Saltar navegación.
Inicio

Cine

Moon

 

Ángel Carrera, 20/12/2009

Serías capaz de pasar tres anos na Lúa sen máis compañía que un robot que fala? Cada vez é máis difícil que fagan unha película de ciencia-ficción sen batallas interestalares, monstruos repugnantes ou alardes dixitais en 3D. En "Moon" o importante é a historia. Unha das explicacións deste estraño caso é que é unha película británica (como curiosidade, o director é fillo de David Bowie). As influencias doutras películas clásicas do xénero están claras, aínda que tratando de aportar algo novidoso. Non é unha película asombrosa, pero resulta interesante. Ademais, hai que apoiar á última sala de cine que resiste en Ferrol (Dúplex), onde sempre atopamos películas menos masivas, aínda que a pantalla é pequena e a calefacción... xustiña.

2012

 

Cynthia Saura, 03/12/2009

Esperemos que o noso planeta non quede destrozado en 2012 como supón esta película, aínda que se seguimos con este ritmo de vida vai acabar sucedendo. A película ten moitísima acción e visualmente é impresionante. Non deixedes de vela.

 

Nota do coordinador da web:

Agradecemos moi especialmente recibir artigos escritos polo noso alumnado, neste caso Cynthia de 4º de ESO B.

A celda 211

 

Marisa Agulló, 19/11/2009

Anímome a recomendar esta película a aqueles que crean aínda, no cine español, tan denostado sempre, en detrimento das grandes superproducións americanas. A peli, cun tema aparentemente sinxelo "un motín nunha cárcere española" (non vou desentrañar o argumento), con visos de ser un ladrillo, engánchate dende a primeira escena (recorda a Buñuel) e vaite somerxendo na trama ata o final. Puro cine social, presentando unha galería de retratos da vida real. Por unha banda, os integrados na nosa sociedade de liberdade e por outro os do mundo marxinal, privados dela. Sen darte conta, a trama vaite levando por un camiño no que te das de conta da fraxilidade da liña que separa eses mundos, da relatividade dos actos humanos, da fortaleza de lazos como a amizade, incluso entre persoas antagonistas...

Tecnicamente, está moi ben construída, usando fundamentalmente diferentes planos dunha cárcere e primeiros planos dos actores, que fan actuacións redondas, destacando o galego Luis Tosar, a mi modo de ver nun dos seus mellores papeis. Ah! non me esquezo da música.

Podería seguir falando dela pero non é cuestión. Merece a pena acercarse ao cine. Para min foi unha auténtica sorpresa.

El secreto de sus ojos

 

Marisa Agulló, 18/10/2009

Película baseada nunha novela que, por certo, non tivo apenas transcendencia e que o director de cine arxentino Campanella fixo súa, evidentemente cun guión adaptado.

Dende esta páxina, atrévome a recomendala a aqueles que lles guste o cine, non só como entretemento senón como unha ventá máis, aberta á vida.

Dentro dun contexto histórico moi específico, a Arxentina dos anos 60 e 70, a trama está centrada na investigación dun crime non resolto, ocorrido tempo atrás, iniciada ésta por un secretario xudicial que xa chegou á xubilación. Pero a trama, "vista cos meus ollos" é una desculpa para tratar un tema atemporal, o do Amor, coas súas diferentes caras e consecuencias; así vemos un amor truncado que provoca vinganza, un amor imposible que deriva en silencio, unha amizade detida que leva á fuxida...

Os actores, tanto Ricardo Darín, moi recoñecido en España, Soledad Villamil e todos os secundarios dannos unha espléndida lección de interpretación.

Espero que vos guste.

Ágora e Cosmos

 

Ángel Carrera, 12/10/2009

Xa sei que Ágora -a última película de Alejandro Amenábar- non necesita máis promoción, pero despois de vela, decidín apoiala tamén dende esta pequena web polos seus valores didácticos.

Aínda que atopei máis loitas e menos diálogos do que esperaba, loxicamente conmoveume a maiúscula inxustiza histórica que se conta (máis alá da vida da protagonista), pero tamén os seus coidados recunchos sobre a Historia da Ciencia.

Esta película está inspirada nun libro que foi decisivo na visión do mundo de Alejandro Amenábar (e por qué non dicilo, tamén na miña): “Cosmos” de Carl Sagan. Os que xa teñades unha certa idade, lembraredes a versión televisiva da mesma idea, que tamén se pode conseguir en DVD.

Carl Sagan, igual que a protagonista de Ágora (Hipatia), foi un gran científico sen crenzas relixiosas. Na súa obra “Cosmos” contou a Historia da Ciencia a través da Astronomía dun xeito apaixonante e subliñando os principais episodios nos que os máis fanáticos inimigos da Ciencia acadaron os seus obxectivos, normalmente en nome dalgunha divindade ou mito e normalmente derramando sangue.

O can mongol

 

Ángel Carrera, 27/11/2008

Estes días que andaba eu polo Feal coa película "O can mongol" nas mans, preguntoume un alumno: "Era un can tonto?". Pois non. Probablemente os cans e os seres humanos de Mongolia sexan máis listos que os de aquí, pero en calquera caso, ninguén ten a culpa de non nacer listo.

Se queredes fuxir do cine estadounidense e incluso do español, podedes probar con esta sinxela historia oriental cunha fermosa fotografía. A película é un traballo fin de carreira que fixo unha rapaza mongol nunha universidade alemana en 2005. A familia protagonista é real e interprétase a ela mesma. Aínda que ten unha parte narrativa (a historia do can), ten moito de documental: a película amósanos a cultura dos nómadas mongoles e o seu profundo respecto pola natureza, e lémbranos que non é necesario ter un móbil con Wi-Fi, GPS e Bluetooth para ser feliz.

Acaba de chegar unha copia da película á Biblioteca de Secundaria, así que xa a podedes reservar.

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido