Skip to Content

blog de patricia

Programa de radio polo día das enfermidades raras

O último día de febreiro foi elixido para conmemorar o día das enfermidades raras. O alumnado de 6ºB quixo compartir con todo o alumnado en directo (e agora con este podcast coa comunidade educativa) o que sabían e buscaron deste tema. Velaquí o resultado. 


Contos e globoflexia coa profe Raquel

O alumnado de 2º estivo coa profe Raquel facendo un obradoiro a partir do libro de Eduardo Galeano da Editorial Kalandraka "A historia da resurrección do papagaio". Despois de ler o conto os nenos e nenas aprenderon a facer un papagaio mediante a técnica da globoflexia. 

 

6ª reunión do club de lectura

Nesta 6ª reunión do club de lectura desfrutamos de dúas actividades de animación lectora relacionadas cos libros escolllidos: Mamá, quero ser Ziggy Stardust e O álbum de Garrincha. Metímonos na pel das personaxes creando os nosos "alter ego" e divirtíndonos nunha xincana con pistas tal como facían Thomas e Joao respectivamente. 

 

Encontro con autores: Hematocrítico.

Todo o alumnado de 3º dentro do seu plan anual de lectura compartiron o libro "Alcaldesa Vermella" da Editorial Xerais. Este luns visitounos o seu autor, o Hematocrítico, e os nenos e nenas tiveron unha interesante charla sobre a forma de escribir un libro, as ilustracións, outras das súas obras... 

 

A biblio lugar de encontro

O alcalde e concelleiros de educación e medio ambiente estiveron no noso cole para comentar co alumnado de 3º as propostas que lles enviaron para convertir Carral nunha "vila verde". A biblio serviu de escenario para este encontro de participación cidadá. 

Día da Candeloria 6ºB

Queredes saber que significa a Candeloria e porque se celebra o día 2 de febreiro? Pois escoitade este novo podcast do alumando de 6ºB.

Obradoiro de Ioga

Coincidindo co Día da Paz a mamá dunhas nenas do cole veu practicar ioga co alumnado de 1º e 2º de EP e explicounos que esta disciplina aporta numerosos beneficios entre os que destacan: 

- Mellora da postura.

- Aumento da autoestima.

- Calma e relaxación. 

- Concentración.

- Diversión

Esta activiade consistiu en realizar unha viaxe por "Terras Máxicas" na que coñeceron árbores xigantes, serpes, bolboretas de moitas cores, flores bailarinas, saltóns, xoaniñas, a vaca Lola, o gato Florindo, a Ernesto (un can moi xoguetón) e unha familia de cabalos salvaxes que os levaron ata a Punta da Curota a rañar as nubes coas mans. 

 

 

 

 

5ª Reunión do club de lectura

Os nosos lectores tiveron esta semana unha nova reunión. Dividíronse en dous grupos os que leron Ziggy e os que leron Garrincha. 

Os de Ziggy falaron de como remata a historia, de posibles finais alternativos, das súas personaxes favoritas e de como lles tería gustado que non desaparece Thomas. Reflexionaron de como Aine, ao igual de David Bowie, abriu a mente das persoas do seu arredor e de como empregaba a roupa como unha forma de expresar a súa arte e personalidade. Dito esto, puxéronse mans á obra e deseñaron outros posibles vestiarios do artista. Todo isto en inglés, claro!

O grupo de Garrincha estivo falando do esforzo, da amizade, dos sentimentos e de como empeza e remata a historia,  de como Joao se sinte feliz e integrado ao final. 

Día da non violencia e a paz

O día 30 de xaneiro celebramos o Día da non violencia e da paz. No noso cole quixemos conmemorar este día buscando no mundo animal as cousas que suceden "CON CALMA" inspirándonos no libro de Flamboyant Editorial do mesmo nome. Aquí vos deixamoso resultado e unhas recomendacións lectoras relacionadas.

 

RECURSOS DÍA DA PAZ E NON VIOLENCIA de Teacher Marta

Resolución do concurso de logos

Xa temos logo oficial do PDI: COLE ANIMAL. Eran todos moi bonitos e foi difícil a elección pero finalmente este é o elixido. Pronto o veredes en todas actividades que se fagan do proxecto. Deixámosvos tamén as fotos  dos presentados. Parabéns E.G.C. de 4º!

4ª Reunión do club de lectura

Este luns día 16 de xaneiro reunímonos de novo as faragullas de papel para comentar as nosas lecturas.  

No grupo de dentro da biblio adordaron a personaxe de Aine así como a de Ziggy Startdust dende o punto de vista da transgresión e amosarse tal e como son.

Na zona de fora da biblio sobre Garrincha falaron de Bea Maceda, das súas lecturas de nena e das súas obras. Afondaron no sentimento de Joao ao deixar Brasil e os seus desexos futuros: dedicarse ao fútbol.  Tamén comentaron os prexuízos das persoas que veñen doutros países, as diferenzas económicas entre países e moitos outros temas máis.

O tempo pasoulles moi axiña!

 

 

Obradoiro de ilustración

O alumnado de Belas Artes da escola de Pontevedra volveu a visitarnos esta vez cun obradoiro de ilustración relacionado cos seres míticos galegos e doutras culturas. Todos os alumnos e alumnas de 3º de Educación Primaria encheron os folios de criaturas fantásticas tal e como eles as imaxinaron utilizando rotuladores, lapis de cores e ceras blandas. Velaquí unha mostra das súas creacións. Esta actividade está enmarcada dentro do programa "Lectura e familias" e do proxecto "Cole Animal". Se queredes coñecer máis trasnos, sereas, urcos ou lobishome podedes coller este libro que temos na biblio de Antonio Reigosa. Seguro que vos encantará!

Obradoiro de escritura creativa coas familias

Este martes na biblio fixemos un obradoiro de escritura creativa co alumnado de 6º a cargo da mamá dunhas nenas do centro. O obradoiro chamouse: FANTASÍA ANIMAL DE CARRAL. A actividade tivo como obxectivo elaborar unha fauna fantástica a partir de animais coñecidos e presentes na nosa contorna. Partiron da presentación dalgúns seres mitolóxicos galegos e observaron un xogo de cartas coñecido como Fantasy Riders no que viron diferentes criaturas fantásticas. Tratouse dunha actividade imaxinativa na que as alumnas e o alumnos crearon un animal fantástico coa técnica da colaxe a partir de fotos de animais reais e, ademais, foron quen de describir as súas características máis peculiares dun xeito libre e creativo. Aquí vos deixamos unhas imaxes do momento e unhas recmendacións de libros que temos na biblio por se queredes seguir creando e imaxinando!

    

Distribuir contenido


by Dr. Radut