Skip to Content

LLGG 2020

IMPRIMIBLES PARA ED. PRIMARIA

Para 1º e 2º

Para 3º e 4º

 

Para 5º e 6º

IMPRIMIBLES PARA E. INFANTIL

A VIDA DE CARVALHO CALERO EN POUCAS PALABRAS

Álbum: 1_CURSO 2019-2020 -> Xogos das LLGG 2020

A Real Academia Galega (RAG) elíxeme para celebración do Día das Letras Galegas de 2020. Eu, Ricardo Carvalho Calero, nazo en Ferrol, na provincia da Coruña, o 30 de outubro de 1910, remato o bacharelato na Coruña e, en 1926, marcho estudar Dereito e Filosofía a Santiago de Compostela.

Alí, entro axiña en contacto co galeguismo artellado arredor do Seminario de Estudos Galegos —do que chego a ser secretario xeral— e cultivo un estreita relación con Vicente Risco, Castelao, Ramón Otero Pedrayo e outros mestres da Xeración Nós. Nesta etapa, non teño parada: redacto un manifesto sobre a galeguización da universidade e participo na fundación do Partido Galeguista e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia.

Pero, en 1936, estoupa a Guerra Civil mentres preparo en Madrid as oposicións á cátedra de bacharelato, despois de acadar unha praza de funcionario no meu concello natal. Loito no bando republicano, como miliciano primeiro e logo como tenente, e en 1939 son detido e condenado a prisión. Dous anos despois póñenme en liberdade, pero prohíbeseme ocupar cargos públicos. 

Empezo daquela unha etapa no ensino privado que me leva a Lugo en 1950 para dirixir o Colexio Fingoi. Ese mesmo ano fúndase a Editorial Galaxia. Participo na primeira xeira da Colección Grial e son membro do consello de redacción e constante colaborador da revista Grial desde a súa saída en 1963 ata 1989.

En 1954, consigo o doutoramento en Madrid coa tese Aportaciones a la literatura gallega contemporánea. En 1958, ingreso como membro de número da Real Academia Galega, co discurso titulado Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, e máis adiante son o redactor, xunto a Ramón Piñeiro, das primeiras normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas por esta institución (1970-71).

En 1965, incorpórome como profesor interino á Universidade de Santiago de Compostela na que me converto, en 1972, no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas. Ademais, o meu labor é recoñecido dentro e fóra de Galicia. En 1981, son nomeado membro da Academia das Ciencias de Lisboa e, en 1984, recibo a Medalla Castelao.

A miña obra suma uns vinte libros.

En narrativa, publico A xente da Barreira (1951) —premio Bibliófilos Gallegos e primeira novela en galego da posguerra, cunha historia centrada nunha saga fidalga do rural—, Scórpio (1987) —na que retrato a xeración dos vencidos na Guerra Civil— e relatos curtos. Tamén cultivo a poesía, con títulos como Vieiros (1931), O silenzo axionllado (1934), Anxo de terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Salterio de Fingoy (1961), o volumes antolóxicos Pretérito imperfeito (1980) e Futuro condicional (1982), Cantigas de amigo e outros poemas (1986) ou Reticências (1990). Igualmente, fago achegas á literatura galega como autor de teatro: Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro (1971), Teatro completo (1982).

Entre as miñas contribucións á historiografía literaria, sobresae a Historia da literatura contemporánea galega (1963). Unha parte dalgúns traballos sobre autores e autoras galegos están recollidos en Libros e autores galegos (2 vols., 1979 e 1982), Estudos e ensaios sobre literatura galega (1989) e Escritos sobre Castelao (1989).

Son autor da Gramática elemental del gallego común (1966), que chega ás sete edicións. A de 1979, a derradeira, ten cambios importantes na ortografía e en escollas léxicas e, sobre todo, morfolóxicas a raíz do meu cambio na concepción sobre o que debería ser o galego culto. A mediados da década dos 70 so século XX, paso a defender a adopción dunha ortografía próxima á portuguesa para o galego e a aceptación do portugués como referencia fundamental do galego estándar. A partir desas datas empezo a asinar como Ricardo Carvalho Calero (con -v- e -lh-). Os meus traballos lingüísticos e a exposición e propostas de orientación reintegracionista son recollidos en volumes como Problemas da Língua Galega (1981), Da fala e da escrita (1983) e Do galego e da Galiza (1990).

Durante as últimas décadas da miña vida manteño unha intensa actividade como articulista e colaborador en prensa, residindo de xeito permanente en Santiago de Compostela, onde me vou definitivamente de aquí o 25 de marzo de 1990.

Distribuir contido


by Dr. Radut