Skip to Content

Historia

Así comezou:

 

Coa chegada da democracia ao noso país, un dos proxectos máis importantes do goberno foi a creación de centros de ensino, sobre todo primario.


Os rapaces do noso concello recibían clase nos seus pobos. Un, dous e ata tres mestres (dependendo do número de habitantes) eran os encargados de impartir as clases dende os 6 ata os 14 anos e, dende os 4 se había mestra de Párvulos (que así se chamaba).
Pois ben, a chegada da democracia supón a creación dun centro no concello e, mentres este non se constrúe, as autoridades educativas provinciais deciden que o máis conveniente para estes rapaces é levalos á Escola Fogar de Mariñamansa en Ourense.


Coincidindo a devandita situación cun momento político-económico un tanto complicado no Concello de Carballeda, o mestre de Viladequinta, Tomás Terrón Mendaña pretende concursar para a cercana vila de Viloira e así evitar ser trasladado cos seus alumnos a Ourense. A súa solicitude vese interrompida polo Delegado de Educación que o envía ao Goberno Civil para falar co gobernador; este proponlle que se faga cargo do concello como alcalde. De primeiras, a negativa para ocupar tal cargo. Mais xa se sabe como eran estas situacións naquela época: “Pídame o que queira pero fágase cargo do concello”. E unha pequena esperanza brilla na mente do mestre. 

O colexio, o día que empezaban as obras da zona de secundaria
 

 

Fareime cargo sempre e cando vostede se comprometa a facer un centro para todos os rapaces do concello en Sobradelo, evitando o seu traslado á capital”.
E así foi, en pouco tempo amañáronse locais do máis diverso en Sobradelo: as escolas, dependencias parroquiais e a antiga igrexa (pertencente a un particular) foron clases, comedor e cociña.
A finais do ano 1979 inaugurouse o centro que albergaba ao redor de 350 alumnos/as. E así comezou...

En 1998, a Delegación de Educación decide crear un CPI (Centro Público Integrado) para dar cabida aos alumnos da ESO e que non teñan que desprazarse varios kilómetros para realizar os estudos de secundaria.
A ampliación comeza a finais do ano 1997 e finaliza en marzo de 1999. A verdade é que supuxo unha bendición para o noso Concello. Creáronse: ximnasio, aulas de Plástica, Tecnoloxía, Informática, Biblioteca, xunto coas aulas para os alumnos e alumnas e despachos para profesores e profesoras. O que máis chamou a atención aos alumnos foron os vestiarios coas duchas de auga quente. De feito, dá gusto estar nos corredores cando volven para a clase despois de Educación Física. E xa non digamos os aseos de Secundaria cos seus enormes espellos para peitearse e repeitearse.


Para rematar diremos que a contorna onde se ubica o colexio é unha paraxe ben bonita e tranquila, sen ruídos nin nada que moleste o noso traballo.

 

Mª Helena Terrón Cobo

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut