Expresión escrita PT

Crea a túa propia historia!

Bo día!!

Na actividade de hoxe a idea é crear a vosa propia historia. 

Como o ides a facer? Atentos a esta imaxe:

Para descubrir o voso personaxe tedes que ter en conta o mes do voso nacemento, o día diravos como é o seu carácter e a inicial do voso nome en que lugar sucede.

Para a miña historia teño que facela cun mestre (personaxe) malvado (carácter) nun centro comercial (lugar).

Apetécevos probar a inventar a vosa?

Se vos animades a facela podedes envialas ao meu correo electrónico que atoparedes neste ENLACE.

Biquiños

ADIVIÑA O MEU PERSONAXE

Bos días!!

Hoxe traio unha actividade sobre a descrición.

Describir é explicar con detalle como é unha persoa, un obxecto, un animal, un lugar....para que poidamos facernos unha idea de como son aínda que non os vexamos.

Nesta actividade teredes que describir a unha persoa (pode ser un familiar, un personaxe dun conto ou dunha película, un superheroe ou superheroína...). Para facer a descrición podedes ter en conta o seguinte esquema:

No arquivo adxunto atoparedes unha plantilla para facer a vosa descrición e tendo en conta o esquema da imaxe poderedes facer o voso escrito explicando:

  • Como é fisicamente?
  • Como é o seu carácter?
  • Como viste?
  • Que lle gusta facer?
  • Ten algún poder? Cal é?

Para facelo máis interesante, se se trata dun personaxe de conto, película ou superheroe non poñades o seu nome e así teremos que adiviñar quen é. Que vos parece? Animádesvos a facelo?

Biquiños

 

 

Receitas máxicas

Bo día a todo/as!

Hoxe propóñovos como tarefa (lembrade que son voluntarias) que vos poñades na pel dun meigo/meiga. 

A idea é que escribades as vosas receitas máxicas. 

Podes ter en conta os seguintes pasos:

  1. Pensar para que me vai servir a receita (o meu desexo)
  2. Facemos unha lista de ingredientes un tanto peculiares jejejeje
  3. Pasos para preparala
  4. Por último, engadimos o feitizo. Pode ser en forma de pareado (dúas oracións que riman entre si)

Nos arquivos adxuntos hai dous documentos:

  1. Exemplo de receita máxica
  2. Unha modelo para facelo. Tamén podedes elaborar o voso propio modelo e tamén a man, non ten porque ser feita a ordenador.

Coas vosas propostas podemos facer logo un libro de feitizos.

Animádesvos?

Contos disparatados

Bo día a todo/as. 

Propóñovos crear contos tendo en conta estes títulos un tanto peculiares. Deixade voar a vosa imaxinación.

  • A miña casa pode voar
  • Teño un lapis máxico
  • Atravesei o espello e atopei...
  • Unha nécora xigante
  • O meu can/gato fala en soños
  • Choven cousas raras
  • Teño unha pantasma no armario
  • Todo o que penso convírtese en realidade
  • Unha excursión a un lugar misterioso
  • O meu veciño é un extraterrestre

Ocórresevos algún título disparatado máis? 

Distribuir contido