Skip to Content

Bioloxía e Xeoloxía, Inglés, Matemáticas, Orientación, Lingua galega, Educación Plástica Visual, Música

Sementando galego

O alumnado do CPI O Cruce visibiliza e apoia o uso do galego nos negocios de Cerceda a través da campaña Aquí tamén se fala, que se está desenvolvendo a nivel galego coa participación de arredor de 200 centros de ensino. Xa son preto de 50 os negocios do municipio adheridos á campaña

Xestorías, bares e restaurantes, gasolineiras, panadarías, fábricas…, son algunhas das empresas que o alumnado do CPI O Cruce de Cerceda xa visitou para animar e visibilizar o uso do galego. Na atención ao público xa se fai de xeito moi maioritario, tal e como puideron constatar, mais na rotulación e información escrita tamén é bastante frecuente nos establecementos da localidade.

Nesta semana comezou 4º da ESO polos negocios de Cerceda capital, e despois das vacacións de Semana Santa continuará alumnado dese e doutros cursos por establecementos doutras parroquias do municipio. As rapazas e os rapaces visitan as empresas, explican a campaña, animan a unirse a ela e visibilizala a través dun cartel co lema “Aquí tamén se fala galego” e fan unha foto, que despois se comparte a través das redes sociais. Ademais, fíxanse no emprego que se fai da lingua coa finalidade de, proximamente, recoñecer algunha empresa que destaque de maneira especial no uso do galego.

A recepción, tal e como indican as mozas e os mozos participantes, está sendo moi positiva, xa que todas as empresas visitadas se animan a participar e, ademais, incluso felicitan, aplauden e agradecen a iniciativa. De momento xa son preto de 50 as empresas do municipio visitadas e adheridas, que seguro que irán aumentando nas próxima semanas.

A campaña Aquí tamén se fala é un proxecto de dinamización lingüística realizada pola mocidade que se xestou nun instituto da Coruña, o IES Rafael Dieste, e que decontado se espallou por centros de todo o país, ata chegar aos arredor de 200 actuais, entre os que está desde o inicio o CPI O Cruce de Cerceda. Ademais dos miles de establecementos empresariais e comerciais que xa se adheriron á campaña (en Cerceda xa van preto de 50), tamén conta con recoñecidos apoios a través de vídeos nas redes sociais como, por exemplo, os dos actores Viggo Mortensen ou Tamar Novas, a actriz María Vázquez, a cantante Amaia ou as Tanxugueiras, os músicos James Rhodes ou Abraham Cupeiro etc., ademais dos clubs e xogadores de fútbol do Deportivo da Coruña, Celta de Vigo, Rácing de Ferrol ou Lugo.

 

De novo en Rianxo

Onte o alumnado de 4ºESO visitou Rianxo para achegarse a dúas figuras fundamentais da literatura galega: Castelao e Manuel Antonio.

A mañá comezou percorrendo os lugares vitais de Castelao e continuamos á tarde coa visita á Casa-Museo de Manuel Antonio (Podedes ver un breve vídeo premendo na ligazón).

 

Podcast "El hip-hop cumple 50 años"

 

 

Os alumnos de 2º ESO Teo Buceta, Hugo Basadre e David Urzeda  fan neste podcast un repaso á historia do hip-hop,incluíndo cancións de artistas representativos de cada etapa,e tamén explican os elementos que forman a cultura hip-hop.

Podes escoitar o podcast no ficheiro adxunto.

 Tamén está dispoñible en Spotify,dentro do podcast A radio Tola de Cerceda: https://open.spotify.com/show/4VdVCinhuKDt8zSLN8Npp8

Celebrando o Día de Rosalía

Con motivo da conmemoración do Día de Rosalía, o alumnado de 2ºESO gravou unha serie de vídeos nos que recitaban algúns poema (ou fragmentos de poemas) da escritora homenaxeada.

  • En 2ºA o texto elixido foi a cuarta estrofa de “A gaita galega”, publicado en Cantares Gallegos.
  • En 2ºB o texto seleccionado foi o poema “A xustiza pola man”, publicado en Follas Novas.
  • En 2ºC o texto que se reproduciu foi un fragmento de “Has de cantar” (todo o apartado III e parte do IV), da obra Cantares Gallegos. 

Podedes visionalos premendo no enlace do título.

Percorrendo Compostela

O 20 de febreiro o alumnado de 2º e 3º de ESO desprazouse a Santiago de Compostela para acudir a varios espazos, todos eles cun carácter eminentemente artístico.

En primeiro lugar visitaron a exposición 13º Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis 2023 para coñecer as propostas máis actuais na arte plástica (pintura e escultura).

A continuación acudiron á representación da obra “Soños”, no Teatro Principal, a cargo da compañía Artefeito, que abordaba a situación dos menores que viven en pisos tutelados.

Por último, despois de xantar, os dous niveis separáronse e realizaron diferentes actividades: mentes o alumnado de 2ºESO fixo un percorrido polos espazos vitais de Rosalía de Castro en Compostela, o alumnado de 3º ESO trasladouse ata o Museo de Arte Contemporánea para realizar un obradoiro.

Un día moi completo.

 

Aproximación ao (de)sexo

O 6 de febreiro o alumnado de 3º e 4º da ESO participou nunha actividade consistente nun teatro-foro co título de “A pornografía na adolescencia”, da man da compañía Talía Teatro.

Tratábase dun programa de investigación teatral que terá como finalidade a montaxe dunha peza dramática titulada “Desexo”.

O punto de partida era unha serie de escenas inconclusas para as que o alumnado debía facer propostas coas distintas formas de continuar e os finais posibles.

Para levar a cabo a actividade contamos cunha parella de actores, Marta Ríos e Daniel Trillo, que interpretaban todas as escenas; Bárbara Penas, a sexóloga que asesoraba o programa; e Diego Rey, coordinador do programa e director da obra resultante.

Un interesante programa que pon de manifesto o traballo que aínda queda por facer coa mocidade.

Programación da mestra de PT ESO

Distribuir contido


by Dr. Radut