Nivel B1 en lingua galega 

Segundo a descrición xeral deste nivel de competencia, as persoas que o acaden posuirán un dominio da lingua que lles permita participar con relativa seguridade e eficacia en distintas situacións de comunicación cotiá, do traballo e do estudo, que requiran un uso da lingua fundamentalmente previsible. Comprenderá mensaxes orais e escritas referidas a estes contextos e producirá textos breves orais e escritos para describir, relatar, preguntar ou responder sobre cuestións referidas a estes ámbitos. Asemade, terá un dominio básico da lingua na súa realización estándar e fará un emprego correcto das estruturas morfosintácticas básicas da lingua e do vocabulario asociado aos contextos descritos. Máis especificamente, logo de acadar este nivel poderá transmitir información emitida por outros e relacionar a información mediante a expresión da causa, da consecuencia, da condición e da finalidade. Será quen de argumentar a súa opinión, de facer valoracións e xuízos, aínda que de xeito sinxelo, e de expresar posibilidade e imposibilidade e sentimentos de alegría, sorpresa, pena ou temor. En canto aos usos sociais, estará en condicións de reaccionar ante un agradecemento ou desculpa, saberá preguntar polo estado de saúde ou de ánimo do interlocutor e participar en intercambios sociais da vida cotiá: convidar ou ser convidado, concertar unha cita ou dar instrucións para que outros fagan algo e transmitir pedimentos, encargos ou mensaxes. No que se refire ao control da comunicación oral, poderá mostrar que segue a intervención dos outros, animar para que continúen falando, corrixirse ou indicar que non entendeu o significado ou a intención do falante.