Que é a Escola Oficial de Idiomas: Oferta educativa.

Alemán, chinés, francés, galego, inglés, italiano e portugués.

Que niveis?

Na EOI de Lugo pódense estudar os seguintes niveis:

A1 e A2 de Chinés.

A1, A2, B1, B2, C1 de Alemán, Francés e Galego.

A1-C2 de Inglés, Italiano e Portugués.

 

Que é unha sección?

As seccións das escolas oficiais de idiomas son extensións destas localizadas en instalacións fóra das propias escolas, na mesma ou en distinta localidade. Nestas seccións poderanse impartir todas as ensinanzas das escolas oficiais de idiomas.

 

Hai algunha sección en Lugo?

Si, en Sarria.

 

Que idiomas podo estudar na sección de Sarria? Que niveis?

Inglés A1, A2, B1, B2, C1.1.

 

Que modalidades de ensino hai na escola de Lugo?

Oficial (presencial e semipresencial)
Libre
A distancia (só Inglés, programa That's English).
Monográficos (obradoiros de lingua oral ou escrita por niveis)
Preparación para cursos CELGA (Galego).
Cursos de Linguaxe administrativa (Galego).
Curso para o profesorado (en colaboración co CFR)

 

Que é o ensino oficial?

É a modalidade de ensino que me permite vir á clase. Pode ser:

Presencial (catro horas semanais na escola repartidas en dous días)

Semipresencial (catro horas semanais repartidas do seguinte xeito: dúas horas de traballo na casa e dúas horas de asistencia á escola).

 

Que é o ensino libre?

É a modalidade de ensino que me dá dereito a facer os exames de certificación. (Nesta modalidade prepárome eu pola miña conta e teño dereito a unha convocatoria de exame, normalmente no mes de febreiro). Pódome matricular en calquera dos niveis sen ter superado o nivel anterior.

 

Cantos idiomas podo estudar no mesmo curso?

Máximo 3.

 

Que son os exames de certificación?

Son os exames de fin de nivel. Hai tres: certificación de básico (nivel A2 do MECRL), certificación de intermedio (nivel B1 e B2 do MECRL) e certificación de avanzado (nivel C1 e C2 do MECRL).

 

Que validez teñen os certificados das EOI?

Os certificados das EOI acreditan a competencia lingüística nos diferentes niveis do MECRL, habilitan a diplomados e licenciados para o ensino de idiomas, son recoñecidos como méritos en oposicións e concursos da administración pública e valídanse por créditos de libre configuración en universidades.

 

Que é o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL)? En que me afecta?

O MCERL é un documento marco publicado polo Consello de Europa en 2001 que pretende establecer unha descripción dos niveis de competencia nunha lingua estranxeira que sirva de referencia para toda Europa. Desde a súa publicación, o MCERL converteuse na referencia indiscutible na aprendizaxe e ensino de linguas estranxeiras incluso fóra do ámbito europeo, e a maioría das institucións que certifican a competencia en linguas -como as escolas oficias de idiomas- refiren as súas titulacións a este documento.