• Novas

    Este é o espazo do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP Francisco Vales Villamarín. Nel poderás atopar todas as actividades que se levarán a cabo neste curso 2021-22. Agardamos que nos visitedes frecuentemente. E non te esquezas, se queres contactar con Equipo de Dinamización da Lingua Galega, podes enviarnos un correo a valesvillamarinedlg@gmail.com

  • CONVOCATORIAS/CONCURSOS

    CONCURSO DE REDACCIÓN "DÍA DA NAI"

     A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos, Centro Comercial Aberto (ACEBE CCA) convoca un concurso de redacción para escolares  "Día da nai 2022".

    Poderán participar os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos e deberán entregar os seus escritos co lema        " HOXE ESCRIBO SOBRE A MIÑA NAI".

    As redaccións deberán ser orixinais e escritas en galego. O prazo estará aberto ata o 22 de abril de 2022.

    BASES DO CONCURSO

    CONCURSO DE REDACCIÓN "HOXE ESCRIBO SOBRE O MEU PAI"

    A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos, Centro Comercial Aberto (ACEBE CCA) convoca un concurso de redacción para nenos e nenas que teñan entre 6 e 12 anos.  Animádevos a participar e non esquezades remitir os vosos escritos co lema 

    " Hoxe escribo sobre o meu pai".

    BASES DO CONCURSO

    CONCURSO DE CARTEIS DO 8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

    A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional e a Secretaría Xeral da Igualdade convocan conxuntamente o concurso para o deseño do cartel do día 8 de marzo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller.

    O contido do cartel deberá transmitir unha mensaxe positiva sobre a participación activa das mulleres na sociedade e promover a loita contra as desigualdades de xénero.

     Categorías:

    1. Alumnado de infantil e 1º a 4º de primaria
    2. Alumnado de 5º e 6º de primaria, de 1º e 2º da ESO e de educación especial.
    3. Alumnado de 3º e 4º da ESO, de 1º e 2º de bacharelato, de FP Básica e de ciclos de grao medio e superior de formación profesional.

    Presentación das solicitudes: cada centro poderá presentar un traballo por categoría de participación.

    Prazo: ata o martes 22 de febreiro de 2022. Co fin de axilizar a recepción dos traballos, os centros deberán adiantar a proposta do traballo á Secretaría Xeral da Igualdade mediante o envío (cartel en formato PDF ou JPG e a información identificativa do anexo I (datos do alumnado e do Centro educativo) ao seguinte enderezo electrónico: concurso8m.igualdade@xunta.gal

    BASES DO CONCURSO

    5º CERTAME DE RECOLLA DAS IMAXES E PODCASTS DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS

    O Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) é o conxunto das expresións herdadas do pasado presentes nas vivencias das persoas que se encargaban de transmitilas ás seguintes xeracións. Coa aparición da fotografía, moitas desas expresións pasaron a ter unha realidade física e, dado que algunhas delas están mudando ou mesmo desaparecendo, a fotografía convértese nun instrumento eficaz para a evocación e conservación desas expresións. Desde principios do século XX, moitas foron as imaxes que se tomaron das expresións culturais espalladas ao longo da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal, converténdose en valioso testemuño do patrimonio común galego-portugués.

    A Asociación Ponte...nas ondas! promove a recuperación e posta en valor das fotografías para que poidan ser usadas no ámbito escolar, pola carga didáctica que atesouran, e para seren coñecidas polo público en xeral e contribuír así ao paso do ámbito analóxico ao entorno dixital. Unha das características que potencian a calidade desta actividade é que fai imprescindible a colaboración das familias do alumnado, o que fomenta a comunicación interxeracional, un dos obxectivos básicos na recuperación e espallamento do Patrimonio Cultural.

    BASES DO CERTAME

    IV CONCURSO DE CARTAS AOS REIS MAGOS

    O Concello de Betanzos organiza por cuarto ano o concurso de cartas aos Reis Magos. As cartas poderán depositarse entre o 1 e o 20 de decembro nas caixas de correo real que estarán na entrada do colexio. Os Reis Magos Responderán todas as cartas.

    CONVOCATORIA DO IV CERTAME DE PODCASTS EN GALEGO XOSÉ MOSQUERA PÉREX "O vello dos contos"

    Convócase o IV Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez, o Vello dos Contos, organizado, coa colaboración da SXPL, polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Arraianos Producións e o colectivo Ponte...nas Ondas!

    Poderá concorrer a estes premios o alumnado de 11 a 18 anos dos centros de ensino de educación primaria (de 6º curso) e doutros centros de ensino non universitario de Galicia e daqueles que imparten ensinanzas de réxime xeral cursadas fóra da Comunidade Autónoma. Así mesmo, poderá participar o alumnado da mesma idade das escolas do Norte de Portugal.

    Presentaranse podcasts orixinais e inéditos relacionados coa vida e obra e Florencio Delgado Gurriarán, o autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano ou con outros aspectos do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e do Norte de Portugal, cunha duración máxima de tres minutos.

    Establécense os seguintes premios:

    • Premio ao mellor traballo do alumnado de 5º e 6º cursos de primaria de Galicia e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra da Comunidade Autónoma.
    • Premio ao mellor traballo dos centros de educación secundaria de Galicia, doutros centros de ensino non universitario e dos que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra da Comunidade Autónoma.

    BASES DO CERTAME

    CONVOCATORIA DO CONCURSO PARA ELABORAR A EXPOSICIÓN SOBRE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN, O AUTOR HOMENAXEADO O DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2022

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso para elaborar unha exposición sobre a obra, época e lingua de Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado en 2022 no Día das Letras Galegas, e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que este viviu.

    Poderán participar os centros docentes de ensino público non universitario dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

    Concederanse dous premios, un para cada unha das dúas categorías de participación.

    Categoría A: educación infantil e primaria

    Categoría B: educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial

    O centro que elabore a exposición gañadora de cada categoría recibirá un premio en metálico por un importe de 2 000 €.

    O profesorado que participe de forma activa na elaboración das exposicións gañadoras recibirá unha certificación de primeiro premio de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado (30 para a persoa coordinadora).

    O prazo de presentación dos traballos finalizará o día 25 de xaneiro de 2022.

    OCIO E CULTURAOUTROS RECURSOS