Historia do CIFP A Xunqueira
O Centro Integrado de Formación Profesional "A Xunqueira" é un centro de ensino cunha longa andaina. Inaugurouse no ano 1979 como C.F.P. para as especialidades de Electrónica, Madeira e Automoción.
No ano 94 convértese en Instituto de Ensino Secundario, impartíndose as ensinanzas da ESO, Bacharelato, ademáis da Formación Profesional regrada nas mencionadas especialidades.
No curso académico 2011-12, pasa a denominarse CIFP “A Xunqueira” por transformación do IES en Centro Integrado de Formación Profesional. As necesidades económico-sociais da actualidade demandan traballadores/as cada vez máis cualificados/as e ademáis permanentemente actualizados/as, e esixen que o sistema educativo dea resposta a esta demanda. Así os CIFP ofrecen unha formación profesional integral ao longo de toda a vida laboral ao integrar a FP Inicial que outorga títulos, a Continua para traballadores/as en activo e que lles permite adaptarse aos cambios permanentes da contorna produtiva, e a Ocupacional para traballadores/as desempregados/as como mecanismo para recualificarse a súa volta ao mercado laboral.
A integración dos sistemas esixe a xestión conxunta do CIFP por parte das administracións educativa e laboral, afectando á estrutura orgánica do centro, coa participación activa de todos os actores implicados no proceso.
A oferta formativa do noso CIFP abarca as familias profesionais de Electricidade e Electrónica; Madeira, Moble e Cortiza; Transporte e Mantemento de vehículos; e Servizos Socioculturais e á Comunidade. Inclúe ciclos de grao básico, medio e superior; e ofértase nos rexímenes ordinarios e modulares, nas modalidades presenciais, a distancia e dual.