Saltar navegación.
Inicio

Sociedade, Música, Seccións, Cine, Deporte, Turismo, Literatura, Plástica, Ciencia

Aniversario no IES As Telleiras

Aniversario en Telleiras

17/10/2010

O pasado venres tivo lugar no IES As Telleiras, un acto conmemorativo co gallo do 25 aniversario da súa inauguración. Abriron a homenaxe os emotivos discursos de catro persoas vinculadas ao centro: en primeiro lugar interviu Manuel Losada, director do instituto na última década. O segundo discurso pronunciouno Augusto Pérez Alberti, hoxe catedrático de Historia na Universidade de Santiago, quen dirixiu o IBM de Narón (o nome Telleiras non se establece ata o ano 97) nos seus primeiros pasos. O alcalde de Narón foi o terceiro conferenciante: Xosé Manuel Blanco lembrou que nos anos oitenta el era delegado de educación do Concello e formou parte do Consello Escolar do instituto nos seus primeiros cursos. Cerrou o acto de presentación a profesora María Xosé Saavedra, xefa do Departamento de Historia, quen deu paso á inauguración da Exposición que o seu Departamento organizou ao longo deste último ano. Con ela se rende homenaxe aos 25 anos que cumpre o instituto: as primeiras actas e documentos administrativos, exemplares de libros do ano 85, a primeira máquina de escribir e o primeiro ordenador, fotos, etc. están acertadamente dispostos entre paneis informativos que recordan o contexto histórico local, nacional e mundial que se vivía a finais dos oitenta. Ao tempo que viamos a exposición, se proxectaban fotos de moitas persoas vinculadas ao instituto neste tempo. Non faltou o fondo musical, cun himno composto para a ocasión. Foi un acontecemento moi entrañable, e vos animo a que visitedes a exposición, que seguirá aberta ata o día 29 de outubro.

Lope

 

Mar González, 17/10/2010

Acudín a ver esta película con certa desconfianza, pois as críticas non estaban sendo moi positivas, con todo, non me decepcionou: saín do cine coa sensación de ter estado un ratiño na España de finais do século XVI, compartindo as andanzas do xoven Lope de Vega. Pareceume moi boa a ambientación, o clima que se respira mantense fiel á idea que temos desa época do Imperio e creo que tamén é moi axeitada a recreación biográfica dos anos de xuventude do protagonista. A interpretación de Alberto Ammann (actor revelación no filme Celda 211) pareceume moi boa, así como a das dúas protagonistas femininas: Elena Osorio (interpretada por Pilar López de Ayala), a muller liberal e paixoal que inspira os primeiros sonetos do escritor;  e Leonor Watling, no papel de Isabel de Urbina, unha noble que encarna o amor na vertente máis romántica. Aínda que hai un forte compoñente erótico, non hai esceas de sexo explícito, así que pode ser recomendada a rapaces de Secundaria para que vexan unhas pinceladas da nosa historia e para que comprendan a intelixencia, ambición e talento do home que se convertiría no autor máis prolífico da literatura Barroca.

Amador

 

Marisa Agulló, 13/10/2010

Angel, seguindo co compromiso do curso pasado e para contribuir un pouquiño a que esta páxina do cole siga viva, anímome a seguir cos meus humildes comentarios na sección de cine.

Despois dos " Luns ao sol " e " Princesas ", a primeira delas sobradamente premiada, F. León de Aranoa estrea " Amador ", película moi na liña do seu filmografía, encadrada na temática social que el domina.

Nesta caso preséntanos a relación entre unha persoa maior e a súa coidadora, unha inmigrante latinoamericana, ambos, dous exemplos claros de soidade neste mundo, ás veces, moi falto de comunicación.

É uha delicia de película. Os seus protagonistas, Marcela, interpretado pola actriz peruana Magali Solier e Amador, polo actor galego Celso Bugallo bordan os seus papeis. Os diálogos entre eles son sublimes, trasmiten á perfección o drama das súas respectivas situacións cun linguaxe con infinidade de pinceladas cómicas, provocando esa tenrura que o director sabe plasmar en todas as súas películas.

Non quero desvelar a trama para animar a vela. Merece a pena. Espero que a disfrutedes.

Vargas Llosa, Nobel de Literatura 2010

Mar González, 10/10/10

A estas alturas todos saberedes que o Premio Nobel de Literatura 2010 foi concedido ao escritor hispano-peruano Mario Vargas LLosa. A súa extensa traxectoria abarca xéneros como o ensaio, o teatro e a novela, nos que trata variados temas, sempre marcados pola súa persoal vinculación á sociedade e á política do seu tempo. Non faltan as notas eróticas e humorísticas en moitas das súas historias, que tamén destacan o lado máis cruel do ser humano. Non deixedes de ler algunha das súas obras, seguro que quedades atrapados: La tía Julia y el escribidor, Pantaleón y las visitadoras, Conversación en la catedral, Travesuras de la niña mala, son só algunhas suxerencias. 

2ª edición da Pecha Kucha Night en Ferrol

Pecha Kucha Night 2010
Fai clic para ver o cartel completo

Ángel Carrera, 02/07/2010

Hoxe venres ás 22:20, hai un evento curioso no teatro Jofre. Son presentacións brevísimas sobre diversos temas. A estas presentacións comprimidas chámanlle 20x20, porque cada poñente só pode utilizar 20 imaxes e dispón de 20 segundos para comentar cada unha delas (resultando 6 minutos e 40 segundos). Esta frikada naceu en Toquio en 2003 e hoxe é a segunda vez que se celebra en Ferrol (a primeira non saíu tan ben como esperabamos, pero pensamos que merece a pena ver como evoluciona). Máis información en:

http://www.mjoy.es/web/2010/05/15/pechakucha-night-ferrol-vol-ii

Nota: Grazas a Gelen pola información!!

Postal musical de Paloma

 

Ángel Carrera, 25/05/2010

Despois duns días con esta web nun estado case comatoso, tivo que vir a nosa querida ex-profe de Música Paloma García para comezar a reanimación. Paloma envíanos unha bonita actuación en Santiago na que participa tocando a zanfona. Grazas por seguir téndonos en conta Paloma!

Nos próximos días, trataremos de que a web saia da sala de reanimación grazas a material que esperamos recibir en breve da viaxe a Cataluña, da viaxe a Irlanda (sabemos moito do regreso, pero que pasou antes do colapso aéreo?) e doutras historias... Con todo isto, esperamos que a web do Feal chegue en boas condiciones ao seu terceiro aniversario (este sábado) para poder celebralo.

Web e revista "Dameuntoke"

Dameuntoke
Fai clic para entrar en Dameuntoke;)

14/04/2010

A Concellería de Mocidade do Concello de Narón puxera en marcha unha web hai uns meses chamada Dameuntoke;). Nós temos un enlace permanente a ela no noso apartado de enlaces de Narón e a verdade e que visualmente é moitísimo máis bonita ca nosa (o sistema da Consellería de Educación que utilizamos tampouco permite moitas virguerías visuais). Sen embargo, en cuestión de contidos e dinamismo non sentimos moita envexa, jeje.

Agora, a Concellería de Mocidade comeza cun novo proxecto: a publicación da revista en papel Dameuntoke, que en breve será repartida nos terceiros e cuartos da ESO de Narón. Veremos se A Tribo ten motivos para sentir envexa (queda moi pouco tempo para pechar a recollida de traballos para A Tribo 2010!!!!).

Rockola escolar

 

Ángel Carrera, 12/04/2010

O alumnado de 4º de ESO con Informática xa está pensado nos seus vídeos musicais de despedida do Feal, que tanto éxito tiveron coa promoción do ano pasado. Para ir entonando, abrimos unha nova rockola (xa tardabamos), esta vez con temática escolar. Non é tan doado como parece, hai moitas cancións infantís sobre os colexios, pero non tantas un pouco máis "adultas". Eu escollín en primeiro lugar un entrañable vídeo dos escoceses Travis (Driftwood) cunha idea tan sinxela como ben resolta: unha foto de fin de curso interrompida por unha treboada. Ademais, engadín un vídeo do vigués Fon Román (Colegio vacío) pola súa letra e tamén un clásico de Police (Don't stand so close to me) e outro de Simple Minds (Don't you forget about me) que soaba nunha película sobre un castigo de sábado pola mañá nun instituto. Outras posibilidades obvias serían a canción máis célebre de Pink Floyd (que non me gusta nada) ou a máis célebre de Britney Spears (bastante máis divertida, pero a súa compañía non permite insertar o vídeo fóra de YouTube). A ver se atopades algunha máis!!

Vicente Haro, o avó de Manolito Gafotas

 

Mar González, 15/04/2010

Onte faleceu Vicente Haro, coñecido actor de reparto, e pai do tamén actor Enrique San Francisco. A carreira de Haro transcorreu entre o cine, o teatro e a televisión. Participou en numerosas series e destacou o seu traballo nos anos sesenta e setenta no programa televisivo Estudio 1. Da súa filmografía quero destacar o seu papel do entrañable avó de Manolito Gafotas. Esta película está baseada na obra homónima de Elvira Lindo que actualmente están a ler os alumnos de 1º ESO.

Semana santa alternativa

 

Ángel Carrera, 01/04/2010

Unha recomendación sobre todo para a xente que coma min non acaba de comprender as procesións e todo o que vai detrás, aínda que calquera debería rirse con esta película satírica ambientada nos escenarios do novo testamento: A vida de Brian. Non importa que xa a teñades visto (mellora moito en versión orixinal subtitulada). Na sección de cine da web do Feal, sempre falamos de películas máis ou menos recentes, pero xa era hora de falar dalgún clásico.

Neste caso, aínda que a queirades alugar ou mercar, ides telo moi complicado, así que teredes que pensar alternativas. E o di alguén que nunca baixou unha película de Internet. Si, son un bicho moi moi raro, pero estou dicindo a verdade. E iso que dou clases de Informática. Aproveito para quitarme o sombreiro ante o gran Eduard Punset, que hai uns días soltoulle isto á nosa ministra de Cultura (só é un minuto e medio de vídeo, pero cada vez vaise poñendo máis interesante):

 

Nota: sabedes cal é a materia que máis recorre a copias ilegais de películas no Feal (con diferenza)? É un dato moi interesante, pero loxicamente non o vou dar. Que investigue a SGAE, que investigue...jeje...

Enderezos electrónicos

  • Equipo directivo: cpi.feal@edu.xunta.gal
  • ANPA: o.buxato.anpa.o.feal@gmail.com
  • Coordinación da web: web.feal@gmail.com
Distribuir contido