Unha visita europea
Como principio da fin do proxecto de Escolas Parlamentaria da UE hoxe recibimos unha visita moi especial: veu ao centro o eurodeputado do PSdG-PSOE Nicolás González Casares.
Contamos na mesma visita coa presenza do alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez García, e da deputada autonómica Begoña Rodríguez Rumbo, co que o alumnado puido achegarse aos seus representantes en case todos os ámbitos da política: local, autonómica e europea (faltou a representación estatal).
O eurodeputado comentou algúns aspectos significativos do funcionamento da Unión Europea e contestou algunhas preguntas do alumnado.
Entre as súas respostas cómpre salientar a defensa que fixo dos políticos como profesionais ao servizo do pobo e da política como ben necesario para a nosa vida diaria (a educación, a sanidade, a economía...).
A súa intención era, sen dúbida, atraer á xuventude cara á política para espertar o seu interese e lograr unha maior implicación pola súa parte: o que eles queiran ser, facer ou ter no futuro deberán defendelo dende agora mesmo.
Para rematar, o alumnado non se esqueceu de sacar o tema da oficialidade do galego, catalán e éuscaro no Parlamento Europeo, ao que Nicolás González respondeu de forma diplomática, como non podía ser doutro modo, mostrando a súa simpatía cara á iniciativa pero indicando as dificultades organizativas que isto suporía na UE.
En definitiva, unha interesante visita que sen dúbida deixará unha impronta no alumado e que agradecemos profundamente, tanto a González Casares pola súa dispoñibilidade e o seu tempo, como a todos os que fixeron posible a súa presenza.