Modificación das Programacións Didácticas

O Real decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, no seu artigo 9.1, establece a suspensión da actividade educativa presencial en todos os centros educativos do Estado.

Así mesmo, establece  que, durante este período de suspensión, manteranse as actividades educativas a distancia e en liña, sempre que resulte posible.

En cumprimento deste Real decreto e das Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20,o profesorado da Escola Oficial de Idiomas de Galicia, coordinado polas correspondentes xefacturas dos departamentos didácticos, fixo un esforzo durante este período para adaptar a docencia presencial á modalidade telemática, utilizando para isto todos os recursos que tiña a súa disposición, flexibilizando o seu plan de traballo e centrando as actividades lectivas nas aprendizaxes e competencias imprescindibles para o alumnado.

Seguindo o establecido nas devanditas Instrucións, os departamentos didácticos acordaron modificar as programacións didácticas no relativo á avaliación dos cursos de promoción da seguinte forma:

Aplicarase a avaliación continua nos cursos A1, A2.1 (só no caso de chinés), B1.1, B1.2 (só no caso de chinés), B2.1 e C1.1. Para determinar a cualificación, terase en conta o resultado obtido na proba parcial de progreso e unha valoración holística ou global do rendemento e a participación do alumnado na aula ata o momento da suspensión da actividade lectiva presencial. A participación e realización das actividades realizadas de forma telemática teranse en conta exclusivamente para aumentar a cualificación que xa tiña o alumnado antes da suspensión da actividade lectiva presencial.                            
 
No tocante aos cursos de certificación, non se realiza ningunha modificación e a avaliación realizarase aplicando os principios e criterios establecidos  no Real decreto 1/2019, do 11 de xaneiro, polo que se establecen os principios básicos comúns de avaliación aplicables ás probas de certificación oficiais dos niveis intermedio B1, intermedio B2, avanzado C1 e avanzado C2 das ensinanzas de idiomas de réxime especial así como na  Circular 8/2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a elaboración e administración das probas de certificación das ensinanzas de idiomas de réxime especial para o curso 2019-2020.