Preguntas e respostas frecuentes

Quero ser atendido presencialmente. Está aberta a secretaría?

A secretaría da escola non está a atender presencialmente. Contacte no correo electrónico eoi.vilagarcia@edu.xunta.gal e axudarémoslle para que poida realizar os seus trámites e quedar na casa sempre que sexa posible. 

Son alumno oficial e...

Case nunca fun ás clases presenciais. Teño dereito á docencia telemática?

Si, todo o alumnado oficialmente matriculado é benvido a reincorporarse á docencia telemática durante o estado de alarma.

Como podo seguir a docencia telemática?

Póñase en contacto coa súa profesora ou profesor por correo electrónico ou mediante a plataforma que estea a empregar o grupo. Se descoñece que medios se están a empregar ou o correo do seu docente, contacte con nós no enderezo eoi.vilagarcia@edu.xunta.gal e reenviarémolo. Se non coñece o nome da persoa docente, indíquenos o seu DNI e idioma, se estivese matriculado en máis de unha lingua.

Todo o profesorado emprega as mesmas ferramentas telemáticas?

Non. O profesorado xa utilizaba diversidade de medios de apoio á docencia presencial antes da suspensión da actividade presencial. Maioritariamente, seguen a empregar as ferramentas que xa utilizaba o respectivo grupo para manter o contacto ou mesmo ampliaron as ferramentas dispoñibles.

Entre os medios que emprega o noso profesorado, á parte do correo electrónico, están:

  • A aula virtual do centro.
  • A plataforma de videoconferencia Cisco Webex.
  • Outros plataformas de videoconferencia (Skype, Hangouts, etc.).
  • ... e moitos outros recursos educativos e de comunicación en liña (Edmodo, Padlet...)

Consulte coa súa profesora ou profesor para saber que medio(s) utiliza o seu grupo.

Cando finaliza a docencia telemática?

O 29 de maio era a data prevista para finalizar as aulas presenciais, polo que tamén marcará, con carácter xeral, o final da docencia telemática.

E se non teño ou deixo de ter acceso á Internet?

Contacte co centro, analizaremos o seu caso e tentaremos axudarlle, se é posible. Para asistir a videoconferencias a través de Webex, existe a posibilidade de incorporarse á videoconferencia mediante unha chamada a un número de teléfono fixo nacional.

Como vou ser avaliado neste curso? Hai exames? Cando?

As Instrucións da Dirección Xeral de Educación do 28 de abril de 2020 establecen o seguinte nos seus puntos 10.5 a 10.7:

a) Alumnado de cursos de promoción, non conducentes a certificación oficial (A1, A2.1, B1.1, B2.1 e C1.1): "Con carácter excepcional aplicarase a avaliación continua para os cursos non conducentes a certificación oficial."

b) Alumnado de cursos conducentes a certificación oficial (A2, A2, B1, B2, B2.2, C1.2, e C2): "A avaliación dos cursos de certificación realizarase de acordo cos principios e criterios establecidos no Real Decreto 1/2019 (...) e na Circular 8/2019", é dicir, mediante unha proba de certificación.

As Instrucións da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se adoptan medidas para a finalización do curso 2019-2020 nas escolas oficiais de idiomas de Galicia, do 22 de maio, dispón entre outras, a seguinte medida: O novo calendario de probas de certificación establecerase para cando as circunstancias sanitarias permitan a súa realización. A convocatoria ordinaria, tanto para o alumnado oficial como para o libre, non se realizará en ningún caso antes do mes de setembro.

A recuperación das actividades de lingua non superadas realizarase no mes de setembro.

Cales son os niveis de promoción e cales de certificación que se imparten na EOI de Vilagarcía?

  • Son curso de promoción: A1 (todas as linguas), B1.1 (alemán), B2.1. (francés, inglés, italiano, portugués), C1.1 (todas as linguas)
  • Son cursos de certificación: A2 (todas as linguas), B1 (francés, inglés, italiano, portugués), B1.2 (alemán), B2 (alemán), B2.2 (francés, inglés, italiano, portugués), C1.2 (todas as linguas), C2 (inglés)

Son alumno oficial dun curso de promoción, non conducente a certificación oficial. Como se vai facer a avaliación continua?

As Instrucións da Dirección Xeral de Educación do 28 de abril de 2020 establecen no punto 10.6:"Para a obtención da cualificación do alumnado teranse en conta os resultados obtidos na proba parcial de progreso, así como a valoración positiva do rendemento e a participación do alumnado na aula. As valoracións das actividades realizadas telematicamente durante o estado de alarma teranse en conta exclusivamente para aumentar a cualificación que tiña o alumnado antes da suspensión das clases presenciais polo estado de alarma."

O punto 7.5 das directrices xerais das referidas instrucións indica tamén que "a promoción de curso será a norma xeral en todas as etapas, considerándose a repetición de curso una medida moi excepcional (...) e deberá estar solidamente argumentada (...)."
Os departamentos didácticos están a traballar nas modificacións das programacións didácticas para adaptalas ás mencionadas instrucións. Unha vez aprobadas pola inspección educativa, serán publicadas nesta mesma páxina web.

E se non quero promocionar, podo presentar a renuncia?

As cualificacións publicaranse o 25 de xuño. Se non querre promocionar, poderá presentar a súa renuncia dentro dos tres días seguintes á publicación das cualificacións:do 26 ao 30 de xuño, ambos incluídos, empregando este modelo.

Quero renunciar á matrícula para que a convocatoria deste ano non conte.

As Instrucións da Dirección Xeral de Educación do 28 de abril de 2020 establecen no seu punto 11.1: "Autorízase, de xeito xeral, a ampliación nun ano do límite de permanencia nestas ensinanzas daquel alumnado que se vise afectado polas circunstancias deste curso escolar." Polo tanto, este ano non contará a efectos de permanencia para todo o alumnado, renuncie ou non, supere o curso ou non.

Con todo, quero renunciar á matrícula. Podo facelo? Cal é o prazo? E o procedemento?
Pode renunciar á matrícula, se o desexa, ata o 30 de xuño.

Pode descargar nesta ligazón un modelo de renuncia, aínda que non é preceptivo. Pode redactala como vostede desexe, facendo constar os seus datos identificativos e expresando a súa vontade de renunciar á matrícula oficial.

Atendendo ás especiais características do estado de alarma, para limitar o número de desprazamentos e facilitar o trámite, pode enviar a renuncia escaneada por correo electrónico a eoi.vilagarcia@edu.xunta.es Remitirémoslle polo mesmo medio a entrada de rexistro do seu escrito, para que lle conste.

Tamén pode enviar a renuncia por correo postal certificado ou entregala na secretaría de escola cando reabra.

Cómo me vai afectar a renuncia á matrícula no vindeiro curso? Terei que volver preinscribirme?

Non terá que someterse de novo ao proceso de preinscrición, terá un prazo específico que se detallará na correspondente circular de matrícula (pendente de publicación)

Se renuncio á matrícula, devólvenme as taxas?

A renuncia á matrícula non é causa de devolución de taxas. Só o alumnado libre poderá renunciar á matrícula e solicitar a devolución de taxas, unha vez feito público o novo calendario de probas e se non lle conveñn as novas datas das probas.

Non puiden asistir ás clases na EOI polo estado de alarma, non me devolven as taxas?

O alumnado oficial tivo actividade lectiva presencial ata 13 de marzo de 2020. Dende esa data, os equipos directivos e o profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia seguiron traballando para desenvolver a actividade educativa de forma telemática, facendo todo o posible para que o alumnado puidese continuar coa súa formación durante esta situación de excepción.

O servizo non deixou de prestarse ao longo do estado de alarma sen actividade lectiva presencial: non está prevista a devolución dos prezos públicos aboados.

A pesar de todo, son alumno oficial, considero que teño dereito á devolución de taxas e quero solicitala.

Dirixa a súa solicitude á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional empregando unha solicitude xenérica na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
A escola oficial de idiomas de Vilagarcía non é competente para tomar decisións extraordinarias de devolución de taxas ou prezos públicos non previstas na normativa vixente ou nas instrucións da Consellería.

 

Son alumna/o libre...

Xa estou matriculado. Cando van ser as probas?

As Instrucións da Dirección Xeral de Educación do 28 de abril de 2020 establecen no seu punto 10.9 que "o calendario establecido para a realización das convocatorias ordinaria e extraordinaria das probas de certificación aprázase. Establecerase un calendario alternativo para a realización destas probas cando as circunstancias sanitarias o permitan."

As Instrucións da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se adoptan medidas para a finalización do curso 2019-2020 nas escolas oficiais de idiomas de Galicia, do 22 de maio, dispón que o novo calendario de probas de certificación establecerase para cando as circunstancias sanitarias permitan a súa realización. A convocatoria ordinaria, tanto para o alumnado oficial como para o libre, non se realizará en ningún caso antes do mes de setembro.

Que fago se as novas datas establecidas para as probas non me conveñen?

O alumnado xa matriculado, que non poida realizar as probas nas novas datas que se establezan, poderá renunciar á matrícula e solicitar a devolución das taxas aboadas. Pode descargar un modelo de renuncia.

Non me matriculei dentro do prazo. Aínda podo matricularme?

O prazo de matrícula libre foi interrompido pola declaración do estado de alarma, polo que a matrícula libre reabrirase cando dispoña a Consellería.

Fixen a matrícula en liña no prazo establecido, pero non entreguei a documentación na secretaría da EOI. Como podo entregala?

Unha vez reiniciado o prazo, publicaremos as vías axeitadas para completar o trámite.