Galicia Máxica é un proxecto orientado á etapa de Educación Infantil, e que se poñerá en práctica no presente trimestre co grupo de alumnado do que son mestra titora (alumnado de 4 anos do CEIP Plurilingüe San Vicenzo). Trátase dun proxecto trimestral onde os nenos e nenas asumirán o rol de investigadores e investigadoras, ao tempo que viaxamos virtualmente por toda Galicia. 

O noso punto de partida será o Concello de Vimianzo, lugar de residencia destes nenos e nenas, e dende este punto iremos percorrendo Galicia de maneira virtual coa axuda das ferramentas tecnolóxicas das que dispoñemos no centro, e tamén coa axuda da nosa mascota de aula, Panxea, que será a que nos guíe e oriente en todo momento. 

Ao longo da nosa viaxe, coñeceremos as catro provincias galegas, e as mostras do patrimonio cultural máis representativas de cada unha delas, rematando a nosa viaxe coa chegada a Santiago de Compostela. 

Vai a ser unha viaxe longa, pero moi entretida e da que aprenderemos un montón.