ESTADO DE ALARMA COVID-19: FIN DE CURSO

Nova actualización da información relativa ao estado de alarma polo COVID-19, segundo as Instrucións do 22 de maio de 2020 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se adoptan medidas para a finalización do curso 2019-2020 nas Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia e as Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Durante o Estado de Alarma e ata novas instrucións, o centro permanecerá pechado ao alumnado e ao público en xeral. As consultas ou asuntos urxentes relacionados coa xestión do centro atenderanse a través do correo–e eoi.santiago[@]edu.xunta.es.

  1. Alumnado oficial: renuncia e permanencia
  2. Alumnado oficial: docencia e avaliación.
  3. Alumnado libre.
  4. Alumnado de linguaxe administrativa galega (LAG).
  5. Matrícula do vindeiro curso 2020-2021.

--------------------------------------------------------------------------------------------

1. Alumnado oficial: renuncia e permanencia

  • Permanencia: as instrucións do 27 de abril establecen o seguinte (punto 11.1): "Autorízase, de xeito xeral, a ampliación nun ano do límite de permanencia nestas ensinanzas daquel alumnado que se vise afectado polas circunstancias deste curso escolar."  Polo tanto, este ano lectivo non contará para os límites de permanencia de xeito xeral para todo o alumnado, tanto para o que renuncie como para o que non renuncie.
  • Conveniencia da renuncia: coas circunstancias impostas pola situación actual a renuncia non ten ningunha vantaxe específica para o alumnado, aparte de que non lle constará un “Non Apto/Non Presentado” no seu expediente. Porén, para o centro e o profesorado é moi útil para xestionar adecuadamente a organización dos exames e o seguimento da teledocencia. Prégase ao alumnado que solicite a renuncia que llo comunique ao seu profesorado.
  • Vindeiro curso: o alumnado que renuncie á matrícula nestas circunstancias e desexe continuar os seus estudos nas escolas oficiais de idiomas como alumno/a oficial no curso 2020-2021, no mesmo curso e nivel en que estivera matriculado, non deberá someterse de novo ao proceso de preinscrición, senón que deberá matricularse no prazo que se estableza na correspondente circular de admisión (apartado 5.3 das Instrucións do 22/5/2020 para a finalización do curso 2019-2020)
  • Prazo: o prazo límite é o 30 de xuño de 2020 (apartado 5.1 das Instrucións do 22/5/2020 para a finalización do curso 2019-2020).
  • Procedemento: para solicitar a renuncia pode enviar un escaneado do impreso de solicitude de renuncia habitual, cuberto e asinado, ao enderezo electrónico secretaria@eoisantiago.org. Se lle fose imposible escanealo bastará un correo electrónico ao mesmo enderezo onde indique o seu nome completo, DNI, idioma e curso, xunto coa súa vontade de renunciar.
  • Taxas: con carácter xeral, non está contemplada a devolución de taxas para o alumnado que solicita renuncia. Tampouco está previsto na actual situación de excepcionalidade, ao continuar as EOI de Galicia a ofrecer actividade educativa mediante medios non presenciais desde o comezo da suspensión das actividades educativas presenciais. 

2. Alumnado oficial: teledocencia e avaliación

  • Teledocencia: o profesorado da EOI recibiu indicacións ao comezo da suspensión das clases para ofrecer alternativas de teledocencia ao seu alumnado, de acordo coas instrucións da Consellería; pode contactar co seu profesor/a mediante o enderezo electrónico que consta na web (no menú idioma/profesorado nosa web). Por indicación da Consellería, a actividade lectiva rematará o vindeiro 29 de maio.
  • Alumnado de cursos conducentes a certificación oficial (A2, B1 e B1.2, B2 e B2.2, C1 e C1.2, e C2): A avaliación dos cursos de certificación realizarase  de acordo cos principios e criterios establecidos no Real Decreto 1/2019 (...) e na Circular 8/2019, é dicir, mediante unha proba de certificación. Ademais, o calendario establecido para a realización das convocatorias ordinaria e extraordinaria das probas de certificación aprázase. Establecerase un calendario alternativo para a realización destas probas cando as circunstancias sanitarias o permitan. A convocatoria ordinaria [habitualmente no mes de xuño], tanto para o alumnado oficial como para o libre, non se realizará en ningún caso antes do mes de setembro." Polo tanto, non haberá probas nos meses de xuño e xullo (apartado 3.3 das Instrucións do 22/5/2020 para a finalización do curso 2019-2020)
  • Alumnado de cursos de promoción, non conducentes a certificación oficial (A1, A2.1, B1.1, B2.1 e C1.1): Con carácter excepcional aplicarase a avaliación continua para os cursos non conducentes a certificación oficial. Ademais, para a obtención da cualificación do alumnado teranse en conta os resultados obtidos na proba parcial de progreso, así como a valoración positiva do rendemento e a participación do alumnado na aula. As valoracións das actividades realizadas telematicamente durante o estado de alarma teranse en conta exclusivamente para aumentar a cualificación que tiña o alumnado antes da suspensión das clases presenciais polo estado de alarma. Os departamentos didácticos da EOI de Santiago de Compostela están a adaptar as programacións e os criterios de avaliación segundo os puntos 10.1-10.3 das referidas instrucións. O punto 7.5 das referidas instrucións indica tamén que "a promoción de curso será a norma xeral en todas as etapas, considerándose a repetición de curso una medida moi excepcional (...) e deberá estar solidamente argumentada e acompañada dun plan preciso de recuperación para cada alumno ou alumna." A cualificación outorgada ao alumnado nas distintas actividades de lingua, así como a cualificación global, expresarase nos termos 'apto' ou 'non apto' (apartado 3.1.a das Instrucións do 22/5/2020 para a finalización do curso 2019-2020). Pode darse o caso de que un/ha alumno/a coa cualifiación final de "apto" non desexe promocionar, en cuxo caso terá tres días hábiles dende a publicación da súa cualificación para renunciar expresamente á promoción (apartado 3.1.d das Instrucións do 22/5/2020 para a finalización do curso 2019-2020). A EOI facilitará un modelo para efectuar a renuncia á promoción para repetir o curso. Esta renuncia non suporá a devolución de taxas, e este alumnado non terá que someterse de novo ao proceso de preinscripción, senón que deberá matricularse no prazo que se estableza na correspondente circular de admisión.

3. Alumnado libre: avaliación

  • Datas de exames: as instrucións do 27 de abril establecen no seu punto 10.9 que "o calendario establecido para a realización das convocatorias ordinaria e extraordinaria das probas de certificación aprázase. Establecerase un calendario alternativo para a realización destas probas cando as circunstancias sanitarias o permitan." A convocatoria ordinaria [habitualmente no mes de xuño], tanto para o alumnado oficial como para o libre, non se realizará en ningún caso antes do mes de setembro." Polo tanto, non haberá probas nos meses de xuño e xullo (apartado 3.3 das Instrucións do 22/5/2020 para a finalización do curso 2019-2020)
  • Anulación e devolución de taxas: se as novas datas non lle conviñesen, poderá solicitar a anulación da matrícula e solicitar a devolución das taxas aboadas.
  • Matrícula pendente: se aínda non se matriculara nas probas de certificación, debe saber que o prazo de matrícula reanudarase unha vez que finalice o estado de alarma, tendo en conta o novo calendario de realización das probas.
  • Matrícula incompleta: para cuestións administrativas e de documentación relativas á matrícula libre, pódese poñer en contacto co centro no enderezo secretaria@eoisantiago.org

4. Alumnado dos cursos de Linguaxe Administrativa Galega: docencia e avaliación

  • O remate da actividade lectiva dos cursos preparatorios para a obtención dos certificados Celga e dos cursos de linguaxe administrativa galega respectará o establecido na Resolución do 2 agosto de 2019, pola que se convocan estes cursos.
  • Aprázase a data establecida na referida resolución do 2 de agosto de 2019 para a realización das probas finais dos cursos de linguaxe administrativa galega, tanto presenciais coma en liña, que se impartiron no segundo cuadrimestre. Esta proba realizarase de xeito telemático, coas adaptacións que estableza a Secretaría Xeral de Política Lingüística. A persoa coordinadora dos cursos comunicaralle ao profesorado e ao alumnado destes a nova data de realización da proba final, así como as características da proba e as instrucións para a súa administración e avaliación.

5. Matrícula no vindeiro curso 2020-2021.

  • A matrícula para o vindeiro curos adoita comezar no mes de xullo. Na actual situación de excepción, non sabemos aínda cales serán os prazos de matrícula para o próximo ano: estarán en función das datas establecidas para as probas deste ano lectivo, que aínda non son coñecidas.