A EOI de Santiago acada unha axuda de 99.500€ do programa Erasmus+

O seu Plan de Desenvolvemento Europeo (PDE) para a mobilidade do persoal docente recibe a máxima asignación económica dos só 25 proxectos seleccionados en todo o Estado, cun importe total de subvencións adxudicadas de 578.000€.

Erasmus+Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2014.- O Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (OAPEE) vén de facer públicas as listaxes de solicitudes aprobadas, rexeitadas e en listaxe de agarda dos Proxectos de Mobilidade da Acción Chave 1 (sector Educación de Persoas Adultas) correspondentes á Convocatoria de Propostas do Programa Erasmus+, aprobado recentemente polo Parlamento Europeo.

A esta convocatoria, a EOI de Santiago (como outras organizacións e institucións, públicas e privadas, relacionadas co sector da educación de persoas adultas: CEPAs, IES, equipos de orientación, asociacións e organizacións, centros de formación do profesorado, universidades, etc, de todo o Estado) presentou un PDE co obxectivo da mellora continua do centro en catro ámbitos que consideramos estratéxicos: a docencia, a calidade na avaliación e certificación de idiomas consonte o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas do Consello de Europa, a xestión do persoal e recursos da escola e a mellora da calidade do centro, e, finalmente, a internacionalización e afortalamento da dimensión europea do noso centro. O proxecto, que leva por título “Impulso á cohesión europea desde o plurilingüísmo” consegue agora un financiamento de 99.500€, o máximo de entre os só 25 aprobados en todo o Estado, que suman un total de 578.000€.

O PDE prevé un total de 28 mobilidades do persoal docente con fins de formación entre setembro de 2014 e agosto de 2016 a institucións e organizacións socias en países como Alemaña, Austria, Bélxica, Eslovaquia, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, Suecia ou Turquía. Entre estas actividades figuran a de cursos estruturados e eventos de formación do persoal docente, así como actividades de observación nas institucións de destino.

En liña cos obxectivos estratéxicos de Europa 2020 a respecto da educación de persoas adultas, o plano de mobilidade abranguerá 7 puntos chave: promover a aprendizaxe permanente de persoas adultas, aprendizaxe de linguas estranxeiras, fomento da competencia lingüística nos idiomas oficiais e cooficiais dos Estados membro, excelencia na educación, uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no ensino-aprendizaxe, adaptación ao mercado laboral e, por último, certificación das competencias lingüísticas.

Os obxectivos de aprendizaxe marcados para cada campo prevén un efecto e impacto inmediatos na competencia dos aprendices de lingua do noso centro, no proceso de ensinanza así como na estandarización dos procedementos de avaliación e certificación. Ademais, permitirá introducir novos estándares e procesos de validación como o Europass, ofrecerá ao profesorado a oportunidade de desenvolver as súas habilidades e destrezas de xestión e, a longo prazo, reforzará o fomento do plurilingüismo entre a cidadanía, así como o respecto pola diversidade cultural e lingüística de Europa.