Skip to Content

Actividades

DESCUBRINDO A ROSALIA

Hoxe 24 de febreiro, Día de Rosalía, damos a coñecer o xogo Descubrindo a Rosalía de Castro, do que é coautora a profesora Alba Carril Casanova, compañeira de educación infantil e membro do EDLG do CPI de Vedra.

Animádesvos a xogar? 

https://view.genial.ly/6016977d22eaac0d7191f9a4/game-descubrindo-a-rosalia-de-castro

Os nosos parabéns para Alba e para Ana

Día Internacional do Patrimonio Mundial

 

Obradoiro de cociña terrorífica

ESCARLATINA E ESMERALDINA CON SABOR… A DOCE

Vaise achegando o día elixido para celebrar o Magosto que coma sempre vén acompañado de choiva e adiamento do festexo... pero nós poñémoslle ao mal tempo boas intencións e moito doce.Repetimos experiencia de OBRADOIRO TERRORÍFICO ideado a partir da lectura dos libros de Ledicia Costas.

O alumnado de 1.º e de 2º da ESO trouxo decoradas unhas madalenas que nos recordan o mesmiño gato Dodoto, o arañón francés Lady Horreur, o mortobús convertido nesta ocasión nun mortotren con estación e todo, e un magnífico Amanito co que nos agasallou o compañeiro de 1º ESO A, Aarón.

E, á beira destes e doutros personaxes de conto, xuntamos sobremesas 'terroríficas' cheas de caveiras, sangue, esqueletes, vermes e outras cousas que sendo no fondo moi apetitosas teñen aparencia de noxentas.

Entre todos desfrutamos dun día fantástico para a vista e o padal.

Que si, que as probamos. E estaban boísimas!!

Moitas grazas ás mamás e papás que tanto colaboraron para que os rapaces e rapazas puidesen vivir esta mañá con ilusión.

A proba está nas fotos que acompañan esta nova.

Ata o curso que véeeeeeeeeeen.

Xulia Marqués

Coordinadora do EDLG 

     Máis fotos

Gañadores do certame de microrrelatos

No documento adxunto anúncianse os gañadores do certame de microrrelatos "Arrepíos e outros medos" 2019-2020. Parabéns a todos.

Día de Neira Vilas

Celebración do alumando de CPI de Vedra do Día de Neira Vilas. Por un banda, todo o alumnado da ESO fai unha lectura continuada de varios textos de Memorias dun neno labrego. Por outra, o alumnado de 4º de Primaria lee varios poemas do autor. A lectura de Memorias dun neno labrego vai acompañada da canción do mesmo nome de Antonio Crego Martínez, que deu autorización para o seu uso. Os poemas levan o fondo musical das cancións de Suso Vaamonde, con autorización dos seus herdeiros.

 A continuación móstranse as ligazóns para escoitar a montaxe de todos os fragmentos lidos polo alumnado da ESO ("Lectura continuada..."), e tamén se ofrecen as lecturas individualizadas por curso. Por último, a montaxe da lectura dos poemas lidos polo alumnado de 4º de Primaria.

 

 

 

O CPI de Vedra acode ao Correlingua 2019

O luns 6 de maio o CPI de Vedra participou en Santiago de Compostela na 19ª edición do Correlingua. O alumnado de 1º e 2º da ESO acudiu cos seus profesores a esta Festa da Lingua coma cada ano. Música, andaina polas rúas da zona vella e celebración de confraternidade cos centros da contorna compostelá nunha mañá do mes das Letras.

O CPI de Vedra participa no Concurso Coca-Cola Novos Talentos de Relato Curto!

O CPI de Vedra participou na 11.ª edición do Concurso Coca-Cola Novos Talentos de Relato Curto! promovido pola compañía Coca Cola e no que colaboran as universidades de Santiago, Vigo e A Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Este certame literario dirixido exclusivamente ao alumnado de 2.º da ESO busca potenciar a creatividade dos alumnos/as a través da escrita dun microrrelato en lingua galega.

A sesión desenvolveuse na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela o pasado 15 de marzo e nela estiveron representándonos Teresa Tato, Antía Vázquez, Elia Torres e André Parra.

Os catro realizaron unha proba escrita na que debían usar catro das seis palabras que lles foron propostas antes do comezo: SAUDADE, SOLPOR, BEIZOS, FERVENZA, MERGULLAR e ACARIÑAR.

"EU TAMÉN SON XENERALA" - Obradoiro

 "Eu tamén son xenerala..."

 Esta é a cabeceira que eliximos para a 4ª sesión do obradoiro de Entroido que se vén desenvolvendo no centro desde 30 de outubro. O de onte foi un día enteiramente dedicado a revisar o rol que se lles reservaba ás mulleres hai dúas ou tres décadas neste festexo. Estiveron con nós para contarnos as súas experiencias algunhas veciñas de Vedra, San Pedro de Vilanova e Sergude, algunhas son nais de alumnos/as, avoas, coñecidas… Son mulleres con nome e apelido: Nieves Iglesias, Julia Villanueva, Victoria Villa, Carmiña Cutrín, Sonia Gamás, Cristina Orosa, Luz Divina Balado. Todas falaron nesta xornada, unhas en calidade de donas e fillas de xeneral, outras de costureiras expertas en arranxos e feitura de traxes ou de xeneralas. Tamén nos acompañaron Bárbara Penas, Rosa Rodríguez e Iria de Asla da Asociación Berenguela pola Igualdade de Vedra para darnos a súa visión desde outra óptica, a daquelas que traballan pola concienciación e a sensibilización pola igualdade.

 Como complemento ao feito, o próximo xoves 24 Títeres Cachirulo virá ao CPI de Vedra co espectáculo “As xeneralas da Ulla”.

 Xulia Marqués

 Coordinadora do EDLG e de Vedra medra

Ver fotos

 

O CPI DE VEDRA DISTINGUIDO CO PREMIO PROXECTA DE INNOVACIÓN EDUCATIVA 2018

O CPI de Vedra acaba de gañar o Premio Proxecta de Innovación Educativa 2018 convocado pola Consellería de Educación entre os centros docentes públicos que foron admitidos no Plan Proxecta durante o curso escolar 2017/18.

"De redes e afectos ou como converter nun activo para a dinamización o patrimonio local contextualizado. Os proxectos do CPI de Vedra: superando límites, integrando partes" é o título do traballo presentado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega galardoado nesta ocasión.

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI de Vedra vén coordinando nestes últimos anos unha serie de actuacións con base no patrimonio local vedrés baixo a marca Vedra medra.

Este é o terceiro recoñecemento que acadamos despois de ter recibido o Premio didáctico Antón Fraguas promovido desde o Museo do Pobo Galego e o Premio a proxectos de innovación en dinamización lingüística que convoca a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Parabéns á toda a familia de Vedra medra e a seguir traballando POR UN PATRIMONIO VIVO!!

Xulia Marqués (Coordinadora do EDLG e do Vedra medra)

Ricardo Varela, guía na visita aos xardíns do Pazo de Ortigueira

O arquitecto Ricardo Varela serviunos de guía no pazo vedrés de Ortigueira, en Santa Cruz de Ribadulla, o pasado 24 de maio.A esta saída didáctica precedéraa unha charla divulgativa no centro.O alumnado de 1.º da ESO, que participa activamente no proxecto Vedra medra co feitizo do Camiño, tivo ocasión de acceder pola porta norte e cruzar cara ao pazo os camiños bordeados de retículas de oliveiras.

Ler máis +

Ver fotos +

Distribuir contido


by Dr. Radut