blogue dexose

Liga LEGO Jr. 2018-2019 (8) Misión Cumprida!

Por fin chegou o día da presentación! Chegamos a Ferrol ás 9 e media da mañá cos nosos papás e mamás e fomos para o Auditorio coa maqueta e o póster. Alí recibíronnos os encargados da organización e asignáronnos unha mesa para colocar a nosa maqueta, xunto á doutros doce equipos máis de toda Galicia.

A iso das 11 da mañá foi o noso turno para expoñer o traballo diante do xurado, que estaba formado por tres científicos/as vestidos coas súas batas brancas. Despois de expoñer fixéronnos unhas cantas preguntas que soubemos responder.

Despois tocou merenda gratis, con froita e bocata. E pasamos o rato xogando na zona de descanso, mirando as maquetas dos outros equipos, e mesmo observando como competían os equipos dos maiores nos xogos do robot.

 Por fin, case ás dúas da tarde chegou a entrega de premios. Primeiro un mago fixo dous trucos que nos deixaron coa boca aberta. A seguir os equipos subiron ao escenario do Auditorio a recibir o diploma e unha medalla feita con pezas de Lego para cada un de nós. No diploma déronnos a mención especial ás mellores ideas explosivas! Despois fixemos a foto de equipo.

Ao saír fumos comer invitados e a comida estaba ben boa!

 

Pola tarde guiáronnos para visitar as instalacións da Universidade, e puidemos ver:

. O túnel do vento

. A canle xeradora de ondas

. As gafas de realidade virtual

. Os raios láser

. A sala de robots

. A sala do coche autónomo e de simulación de excavadoras...

O que máis nos gustou foi o túnel de vento e as gafas de realidade virtual!

 

Moitas grazas a toda a organización porque foron moi amables e fixéronnos sentir moi ben. Foi un día fantástico e para o vindeiro curso volvemos!!

Primeiro curso traballa con Legos

O grupo de 1º curso de primaria traballou hoxe cos kits de máquinas simples de Lego, que nos remitiu a Consellería dentro do programa de Robótica.

Este kit permite construír e coñecer o funcionamento básico de máquinas simples como son as engranaxes, as rodas e eixes, as poleas e as pancas. 

Formamos na aula 5 equipos. Nomeamos un secretario/a en cada equipo. Logo de repartir os kits puxémonos mans á obra e o secretario/a cumprimentou a folla de observación do modelo construído coa axuda dos compañeiros/as.

Nesta primeira primeira sesión iniciamos a unidade das engranaxes, que son rodas con dentes que xiran e transmiten o movemento dunhas a outras. Sabemos que por exemplo as bicis, os reloxos analóxicos, os motores, etc. teñen engranaxes, e que estas poden ser de diferentes tamaños, con moitos dentes ou poucos dentes.

Para rematar tivemos uns minutos de xogo libre. Todos quedamos encantados coa actividade, pois gústannos moito os Legos, e para a semana repetimos!

Liga LEGO Jr. 2018-2019 (7)

SÉPTIMA SESIÓN

Para comezar anticipamos o contido do noso póster de presentación, deseñando un borrador coas tres partes a incluír: Explorar, Crear/Comprobar e Compartir.

A seguir dividímonos en dous equipos. O primeiro esforzouse en mellorar a nosa maqueta, aínda que non foi tarefa fácil, pois había moitas ideas diferentes. O segundo equipo deseñou novos robots coa programación correspondente, pero aínda non nos convencen os modelos definitivos.

Na vindeira sesión faremos un boceto de póster e practicaremos a presentación oral. Darémoslle unha volta máis á maqueta e aos robots.

Outro traballo pendente e elaborar o logo do noso equipo, que xa ten unha proposta definitiva.

Liga LEGO Jr. 2018-2019 (6)

Temos noticia importante!  O vindeiro sábado, día 16 de febreiro, teremos a presentación dos proxectos no Auditorio de Ferrol. Así que toca correr!

Hoxe comezamos deseñando o proxecto para a maqueta da base lunar. Que temos que poñer? Pois as seguintes cousas:

- A nave espacial e o sistema de recollida dos contedores.

- Unha fábrica de enerxía

- Algún aparato para obter auga e para obter osíxeno.

- Un invernadoiro para producir alimentos

- Unha antena parabólica para enviar e recibir mensaxes da Terra,

- Algún vehículo motorizado para poder movernos pola lúa,...

- E algo máis que se nos poida ocurrir...

 Bosquexo da maqueta da base lunar

 Así que fixemos dous grupos e o primeiro púxose a construír a maqueta. O segundo grupo construíu un robot lunar capaz de desprazar os nosos contedores.

Construción da maqueta da base lunar

Construción do vehículo especial transportador de mercancías

Para a vindeira semana seguiremos construíndo a maqueta e comezaremos deseñando o panel informativo.

Quedáronnos por contestar algunhas preguntas:

1. Como se alimentan os astronautas?  Ver información ben explicada no enlace http://www.granadadigital.es/astronautas-y-comida-como-cocinar-en-el-espacio/

2. Cantos kilos de mercancías levaremos na nosa nave?

- Para comer:

- Para obter electricidade:

- Para obter auga:

- Para obter osíxeno:

- Para entreternos no tempo libre:

- Para construír a nosa base:

Para acabar temos dous vídeos que explican como se pode conseguir osíxeno a partir de auga!

https://www.youtube.com/watch?v=d9YiX5dY86Y

https://www.youtube.com/watch?v=i-0aEPtEzwY

https://www.youtube.com/watch?v=wlAU0zReIRY

Liga LEGO Jr. 2018-2019 (5)

Hoxe Breixo Sanjorge tróuxonos a famosa nave "Falcón milenario" de Star Wars e amosounos as súas "tripas". Como mola!

Tivemos con nós unha persoa invitada, Lara, que se animou a participar no noso proxecto.

Na 5ª sesión de traballo contestamos ás preguntas da sesión anterior:

1. Que é a lei da gravidade? É a forza coa que nos atrae un corpo celeste, e depende da súa masa (cantidade de materia) e da distancia á que nos atopemos del. Un corpo celeste moi grande, como o Sol ou a Terra, atraen con moita forza, mentres que un pequeno, como a Lúa, atraen con pouca forza.

2. Canto pesaría cada un de nós na Lúa? Máis ou menos que na Terra? Por qué? Chegamos á conclusión de que na Lúa pesaremos 6 veces menos que na Terra, pois a Lúa é moito máis pequena. Se na Terra eu peso 30 Kg, na Lúa pesarei só 5!

3. Con cantas toneladas de material pode cargar unha nave espacial para saír da atmósfera terrestre? Pois a verdade é que non moito. As naves para saír da atmosfera terrestre necesitan moitísimo combustible, varios centos de toneladas, e polo tanto canto menos peso leven a maiores, moito mellor, como moito unha tonelada.

4. Ao chegar á Lúa poderemos sobrevivir grazas aos nosos traxes, pero tamén necesitaremos un lugar onde refuxiarnos... como te imaxinas que pode ser? Podemos construír un invernadeiro con impresora 3D, dun material que resista o frío e o calor, mellor que sexa transparente para deixar pasar a luz e poder ter prantas. Tamén poderiamos refuxiarnos nunha cova, igual nos abriga máis, pero necesitamos moita enerxía para a luz.

Hoxe traballamos cos temas 5 e 6, construíndo aparellos cos que utilizar a enerxía conseguida, pinzas robóticas para agarrar obxectos, e unha alarma.

Na seguinte sesión deseñaremos os últimos aparellos tecnolóxicos para resolver problemas diversos que poidamos ter, e a proposta vai ser construír un robot lunar e algún outro que se nos ocurra.

E imos pensando no deseño da nosa maqueta, que escenario e que robots construímos!

Marcha Radetzky en percusión corporal

Para celebrar o do Día da Paz, o vindeiro 30 de xaneiro, temos preparada unha canción e acordamos acompañala da coreografía que nos propón o vídeo que segue. Así que ánimo a todos e todas, e a practicar!

A canción podemos vela no Blog da Biblioteca

O sistema solar

A nosa galaxia chámase Vía Láctea e nós, concretamente, atopámonos no sistema solar. Os rapaces e rapazas de terceiro xa o saben e trouxeron diversas maquetas para facer as explicacións na clase. Seguimos a afondar no universo!  

   

 

Liga LEGO Jr. 2018-2019 (4)

Na cuarta sesión comezamos por decidir cal vai ser o nome do noso equipo, e o resultado é...

Base MMMS (Mission Moon Marín-Sequelo)

A seguir admiramos a construción con Legos que nos trouxeron Pablo e Hugo, sobre o sistema solar, que fixeron durante este Nadal.

 

Logo dividímonos en dous equipos para construír as máquinas que nos van axudar a atopar e a almacenar auga na lúa, e fixemos o seguinte:

O equipo 1, con Xoel e Breixo deseñaron a máquina de barrer, para quitar o pó lunar e descubrir o xeo oculto.

O equipo 2, con Breixo, Roberto, Pablo e Hugo deseñaron un guindastre con perforadora para cavar un pozo na procura de auga.

Logo estivemos perfeccionando os nosos modelos para que funcionasen dun modo eficiente, e puidemos comprobar que coa tablet poden funcionar os dous aparatos ao mesmo tempo, pois temos dúas unidades de control.

 Para a seguinte sesión deseñaremos e construíremos cos LEGOS os instrumentos que nos permitirán obter osíxeno e enerxía na Lúa.

E para rematar imos coas  preguntas que aínda temos sen contestar:

1. Que é a lei da gravidade?

2. Canto pesaría cada un de nós na Lúa? Máis ou menos que na Terra? Por qué?

3. Con cantas toneladas de material pode cargar unha nave espacial para saír da atmósfera terrestre?

4. Ao chegar á Lúa poderemos sobrevivir grazas aos nosos traxes, pero tamén necesitaremos un lugar onde refuxiarnos... como te imaxinas que pode ser?

Hoxe atopamos no xornal que na expedición China da sonda lunar á cara oculta da Lúa conseguiron que xerminasen sementes .

Liga LEGO Jr. 2018-2019 (3)

SESIÓN 3

Hoxe comezamos respondendo ás preguntas da semana pasada:

1. Cal é a temperatura na Lúa? Entre que valores varía? Na súa superficie acádanse 123 graos ao Sol e -153 cando non dá o Sol. Pero ademais nos pólos da Lúa, onde nunca da o Sol, pódese chegar a -240ºC. Agora imaxinade que supertraxe de astronoauta temos que levar para non pasar frío nin calor!

2. En verdade hai auga na Lúa? Podería conseguirse sen levala da Terra? Pois si, os científicos atoparon xeo nos pólos.

3. Que obxectos deberiamos levar da Terra para obter enerxía na Lúa? Todos coincidimos en que temos que levar paneis solares e baterías.

4. Que deberemos levar para obter aire para respirar? Botellas de osíxeno,  un aparato de fabricación soviética chamado Elektron que separa o osíxeno que contén a auga, tamén algas, CO2,...

5. Que deberemos levar para obter auga? Botellas de auga, un taladro xigante para perforar o xeo...

6. Que outras cousas interesantes levarías para non aburrirte? Unha tele, uns libros, moitos LEGOS, un balón antigravidade, xogos de mesa, consola...

 Ao rematar seguimos o proceso que usan os enxeñeiros (EXPLORAR, CREAR, COMPROBAR e COMPARTIR) para deseñar un vehículo que nos permite descargar os contedores da nave e transportalos ata lugar seguro.

Para construír os vehículos seguimos as indicacións da nosa guía, e construímos dous: MILO, o vehículo científico, e o Robot de tracción. Tivemos algún problemilla para descargar porque un remolque non era suficientemente grande, e o outro era demasiado grande.

Tamén nos axudamos coas tablets para programar os vehículos para que se desprazasen. Os dous funcionaron á perfección e ata nos deu tempo para botar unha carreira cos dous. Quen credes que gañou?

Para a seguinte sesión deseñaremos e construíremos cos LEGOS os instrumentos que nos permitirán obter auga, osíxeno e enerxía na Lúa. Así que este Nadal xa podemos ir recollendo ideas!!

E para rematar imos coas novas preguntas:

1. Que é a lei da gravidade?

2. Canto pesaría cada un de nós na Lúa? Máis ou menos que na Terra? Por qué?

3. Con cantas toneladas de material pode cargar unha nave espacial para saír da atmósfera terrestre?

4. Ao chegar á Lúa poderemos sobrevivir grazas aos nosos traxes, pero tamén necesitaremos un lugar onde refuxiarnos... como te imaxinas que pode ser?

Algunha idea podemos sacala do enlace que vimos na primeira sesión:

Un equipo español vence nun concurso da Nasa para construír unha base en Marte

Manuais para o robot mBot

Un manual básico é Divirtiéndome con mBot, Guía de manejo y programación, de Susana Oubiña Falcón, 2016.

Na web de SPC-Makeblock atopamos unha sección con instrucións básicas para programar o mBot con Scratch e con mBlock. 

Tamén nos ofrece dous divertidos manuais para iniciarnos en Scratch e co robot mBot.

 

“Scratch 2.0, las Aventuras de Mike” ten nove capítulos con diferentes proxectos.

Descargar

 

“Kids maker rocks with the robots” ten doce capítulos con proxectos.

Moitos xogos para disfrutar da programación con mBot.

Descargar

Liga Lego Jr. 2018-2019 (2)

SESIÓN 2

Hoxe construímos a nave espacial que nos levará á Lúa e pensamos nas cousas (ferramentas, materiais, etc.) que precisamos levar nos catro contedores da nave para construír a base lunar:

No contedor branco levaremos o preciso para conseguir aire para respirar,

No contedor amarelo para conseguir enerxía,

No contedor azul para conseguir auga,

No contedor verde outras cousas para o noso entretemento.

Breixo S., Hugo e Pablo buscando as cousas que levar á Lúa

Darío, Xoel e Breixo construíndo a nave

Por certo, xa descubrimos as respostas ás preguntas da primeira sesión:

1. A que distancia está a Lúa?  A uns 380.000 Kilómetros.

2. Canto tempo tardaremos en chegar nunha nave espacial? Sobre uns 3 días.

3. Como son os cráteres, que tamaño teñen? Desde uns poucos de metros ata 250 Kilómetros de diámetro.

4. Na Lúa hai mares? Si, chámanlle así, pero son diferentes aos da Terra, pois non teñen auga. Teñen nomes como Mar da Serenidade, Mar de Tranquilidade, Mar da Fecundidade, etc.

5. Na Lúa hai aire para respirar? Hai auga? Non hai aire. Si, que se descubriu auga, en zonas concretas, parece que hai xeo nos polos.

6. En relación co seu tamaño, cantas Lúas collerían dentro do planeta Terra? Sobre unhas doce.

E para o vindeiro día, aparecen novas preguntas:

1. Cal é a temperatura na Lúa? Entre que valores varía?

2. En verdade hai auga na Lúa? Podería conseguirse sen levala da Terra?

3. Que obxectos deberiamos levar da Terra para obter enerxía na Lúa?

4. Que deberemos levar para obter aire para respirar?

5. Que deberemos levar para obter auga?

6. Que outras cousas interesantes levarías para non aburrirte?

Ánimo investigadores!

Para rematar podemos ver uns vídeos curiosos: o primeiro sobre os mares da Lúa:

No segundo podes observar a Lúa como se foses un paxaro que planease sobre ela! Ideal para elixir o lugar no que construír a nosa base!

O terceiro fálanos sobre os cráteres.

Liga Lego Jr. 2018-2019: Imos á Lúa (1)

Hoxe comezamos co proxecto de Liga Lego Jr. para este curso 2018-2019, que leva por título Mission Moon.

Somos 6 participantes, de 3º e 4º de primaria: Pablo, Hugo, Breixo V, Breixo S, Roberto e Xoel, aos que sumamos o noso adestrador Xosé e o seu axudante Darío. E todos nós somos un equipo, un superequipo, que temos por valores:

- Descubrir, innovar, inventar, incluír, colaborar e divertirnos!

Ata mediados de febreiro levaremos a cabo as sesións propostas no programa, co obxecto de construír unha base lunar e presentar o proxecto en Ferrol.

Na primeira sesión puxemos en común os nosos coñecementos sobre a Lúa e pensamos nun nome para o noso equipo. Sabemos que:

- A Lúa é un satélite do planeta Terra.

- A Lúa ten cráteres, é redonda, é máis pequena que a Terra...

- A Lúa protexe á Terra dos meteoritos

- Xa chegaron foguetes á Lúa, que levaron cans, e tamén algún astronauta, e polo tanto o home xa pisou a Lúa...

Pero quédannos preguntas por contestar:

1. A que distancia está a Lúa?

2. Canto tempo tardaremos en chegar nunha nave espacial?

3. Como son os cráteres, que tamaño teñen?

4. Na Lúa hai mares?

5. Na Lúa hai aire para respirar? Hai auga?

6. En relación co seu tamaño, cantas Lúas collerían dentro do planeta Terra?

 Seguro que nos vídeos que temos a seguir podemos responder a algunha das preguntas:

La Luna (Happy Learning), 5 minutos

 Curiosidades da Lúa (Happy Learning)

Paxi e a nosa Lúa: Fases e eclipses

E xa pensamos tamén no nome para o noso equipo, estas son as propostas por agora:

- Extraterrestres ou marcianos?

- Os estelares

- Unha misión lunar

- Os galácticos

- As lunáticas

- Os astrónomos

- Os astronautas

- Os novos enxeñeiros

- Os enxeñeiros máis amigos

- Os JR Moon

- Os MM (Mission Moon)

- Como levaremos pizza á Lúa?

 

IDEAS PARA CONSTRUÍR A NOSA BASE NA LÚA

 A NASA dá 100.000 dólares para un concurso de construír unha base en Marte.

Un equipo español vence nun concurso da Nasa para construír unha base en Marte

 

Gala OPROCHEF no CEP Sequelo

O venres 23 de novembro celebrouse a gala de Oprochef no CEP Sequelo. Esta festa está patrocinada por OPROMAR, a Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Marín, e ten por obxectivo promocionar o consumo de peixe fresco entre a poboación.

O noso alumnado foi invitado a participar nun concurso onde presentaron recetas orixinais de peixe fresco. Dez recetas pasaron á gran final, para seren elaboradas e degustadas por un xurado para elixir as mellores. Houbo grandes premios!

A noticia publicouse na prensa galega. Noticia no Faro de Vigo

E tamén en  La Voz de Galicia

Construímos con Lego

Contamos con 6 kits Lego de construción de máquinas sinxelas, dentro da ampliación do proxecto de robótica que desenvolvemos no centro.

Na web de Robotec atopamos un pdf de 112 páxinas, co paquete de actividades para o set máquinas sinxelas, que inclúe guía do profesor e fichas de actividades para o alumnado.

Na web de Lego Education atopamos dúas unidades didácticas para traballar con estes materiais, como por exemplo, o Tiovivo ou os Trompos, incluídas no anterior pdf.

Aprendemos a programar

Achegamos un recurso onde os nenos/as poden dar os seus primeiros pasos para aprender a programar. Atópase na web code.org.

Nesta web atopamos varias seccións, unha delas dirixidos ao alumnado a partir do 1º curso de primaria, onde poderán realizar uns cursos básicos.

Outra sección está dirixida ao profesorado, onde poderá crear un aula con alumnos/as e seguir a evolución dos cursos que se lles asignen.

Xadrez no Sequelo

Hoxe xogamos ao xadrez. Foi na hora do recreo. Viñeron Miguel e Víctor, dous monitores do Club de Xadrez de Marín xogar unhas partidas simultáneas, e axudounos o profe Xosé.

 

Puxemos 15 mesas e taboleiros no patio. Fomos xogar dous nenos/as de cada aula e algúns xogadores de axudantes. Escollemos aos seguintes, que xa saben xogar algo:

1º curso: Raúl e Roi, e axudante Gabriel

2º curso: Antón e Abel, e de axudantes Marcos e Aylen.

3º A: Manuel e Dani /  Marcos, Pablo e José Antonio.

3º B: Iván e Pablo / Yesika e Xián.

4º A: Breixo e Gonzalo / Marcela e Rodrigo.

4º B: Breixo e Dani / Roi, Xoel, Sara, Roberto, Rubén e Breixo.

5º A: Darío e Diego / Bryan, Pablo, Noel e Xan.

5º B: Álex e Óscar / Yago e Ángel.

6º A: Nicole e Anás / Fabio, Brais, Gael e Martín.

6º B: Adrián e Marta / Miriam e Pedro.

As partidas estiveron moi disputadas, nalgunhas ganaron os profes e noutras ganamos nós. E como o tempo do recreo non nos chegou aínda botamos media hora máis. Pasámolo moi ben!

 

Bolsas e axudas para alumnos con necesidade específica de apoio educativo 2018-2019

Está aberta a convocatoria deste curso para presentar solicitudes de bolsas para alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

O prazo para presentar as solicitudes de axuda rematan o xoves día 27 de setembro.

Lembren que se deben presentar mediante formulario por internet.

Acceda a toda a información en:

https://www.mecd.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/catalogo/educacion/estudiantes/becas-ayudas/para-estudiar/infantil/necesidad-especifica-apoyo-educativo.html

Revista escolar "Falares d@s nen@s" curso 2017-2018

A última semana do curso entregamos un exemplar da nosa revista a cada un dos alumnos/as do colexio. Nas súas 40 páxinas recollemos traballos do alumnado, excursións, e todo tipo de actividades levadas a cabo durante o curso. Unha felicitación ao seu consello de redacción, integrado por Álvaro, Ángela, Assia, Bryan, Miriam e Uxía.

Gañadores do VI certame de Relato Curto organizado pola FANPA

Parabéns para Saúl Mariño Recamán que gañou o primeiro premio na categoría de Primaria. Xunto a él outros catro compañeiros resultaron finalistas:  Álvaro Pereira Omil, Jorge Fernández Beloso, Martina Pazos Iglesias e Víctor Moreira González, que ademais foi un dos cinco finalistas destacados. É esta a segunda vez, nas súas seis edicións, que este premio recae nun alumno do CEP Sequelo.

A noticia aparece publicada no Diario de Pontevedra.

E tamén aparece publicada no blog Cousas de Carragal, de Marín.

Impresión dun dos finalistas:

 "Eu fun ao acto, moi nerviosa, porque non quería ler o meu relato diante de moitas persoas. Fun coas miñas curmáns, a miña nai e o meu pai.  Ao chegar, vin que había 5 persoas de xurado, mais 4 micrófonos, aquilo fixo que me sentira máis nerviosa aínda. Ao final só os gañadores tiñan que leer o seu relato. Agasalláronnos a cada un de nós cos libros onde estaban os nosos relatos.

 Todo o acto acabou cunha canción dun coro da Academia de Ópera de Pontevedra".

Os ganadores das distintas categorías

Visita ao IES Illa de Tambo

O pasado luns os alumnos e alumnas de 6º curso fomos coñecer o IES Illa de Tambo. Visitamos algunhas das súas dependencias: o laboratorio de Física e Química, o pavillón polideportivo, o salón de actos, a biblioteca, e tamén visitamos dúas aulas de 1º de ESO onde atopamos a moitos compañeiros do curso pasado.

Ao saír fixemos a foto de grupo.

Distribuir contido

PDI 2023-2024

PLAMBE

Radio na Biblio

Froita na escola

Xadrez


Proxecto "Colexio do Benquerer"

PDI 2022-2023

"Protexo o meu planeta! Protéxome eu!"  PDI "Protexo o meu planeta! Protéxome eu!" 

PDI 2021-2022: Os inventos

Camiño Portugués

Camiño Portugués

Blog Aprendo Programando 2016/2017

Pais/Nais

Eventos

« Abril 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930

Iniciar sesión

Faite socio!

Pincha enriba do Xabarín para aceder á súa páxina

Portas Abertas Virtuais

  Visita guiada ao noso colexio

Punto Laranxa contra o acoso escolar

INFANTIL: Brincando no Sequelo

Visita o Blogue de Infantil cunha enchente de actividades

A mascota Tuxiña

Pincha na mascota da Biblioteca e acede ao Blog externo

Radio Sequelo

O Sequelo na prensa

Liga Fútbol Sala

1) Clasificación. *

2) Xornadas. *

3) Equipos. *

4) Noticias. *

* Fai clic enriba de cada categoría e abrirache unha nova fiestra.