%
  • Mentres que a poboación inactiva feminina diminuíu (7,4%) a masculina aumentou (7,6%)

Nos últimos anos en España percíbese  un incremento da participación das mulleres en todos os ámbitos profesionais, acadando maiores cotas de participación entre o conxunto da poboación traballadora. Para os mesmos niveis de formación, a taxa de ocupación é superior en homes, pero as diferenzas redúcense cando se acada o nivel de educación superior. No nivel correspondente ao doutoramento, a taxa de emprego das mulleres è superior á dos homes; sen embargo as mulleres, hoxe, seguen ocupando maioritariamente os traballos a tempo parcial e aqueles dedicados ao coidado de persoas dependentes. Diminúe a taxa de emprego feminino en función do numero de fillas e fillos (non así entre os homes), e se temos en conta a situación profesional durante a vida laboral das mulleres que traballan por conta allea e conta propia só un 17% supera os 35 anos , cando a media entre os homes é do 49%.

A gran sinatura pendente está  na promoción das mulleres a cargos directivos. Os datos  extraídos da sondaxe realizada pola empresa CVExplorer.com  revelan que a representación  das mulleres en posicións de primeiro nivel executivo aínda non acada as expectativas da paridade e igualdade no mundo laboral. No 64% das empresas españolas a representación de cargos femininos está por debaixo do 20%.

A posibilidade de conciliar a vida laboral e familiar para as mulleres executivas e directiva supón aínda hoxe un grave obstáculo para a promoción dun número maior de traballadoras. Ata un 65% das profesionais que contestaron á sondaxe de CVExplorer.com cren que si é posible, pero que resulta moi complicado e implica grandes sacrificios.

O 85% das persoas profesionais consideran que as mulleres atópanse con maiores dificultades para acadar postos de dirección dado o alto grao de discriminación cara elas nestes niveis, se ben ata un 74% das persoas executivas e directivas, de todos os sectores, creen que hoxe en día as mulleres están mellor consideradas que hai tan só cinco anos.

Tema: 
Feitos vitais: 
Colectivo: