Iniciar sesión: Acceso

Guimariñoleo, Biblioteca escolar, Dinamización, Traballo por proxectos

PLAN LECTOR 2019-20

A biblioteca é un recurso de referencia para as distintas actuacións encamiñadas á mellora das competencias de lectura, escritura e habilidades para o uso e a producción da información. O lugar privilexiado que ofrece oportunidades de aprendizaxe, de colaboración e convivnecia e que reforza todos e cada un dos programas e proxectos do centro.

Se queres coñecer este documento pulsa PLAN ECTOR

Para coñecer as actividades desenvolvidas ao longo do curso e non ser repetitivos ver dentro do apartado da Biblioteca Escolar Blog

 

FINALISTAS DO XVI CONCURSO DE CONTOS SOLIDARIOS DE RNE.

Hoxe no CEIP Pobra do Brollón estamos todxs moi contentos e orgullosos porque os nenos e nena de 5º e 6º recibiron unha gran noticia. Son finalistas!

Fai unhas semanas, dende o obradoiro de linguas, propuxémoslles aos nenos e nena máis maiores participar no "XVI Concurso de Cuentos Solidarios" que organiza Radio Nacional de España en colaboración coa ONG "Un juguete, una ilusión", e non o pensaron dúas xeces. 

Xuntos crearon "El viaje de Lillo", un conto colaborativo no que participaron todos e cada un deles tendo como partida unha vivencia seleccionada por eles mesmos. Con un pouquiño dun e un pouquiño doutro crearon este fermoso conto que gravamos coa radio e que ten como telón a música do mestre Pablo. 

E foron seleccionados entre os máis de 1.200 contos enviados! Agora hai unha votación para seleccionar o conto que máis guste así que, por favor, escoitádeos, e non deixedes de votar no seguinte enlace: 

 

ENLACE A RNE

VOTACIÓN. 

 

 

Podedes escoitar o conto e votar na sección TERCEIRO CICLO, e non dubidedes en compartilo.

Jose, Dani, Manu, Marcos, Amanda, Aelfie, Senén e Fabi:

NORABOA! O traballo e o esforzo sempre obtén recompensas. Seguide traballando así!

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.

                     

 

Con este lema, dende Bibliotecas Escolares nos animaban a celebrar o mes da ciencia dende as nosas bibliotecas, demostrando outra vez que as bibliotecas non son só un lugar para albergar libros, se non un espazo estupendo para compartir, traballar, aprender e experimentar. 

 

Dende o CEIP da Pobra pensamos que cada curso debería buscar un experimento, traballar con el e explicarllo aos seus compañeirxs. Comezamos revisando o recuncho da ciencia, buscando libros sobre experimentos, curiosidades, ciencia activa…. E entre todo o grupo decidimos que experimento facer. 

 

Cada grupo traballou na súa aula buscando os materiais, plantexando hipóteses, debatendo sobre cales serían os resultados e, por suposto, experimentando. 

 

E por fin, o 29 de Novembro, todos os grupo nos reunimos na biblioteca para compartir con todo o colexio os nosos descubrimentos. 

 

Comezaron os máis pequechos. Os nenos e nenas de infantil explicáronnos o seu experimento “CORES SOBRE LEITE”. Con axuda desta bebida, de colorantes alimenticios e moita maña os nenxs crearon preciosos cadros abstractos sobre o leite explicándonos a diferencia de densidades e a tensión superficial, para despois bórralo cun pouco de deterxente. Foi moi fermoso e sorprendente, e os máis cativos convertéronse en grandes científicos. 

 

Os nenos e nenas de 1º e 2º tamén xogaron coas cores, pero neste caso, completamente naturais co seu experimento “PIGMENTOS NATURAIS”. E tanto que naturais porque con axuda dun morteiro, alcohol e papel absorbente ensináronnos a todxs as cores que hai dentro das espinacas! Verdes, amarelos, violetas e incluso morados…. A natureza é máxica!

 

Chegou o turno dos nenos e nenas de 3º e 4º que fixeron “VARIOS EXPERIMENTOS”. Comezaron creando una lámpada de lava coa que explicaron as diferentes densidades dos líquidos e como se comportaban entre sí. Despois, agasalláronnos cunha demostración de como o aire e o seu volume se poden converter nunha ferramenta moi útil e por último, crearon una reacción química que, aínda que non saíu tal como se esperaba, serviu para ver que podemos mellorar e pensar en solución para o próximo experimento. 

 

Por último, os nenxs de 5º e 6º fixeron un experimento para estudar a flotabilidade dun elemento sobre auga doce e salgada con materiais que eles mesmos atoparon polo cole e despois sorprendéronnos coas “NUBES EMBOTELLADAS”. Nunha botella de cristal e con axuda dun inflador e un pouco alcohol demostraron como se crean as nubes no ceo polos cambios de presión. Aínda que non lles saíu á primeira foron quen de solucionalo e compartilo cos seus compañeirxs.

 

Sen dúbida, este traballo foi fantástico e permitiu que todxs aprendéramos moito e compartíramos o noso saber cos demais compañeirxs. 

 

Porque aquelo que se experimenta, non se esquece. 

 

REXEITAMOS A VIOLENCIA, ABRAZAMOS A IGUALDADE.

 

Durante o mes de novembro aparecen temas tan importantes como a eliminación dunha vez por todas da violencia…porque ise é o camiño da nada.

É tempo de intervir, de tomar a palabra e pasar a acción para que curen aquelas persoas que non saben vivir respectando os dereitos dos demáis, e moi especial o das mulleres, o dos seres indefensos que sufren a causa dos maltratadores. Non  nos equivoquemos, se facemos dano, estamos maltratando.

A biblio como sempre toma o protagonismo para ofrecernos as historias que tratan este tema, e nos fan reflexionar nas distintas situacións que causan inxustiza e fan sufrir ás persoas.

Así aparece o recuncho de contos da igualdade, e tamén aqueles que realzan a figura e o valor das mulleres, porque para empezar son seres tan especiais que só elas teñen a capacidade de ter fillos e fillas. Si, si, maltratadores….a elas tedes que agradecerlle a vida.

Realizamos esta conmemoración conxuntamente co concello na casa da Cultura o luns 25 de novembro; pero para que esto saíse ben traballamos primeiro con historias que reflexaban distintas situacións de maltrato para logo verter as nosas propias reflexións nun acto que celebramos conxuntamente.

Asistimos ás 11:30 a un acto público na casa da cultura do concello donde contamos cunha actuación de contos da igualdade a cargo de Ana Hermida. Ana contounos dúas historia moi fermosas nas que as mulleres, a súa forza e a súa valía, facían que fosen capaces de enfrentarse a todo aquilo que se propoñían. No primeiro conto, da súa propia colleita, falounos dunha fermosa princesa á que seus pais quería casar, e cómo ela conseguiu que entendesen que as mulleres deben decidir poe elas mesmas e que non necesitan un home ao lado para conseguir aquelo que se propoñan. Ana rematou co conto "A historia do Bonobos con lentes" que fala da historia duhs monos algo presumidos e de como as femias da manada tomaron o mando e foron quenes de sair adiante. Sen dúbida, dúas historias que ademais de divertirnos, conseguiron que todos reflexionaramos acerca do papel das mulleres na sociedade. 

 

Despois chegou a actuación dos nenos e nenas do colexio, no que participaron todxs.

Os nenos e nenas Infantil leron o conto “Rosa Caramelo” e posteriormente ilustraron láminas que hoxe adornan o corredor do pasillo coas súas frases que levaron para ensinar e contarnos por parellas. "O talento non ten xénero" ou "Menos mitos, máis igualdade" foron algúns dos seus lemas.

1º e 2º traballaron co conto “Orellas de bolboreta” que contaron xenialmente entre todxs e ademáis deu lugar a un programa de radio que podedes escoitar aquí.

3º e 4º leron “Nera, a Ferreira”, unha auténtica lección de igualdade. Sobre esta historia crearon as súas frases que logo foron lendo e compartindo con todo o público. Nas súas frases falaban de profundas reflexións sobre o maltrato e o papel da muller na actualidade. 

5º e 6º leron no club de lectura: “A lagoa das nenas mudas”. Contaron esta historia abordando cada un as distintas temáticas que van aparecendo en torno á igualdade, os dereitos dos nenos e nenas, o mal trato entre compañeirxs, a inmigración, a violencia de xénero….sobre cada tema crearon o seu propio manifesto.

Unha xornada de reflexión sobre un tema vital. A educación, a escola  ten que servir para aprender a ser correctos, para aprender a convivir no respecto, axudar en lugar de causar sufrimento, en especial ás persoas que temos preto de nós. Debería ser a nosa prioridade, para construír o proxecto de vida de cada un sobre unha base sólida e firme á que chegan os demáis coñecementos.

Podedes disfrutar das imaxes deste fermoso día premendo aquí. 

 

O mellor uso das mans e  das palabras: as que arrancan sorrisos, dozura. Seguro que tamén esa é a clave para sentirte ti mellor.

MICOLOXÍA E CIENCIA CON SILVIA.

O venres 15 de novembro, vivimos na biblioteca unha xornada chea de información  acerca da micoloxia da man de Silvia, a nai de Dani, á que lle agradecemos moito que compartira con nós os seus coñecementos. Así contamos unha vez máis coa colaboración e implicación  das familias nas actividades da biblioteca.

Silvia é toda unha experta en micoloxia e achegounos  xenialmente a este mundo tan curioso e xeneroso como son os cogumelos que so precisan  a natureza, auga e calor para saír da terra e adornar o campo ou ofrecernos sabores exquisitos no caso das comestibles.

Silvia, chegou cargada de cogumelos cos que montou unha pequena exposición nun recuncho da biblioteca  para que os puidesemos observar e analizar seguindo as súas explicacións e dende logo respostarnos ás múltiples preguntas que lle fixemos todxs: profes e nenxs de intantil a 6º de primaria.  Ademáis contaba cunha presentación  a través da que nos deu a coñecer o mundo dos cogumelos: as distintas familias e as súas características.

Para saír ao campo a recollelas o primeiro prepararse: botas e chubasqueiro e despois a cesta para que non se estropeen e unha navalla para cortalas, e non  estragar o micelio que quedará na terra e deste xeito volverán a saír no vindeiro outono.

Na nosa zona é moi común a lepiota, o champiñón, o níscalo ou  robellón, pero  temos que saber que hai setas moi similares, iguais a simple vista,  e que, ollo! non son iguais. A maneira de coñecelas é cortalas e observar a cor: a lepiota e o champiñón comestibles son brancos, as belenosas collen unha cor rosada nos cortes. O níscalo comestible ao cortalo sempre ten un líquido laranxa, o belenoso verte líquido branco. Tamén soubemos doutras propiedades curativas como a orixinal peido de lobo, que ao abrilo bota fume e ten propiedades cicatrizantes, así que é boa para as feridas.

Esta xornada sempre vai acompañada dunha saída ao campo, no que recollemos cogumelos e froitos do outono como landras, castañas… para montar a nosa exposición. Este curso non puidemos facer a saída debido ao mal tempo e ante as previsións de continuidade de choivas toda a vindeira semana,  fixemos as xornada, sen a saída, pero tivemos cogumelos igual da man de Silvia.

Así achegámonos á ciencia da micoloxia: un fermoso agasallo que nos ofrece a natureza cada outono.  Por iso é importantísimo non estragar os nosos bosques que sen pedir nada nos dan osíxeno limpo para respirar, e fermosos agasallos como os cogumelos cada outono.

 

Moitas grazas Silvia por compartir con nós o teu saber, por crear unha mañá chea de curiosidades e respostas, por axudarnos a saber máis da micoloxia.

Disfrutade das imaxes premendo aquí.

CELEBRANDO O SAMAÍN.

 

Na semana do 28 ao 30 de outubro traballamos en torno ao Samaín e Hallowen entroncando as materias de galego, inglés e plástica e os equipos docentes de galego, Extraescolares, equipo de biblioteca, así como os proxectos do centro: Voz Natura, e biblioteca, dende a que se organizan as actividades que relacionan departamentos e proxectos que involucran a toda a comunidade educativa.

As familias contan

Xa senta tradición que por estas datas as familias acudan ao centro a contar un conto de medo durante esa semana na hora de ler. Unha actividade que ilusiona a todxs, ás familias que colaboran activamente na vida escolar dos seus fillxs, ao alumnado que escoita encantado os seus contos, ao profesorado que sente formar parte dun proxecto común de todxs.

O luns acudiu Marisa, que lles contou o conto: “O monte das ánimas”.

O martes acudiron  María e Silvia que lles contaron: María “El monstruo de los abrazos” e Silvia “O Carabuñas”.

O mércores asistiron Sandra e Martín. Sandra relatoulles "Un conto da Santa Compaña” e Martín leulles unha anécdota de lobos recuperada da Asociación Cultural Samoeiro do Ano 1.996 vivida por Ramón de Goimilo e contada por él mesmo.

Samaín e Hallowen

Xa pola tarde do mércores conmemoramos o Samaín.

O alumnado de 5º e 6º achegándonos a tradición de hallowen disfrázanse e visitan o resto das clases, asustandos un chisco. Logo reparten caramelos para paliar o disgusto dos máis pequenos.

Despois baixamos todxs ao comedor, onde temos a exposición de cabazas, e o alumnado pode contar algún conto de medo, recollido da zona. Neste caso contounos Senén un conto que lle contou o seu avó .

Ademáis, puidemos degustar un menú do máis aterrador que preparou a nosa cociñeira xunto co encargado Oscar. Consistiu nunha crema de cabaza, dedos de neno con pan engrangrentado (perriño quente) e xeado terrorífico. Estaba todo riquísimo.

Concurso de cabazas decoradas con plásticos reciclables

As familias tamén colaboraron no traballo que se lles propuxo ao alumnado tamén como cada curso: a elaboración dunha cabaza decorada con material de refugallo. Este curso a norma era clara: materias de plástico reciclable, pois este foi o noso punto de partida para comezar a traballar co proxecto de Voz Natura sobre a reciclaxe dos plásticos e tamén co proxecto de traballo do centro: Ecoguímaros I. O  alumnado realizou este traballo na casa coa axuda das familias acadando uns traballos extraordinarios de gran creatividade como podedes comprobar nas imaxes.

Os premios foron colectivos para cada aula e coa finalidade de reponer o recuncho dos xogos para cando a climatoloxia é adversa e non saen  para fóra.

Infantil: Diploma e premio ás cabazas máis monstruitas. Un kit de area kinética

1º e 2º: Diploma e premio para as cabazas máis  horripilantes. Xogo vaia lio

3º e 4º: Diploma e premio para as cabazas máis  estrambóticas. Xogo o escravel.

5º e 6º: Diploma e premio para as cabazas máis ecolóxicas. Diploma e premio. Dous xogos de xadrez.

A creatividade plástica tamén se pon en xogo polo Samaín dende o centro, pois alumnado realizou unhas postas de sol co seu Castelo ambientadas na noite e no samaín coas que decoramos a parede da entrada na escaleira de acceso ás aulas.

Por outra banda, dende o obradoiro de linguas estamos a traballar coa biografía, o que aproveitamos moi ben. Polo día das escritoras, aproveitamos para coñecer a biografía de mulleres escritoras: Elena Villar Janeiro, Fina Casalderrey, Gloria Fuertes….

Aproveitando esta conmemoración tamén creamos o recuncho de contos e lendas de medo que o alumnado leu durante este mes. O alumnado de 5º e 6º selecionou un autor ou autora deste recuncho para crear a súa biografía coas que faremos un mural a fin de que todxs coñezan algúns escritores que escribiron para eles contos de medo.

Samaín e Hallowen…chegaron, celebrámolo, e preparámonos para  a micoloxia e o magosto que petan á porta.

DÍA DA BIBLIOTECA.

Na semana do 21 ao  25 de outubro celebramos o día da biblioteca. Non hai mellor excusa para dar a coñecer a biblioteca porque a día de hoxe o noso cole quedaría orfo e desamaparado se lle falta a biblioteca.

Agardamos con impaciencia poder trasladala para a planta baixa, o seu novo espazo, pero mentras non se pode polas obras que se están a realizar no centro disfrutamos dela no lugar de sempre.

Esta conmemoración da pé para porlle unha posta a punto á biblioteca e para presentarla á comunidade educativa. Preparámonos para unha rica andaina polo curso 2019-20 no que camiñaremos da man da biblioteca.

Formación de usuarios:

No mes de setembro, o alumnado de 5º e 6º recibe unha xornada de formación  sobre a catalogación dos fondos e a información dos texuelos que nos idican a ubicación nos seus recunchos por órde alfabética cos criterios da CDU, e colaboran na súa colocación. Isto favorece ademáis, a análise dos fondos, o maís salientable dos recunchos da biblioteca…. 

Tamén elaboran as normas e consellos para o uso da biblioteca, a fin de mantela en orde e coidada implicándose activamente no coidado e xestión da biblioteca. 

Con motivo da conmemoración da biblioteca organizamos dúas xornadas de portas abertas, que se levan a cabo na hora de ler, os días previos a esta conmemoración. O alumnado de 5º e 6º, estrease como biblioaxudantes e explican aos compañeiros e ás familias como se organiza e xestiona a biblioteca e as normas e consellos que elaboraron en carteis.

Esta é a nosa presentación

 

Este curso celebramos o día da biblioteca o venres 25 de outubro atendendo ao lema  ”Biblioteca escolar: viveiro de cidadania”. Dende o equipo de biblioteca organizouse un circuito de catro estacións para coñecer mellor a biblioteca e vivir un día de convivencia e cidadania para todxs.. Así o alumnado continuou coñecendo as posibilidades da biblioteca disfrutando con experiencias que lles proporcionaban os biblioaxudntes, convertidos agora en monitores. 

  • Estación 1. Achegámonos a un milleiro de contos 

 Aquí Fabian e Dani contábanlles un conto, que prepararon previamente entre os dous: “Fina a pirata” de Helena Villar Janeiro. Un conto inclusivo que nos fala da superación de atrancos, do traballo en equipo, dos libros, da reciclaxe, da creatividade…

  • Estación 2. Creamos

Nesta estación Allfie e J. Ramón dirixian a creación de historias co xogo Story cubes. Para elo tiveron que ler as instruccións e entendelas a fin de explicarlas aos seus compañeirxs e guiar o xogo.

  • Estación 3. Escornabots

Nesta estación Amanda e Senén contan con dous  xogos con preguntas e probas para coñecer e usar ben a biblioteca. Así que poñen a proba  os coñecementos adquiridos nas xornadas de formación. Farán de guías e darán pistas ante as dificultades.

Contamos con dous xogos atendendo ao grao de dificultade; un para infantil, primeiro e segundo elaborado polo alumnado e outro para 3º e 4º elaborado polo profesorado.

Nos documentos adxuntos podedes ver os xogos que creamos para este día para disfrutar cos escornabots.

Xogo biblioteca para infantil, 1º e 2º

 Xogo coñece a biblioteca: 3º,4º,5º,e 6º

  • Estación 4. Investigo e consulto información

Nesta estación atopábanse Marcos e Manuel Que prepararon preguntas e probas para os nexs de infantil, sobre os animais; para 1º e 2º sobre o corpo humano e para 3º e 4º sobre a terra.

Tamén deberán guiar e axudar á investigación dos compañeiros asesorandos sobre os libros de consulta.

Foron rotando polo circuito todxs os grupos permanecendo en cada un 25 minutos. Polo que o circuito comezou pola mañá despois do recreo para rematar pola tarde.

Rematamosa conmemoración como cada curso cunha sorpresa na biblioteca. Unha Bandexa co cartel e lema da biblio deste curso, e chuches que compartimos todxs. Tamén levaron para as súas casas, dous marcapáxinas divulgados con motivo da conmemoración das bibliotecas escolares polo colectivo Lemos Le que conteñen os textos de Flora, unha profesora de historia da arte da comarca de Pantón  e a poeta Alicia Fernández tamén da zona.  

 

 

DÍA DE CINE!

O pasado venres, 18 de outubro vivimos no cole un dia especial que nos perimitiu coñecer un pouco mais do mundo do cine.

Esta actividade estivo promovida e subvencionada polo concello, a través de cultura, que nos propuxeron que se realizase no centro e deste xeito participou nela a totalidade do alumnado.

Unha xornada enriquecedora para todxs que achegou ao noso alumnado ao mundo do cine a través da empresa Festivalino. Chegaron ás 9:30 montaron o entorno no porche do colexio, composto da caravana donde se proxectaban os trailers de películas infantiles. O seu Kit de salón, composto por unha mesa redonda e varios pufs, para votar as pelis e opinar, o punto dos flocos de millo e o taboleiro cos carteis das pelis donde o alumnado elexia as que quería ver.

A primeira sesión estivo dirixida ao alumnado de infantil, primeiro e segundo. Disfrutaron de varios trailers seleccionados por eles, logo votaron, opinaron e tomaron flocos de millo.

A segunda sesión, estivo dirixida a 3º,4º, 5º, e 6º. Establecendo dúas actividades paralelas nas que se alternaron. Mentras  grupo de 3º e 4º gravaban algunhas esceas e facian algunhas tomas o alumnado de 5º e 6º vía algún trailer elixido do taboleiro.

Despois alternáronse aproveitando o alumnado de 5º e 6º para presentar a biblioteca e para preguntarlle aos máis pequenos pola súa peli preferida. Remataron todxs cos flocos de millo.

Viron algunhas pelis com: Bao, peixes, desencuentros, Noel, Mi querido balón….

 Vivimos unha xornada moi enriquecedora, na que se puxeron en xogo a convivencia, o consenso, o respeto, a reflexión posterior e opinións persoais…así como o achegamento e manipulación de ferramentas para facer cine e gravar: a cámara, o micro, os carteis, as función do equipo de gravación…..

Foi unha experiencia  na que aprendemos moito, vivimos a importancia dos valores e do traballo en equipo, ademáis de coñecer un pouco máis e de forma directa o mundo do cine, polo que agradecemos ao concello  esta actividade que nos brindou a posibilidade de vivir unha rica  experiencia.

Disfrutade das fotos premendo na imaxe. 

 

 

 

Conmemoración DÍA DO MAIOR.

O pasado xoves, día 3 de outubro fixemos o noso primeiro encontro do club de lectura cos nosos amigos e veciños do centro de día. O motivo non podía ser  mellor:  Conmemorar con eles o Día do Maior, que foi o día dous de outubro.

Preparamos o conto “Avós” de Chema Heras e Rosa Osuna, na semana anterior na hora de Ler, que lles contamos entre todxs os nenos de 5º e 6º. Despois reflexionamos todxs xuntxs sobre esta fermosa historia na que se van confrontando a visión pesimista da vida da avoa, cun certo cansanzo e o optimimismo, bo humor e gañas de disfrutar da vida e da compañía da avoa do avó.

E así, co bó humor do avó e a súa actitude positiva ante a vida  é como convence a avoa para ser tamén  positiva e despertarlle as ganas de ir a bailar e disfrutar xuntos.

Despois de falar da sorte de disfrutar das distintas etapas da vida, moi especialmente a da infancia e a da ancianidade, así como da gran sabiduría e experiencia que agochan as persoas maiores, froito do vivido, de formar e coidar a súa familia, do  que traballaron e loitaron ao longo da súa vida… tivemos unha proposta para seguir traballando xuntxs sobre un mural pintado polo persoal do centro de día. Tiña dúas protagonistas que orixinou dous equipos de nenxs e maiores mezclados nos que pintamos uns a avoa nena e outros a avoa anciá…. Qué ben o pasamos!!

Unha vez rematado de pintar xs nenxs escribimos cualidades ao redor da avoa maior que nos transmiten os maiores: experiencia, sabiduría, tranquilidade, amabilidade, cariño…

E despois escribimos cualidades que nos apuntaban os maiores na avoa nena que lle transmitimos nós: inocencia, cariño, actividade, ilusión….

Foi unha sesión que deu para moito….que como sempre nos empapou de sentimentos: emoción, respeto, solidariedade, creatividade….

Voltamos para o cole, xa pensando en voltar pronto, a outra sesión deste gran club de lectura, cargados de riqueza interior e coa metade do mural pois cortámolo pola metade. Nos levamos a avoa maior que colocaremos na entrada do cole e nos acompañará todo o curso e eles quedaron coa avoa nena….

Foi unha inauguración extraordinaria. Deixámosvos cunha gran reflexión  que recolleron. So lede…e sentide:

“Todas as persoas envellecemos, é a lei da vida. Mais a beleza non morre cos avós, simplemente se transforma”

Podedes disfrutar das imaxes deste fermoso día premendo aquí.

O CEIP DA POBRA DO BROLLÓN RECIBE O SELO DE BIBLIOTECA ESCOLAR SOLIDARIA

SELO DE BIBLIOTECA ESCOLAR SOLIDARIA PARA O CEIP DA POBRA DO BROLLÓN.

Estamos de noraboa!!

A Asesoria de bibliotecas escolares vén de publicar a relación de centros que recibirán "o Selo de Biblioteca Escolar Solidaria" polas boas prácticas levadas a cabo na biblioteca no curso 2018/19 entre os que se atopa seleccionado o noso centro.

O premio consiste nun diploma para o centro, o distintivo de selo de biblioteca escolar solidaria e unha dotación económica de 1500€.

Este curso foi moi fructífiro recibindo varios premios:
 
A principio de curso formabamos parte do proxecto de biblioteca escolar creativa que nos permitia traballar cos escornabots.
 
En maio os nosos biblioaxudantes (nenos e nenas de 5º e 6º) recibian o  premio de voluntariado de lectura pola súa participación na xestión e dinamización da biblioteca escolar. Recibiron un diploma, unha camiseta e unha sesión de formación: como montar un booktrailer.
 
Pois non podiamos rematar de mellor forma este curso: co distintivo de SELO DE BIBLIOTECA ESCOLAR SOLIDARIA para a nosa biblioteca que como sabedes é a protagonista da vida do centro.                       
 Este premio e o froito do traballo de toda a comunidade educativa por iso queremos compartilo e agradecer a suma de esforzos: a involucración do profesorado, os nosos nenos e nenas que coidan, disfrutan e traballan na biblioteca, as familias  que participades sempre gustosamente, e con todxs aqueles que vos achegastes a biblioteca a enriquecernos...
 
Agradecer tamén a Asesoria de Bibliotecas Escolares o seu traballo e esforzo para levar a cabo iniciativas deste tipo que nos brindan a oportunidades para traballar dende a innovación e nos ofrecen novas ferramentas que fan da nosa biblioteca un espazo para crear, construír coñecemento, para medrar.
 
Enlace á resolución
Distribuir contido