Actividades

Xuntanza lúdico-didáctica "2nd School Mingle" da Extensión de Sarria da Escola Oficial de Idiomas. Xoves 23 de novembro de 2023

Evento aberto a toda a comunidade escolar da Extensión da EOI en Sarria e do IES Gregorio Fernández. No hall da parte do instituto que da ás pistas deportivas, a partir das 19:45 horas do xoves 23 de novembro, coincidindo coa celebración do Thanksgiving.

Pensado para socializar e desfrutar de música, doces e biscoitos caseiros e bebidas sen alcohol e dun espazo informal de cesión e simulación de compra e venda, interactuando en inglés cada quen na medida das súas posibilidades. Remataremos cun bingo en inglés con premio.

Achega a túa contribución voluntaria de doces, biscoitos, cookies... a partir do martes 21. Podes traela a clase ou deixala na conserxaría do instituto. O día do evento podes traer roupa, complementos, DVDs, CDs, libros ou outras cousas en bo estado que queiras doar para animar o mercadiño (flea market). Porémoslles un prezo en mock dollars, a única moeda de curso legal na School Mingle.  

Ex-alumnado de anos anteriores e outr@s fans tamén benvid@s!

Máis información nos foros das aulas virtuais, falando co profesorado da EOI en Sarria ou escribindo a eoi.lugo.sarria@edu.xunta.gal.

Come on! You're all welcome!

 

GAÑADOR DO CONCURSO DE BANDA DESEÑADA 2023 DA EXTENSIÓN DE SARRIA

A persoa gañadora do primeiro concurso de banda deseñada organizado pola Extensión de Sarria da Escola Oficial de Idiomas de Lugo e aberto a toda a comunidade educativa de Sarria e comarca foi o noso alumno de nivel intermedio de inglés Diego Losada González, que o mereceu polo seu espléndido traballo de dúas páxinas. A obra de Diego ten un alto nivel de execución artística e pola súa contextualización e temática reflicte o valor da aprendizaxe do inglés, especialmente nunha comunidade como a sarriá que acolle e ve pasar tantas persoas de diversas orixes.

Parabéns a Diego e grazas a todas as persoas que axudaron nesta actividade que esperamos teña continuidade nos vindeiros cursos.

O xoves 15 de xuño o gañador recibirá o seu diploma de recoñecemento e o premio consistente nun vale de compra nun establecemento comercial de Sarria.

A obra premiada estará físicamente exposta no IES Gregorio Fernández.

ÁBRESE O 1º CONCURSO DE BANDA DESEÑADA DA EXTENSIÓN DE SARRIA DA EOI DE LUGO!

BASES DO 1º CONCURSO DE BANDA DESEÑADA DA EXTENSIÓN DA ESCOLA OFICIAL DE IDIOMAS DE LUGO EN SARRIA. ABRIL-MAIO 2023.

O concurso está aberto a todo o alumnado da Extensión de Sarria e da EOI de Lugo, e máis ao alumnado maior de 14 anos de todos os centros educativos públicos, concertados e privados dos concellos de Bóveda, Láncara, O Incio, O Páramo, Paradela, Samos, Sarria e Triacastela, incluidas as escolas musicais e doutras artes.

A persoa autora da obra premiada recibirá un vale de compra nunha libraría local por valor de 30 euros, e máis un diploma que a acredite como gañadora. O xurado estará constituido polo profesorado da Extensión da EOI de Sarria. Darase a coñecer a persoa gañadora antes do 10 de xuño de 2023 na sección da Extensión de Sarria da páxina web da EOI de Lugo e posteriormente nos medios dixitais da prensa local e dos centros que desexen colaborar.

1. A temática das obras será as vantaxes e beneficios de ser quen de comunicarse en inglés e/ou da aprendizaxe de linguas no mundo de hoxe. Tanto as imaxes coma os textos deberán ser orixinais e inéditos. Os textos poderán estar en inglés e/ou galego.

2. A técnica artística da banda deseñada poderá ser calquera executada por medios manuais, en branco e negro ou en cores. Exclúense os traballos feitos mediante procedementos dixitais.

3. O formato deberá ser DIN A-4 ou DIN A-3, e a extensión de 1 ou 2 páxinas, cun mínimo de catro viñetas.

4. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras.

5. Cada obra deberá levar ao dorso o seu título e o nome das persoas autoras, indicando o centro educativo ao que asisten e o seu curso.

6. As persoas participantes deberán enviar unha fotografía dixital da(s) súa(s) obra(s) ao enderezo eoi.lugo.sarria@edu.xunta.gal entre o 24 de abril e o 22 de maio de 2023 e entregar o orixinal de cada obra en sobre pechado ou debidamente protexida, en man ou por correo postal, á atención da Extensión da Escola Oficial de Idiomas en Sarria, sita no IES Gregorio Fernández, dentro do mesmo prazo. No correo electrónico farán constar o nome completo da persoa autora, o centro educativo ao que asiste e o seu número de teléfono (tamén o correo e teléfono do pai/nai/persoa titora no caso de menores de idade).

7. As obras participantes ou unha escolma delas poderán ser expostas na sede e medios da Extensión da EOI de Lugo en Sarria e doutros centros educativos e sociais interesados.

8. A Extensión de Sarria da EOI de Lugo non se responsabiliza de posibles extravíos ou danos nas obras.

9. Finalizado o curso, os orixinais devolveranse a aquelas persoas participantes que o soliciten.

10. A participación no concurso supón a aceptación destas bases.

CONCURSO DE RECENSIÓNS EN INGLÉS "ENJOY LOCAL 2023": PERSOAS GAÑADORAS!

O xurado do concurso, tras examinar as recensións admitidas e tras longa deliberación, decidiu declarar persoas gañadoras ex aequo a:

María Lago Díaz, estudante de 1º de CXMA no IES Gregorio Fernández e Diego Losada González, estudante de B1 de inglés na Extensión de Sarria da Escola Oficial de Idiomas de Lugo.

As devanditas persoas recibirán cadanseu vale de compra nun establecemento local por valor de 15 euros e o seu correspondente diploma persoalizado en inglés co comentario do xurado como gañadoras. Recibirán a través do seu profesorado nos próximos días a información sobre a data e lugar da entrega do premio.

Parabéns e moitas grazas a todo o alumnado participante polo excelente nivel dos seus traballos e tamén ao profesorado dinamizador polo seu interese e as súas achegas, moi especialmente ao departamento de inglés do IES Gregorio Fernández e á profesora Isabel Lorigados da nosa Extensión de Sarria.

Xuntanza lúdico-didáctica "1st School Mingle" da Extensión de Sarria da Escola Oficial de Idiomas. Xoves 17 de novembro de 2022

Evento aberto a toda a comunidade escolar da Extensión da EOI en Sarria e do IES Gregorio Fernández. No hall da parte do instituto que da ás pistas deportivas, a partir das 19:30 horas do xoves 17 de novembro.

Pensado para socializar e desfrutar de música, doces e bebidas sen alcohol e dun espazo de cesión, troco e simulación de compra, interactuando en inglés cada quen na medida das súas posibilidades. Remataremos cun bingo con premio.

Achega a túa contribución voluntaria de doces a partir do martes. O día do evento podes traer roupa, libros ou outras cousas en bo estado que queiras donar para animar o mercadiño. 

Máis información nos foros das aulas virtuais, falando co profesorado da EOI en Sarria ou escribindo a eoi.lugo.sarria@edu.xunta.gal

Syndicate content