Información sobre trámites diversos na EOI

Aquí atopará información sobre os trámites máis típicos que o alumnado adoita facer ante a EOI, excepto no que se refire estrictamente á matrícula. Tamén atopará os modelos de formularios de uso máis habitual.

Trámites máis habituais:

 

Solicitude de certificacións académicas

Para solicitar certificacións académicas estándar e similares indique os datos necesarios cubrindo este formulario de solicitude. Lembre despois recoller a certificación solicitada na secretaría do centro. Teña en conta que a tramitación destes documentos pode levar varios días, especialmente en períodos de matrícula ou exames. Só poderá recoller a certificación a persoa interesada ou unha terceira persoa con autorización por escrito.

Expedición de certificados de nivel

De acordo co artigo 11.9 do Decreto 81/2018 do 19 de xullo, co artigo 16 da Orde do 8 de setembro de 2008, e co artigo 11 do Real Decreto 967/1988 do 2 de setembro, respectivamente, as EOI deberán expedir os certificados dos seguintes estudos: Básico-A1, Básico-A2, e Intermedio-B1 [plan 2017]; Nivel Básico (A2), Nivel Intermedio (B1) [plan 2006]; Ciclo Elemental [plan 1988]. A EOI de Santiago de Compostela emite de oficio estes certificados unha vez rematado o curso académico e no último trimestre de cada ano, e está en disposición de entregalos a partir de xaneiro do ano seguinte.  

De acordo coas mesmas normas será a Xunta de Galicia, previa solicitude na secretaría do centro onde se cursaron e o pagamento da taxa correspondente, a que emita os certificados dos seguintes estudos: Intermedio-B2, Avanzado-C1 e Avanzado-C2 [plan 2017]; Nivel Avanzado (B2) [plan 2006]; Ciclo Superior [plan 1988].

Para solicitar estes certificados deberáse cubrir este formulario de solicitude e entregala xunto cunha copia recente do DNI/NIE e a taxa pagada mediante o impreso de liquidación AI (25,40 €) Importante: cómpre cubrir debidamente este impreso de autoliquidacion cos códigos de pagamento axeitados (consulte coa EOI).

Traslado de expediente/matrícula viva

Segundo regula a Orde de avaliación do 08/09/2008 (DOG do 26/09) e a Orde do 19 de abril de 2012 que modifica á anterior (DOG do 30/04), o traslado de expediente entre EOI está vencellado á matrícula, e polo tanto está condicionado pola dispoñibilidade de prazas na EOI de destino.

Se cursou con anterioridade noutra EOI e quere continuar os seus estudos na nosa EOI debe proceder así:

  • se está dentro do período de preinscrición e matrícula oficial só ten que seguir o procedemento habitual para a preinscrición e matrícula oficial e, á hora de formalizar a súa matrícula, achegar unha certificación académica da súa anterior EOI xunto co resto da documentación;
  • se xa remataron por completo os períodos de matrícula, deberá solicitar a dispoñibilidade de prazas presentando este formulario de solicitude cuberto e unha certificación académica da súa EOI de procedencia; a EOI de Santiago de Compostela porase en contacto con vostede para informarlle se se lle pode acoller e como proceder

Non é posible solicitar o traslado dunha matrícula viva dentro do período de matrícula do mesmo curso.

Importante: o traslado de matrícula entre EOI de Galicia non supón custo adicional algún; porén, para os traslados entre centros de diferentes comunidades aplicarase a normativa vixente, que no caso de Galicia esixe que os expedientes procedentes doutras comunidades autónomas aboen as taxas para as EOI galegas.

Renuncia voluntaria á matrícula

De acordo co estipulado na Orde de avaliación do 19/04/2012 (DOG do 30/12), o alumnado poderá solicitar ao centro a renuncia de matrícula ata o 30 de abril. Esta renuncia constará no expediente académico e nas actas de avaliación do alumnado mediante a oportuna dilixencia. A primeira renuncia nun curso/nivel non computará para efectos de permanencia no curso e nivel correspondente (non corre convocatoria). O alumnado que renuncie á matrícula e desexe, con posterioridade, continuar os seus estudos nas escolas oficiais de idiomas, deberá someterse de novo ao proceso de admisión. A renuncia non dá dereito á devolución das taxas e é efectiva desde o momento en que se tramita a solicitude, anulando o dereito a asistir a clase e a presentarse aos exames.

Para solicitar a renuncia á matrícula deberá cubrir e asinar este formulario de solicitude e presentalo antes do 30 de abril (antes do 15 de decembro para os cursos intensivos do 1º cuadrimestre) na secretaría do centro (secretaria@eoisantiago.org). PRAZO EXTRAORDINARIO 2020: 30 DE XUÑO.

Renuncia á promoción no curso 2019-2020

De acordo coa disposición Terceira, apartado 1 das Instrucións da dirección xeral de educación, formación profesional e innovación educativa pola que se adoptan medidas para a finalización do curso 2019 2020 nas escolas oficiais de idiomas de Galicia do 22 de maio de 2020 Instrucións, o alumnado que non estea conforme coa proposta de promoción poderá optar por repetir o curso no que estaba matriculado no 2019-2020. Para isto deberá presentar o documento de renuncia á promoción no prazo de 3 días hábiles dende a publicación da súa cualificación. Para solicitar a renuncia á matrícula deberá cubrir e asinar este formulario de solicitude e presentalo na secretaría do centro (secretaria@eoisantiago.org).

Solicitude de adaptación de exames para persoas con necesidades especiais

O alumnado que precise que as probas lle sexan adaptadas deberá, no momento da matrícula, presentar na secretaría do centro o formulario de solicitude e acompañalo dos informes/certificados acreditativos emitidos polas seccións provinciais de cualificación e valoración de discapacidade; a EOI porá o caso en coñecemento dos equipos de orientación específicos para valorar as adaptacións que sexan oportunas.

Instancia xeral

Aquí pode atopar un modelo de instancia xeral para presentar ante a dirección da EOI de Santiago de Compostela. Tamén pode utilizar o formulario normalizado disposto polo Rexistro electrónico da Xunta de Galicia (non é preciso presentalo electrónicamente).

Cambio de datos personais

Se os seus datos personais en CentrosNET variaron ou son erróneos (data de nacemento, domicilio, datos de contacto, nome e/ou apelidos, etc.) pode solicitar ao centro que os modifique a través da ferramenta Xeral/Solicitude de cambio de datos personais na súa sesión de CentrosNET.