Amosando publicacións coa etiqueta Entroido. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Entroido. Amosar todas as publicacións

sábado, 29 de febreiro de 2020

Ensalada de garavanzos

Bo día, bolboreteir@s! Como levades a recuperación do Entroido? Ou o seu remate que aínda temos mañá Domingo de Piñata por algunhas terras. Nós vivimos un entroido máxico, na verdade, pois coñecemos, por fin, o da provincia de Ourense. Luns borralleiro por Laza (saímos vivos e sen formigas, si), martes de Entroido por Xinzo... Que país!
E claro, non papamos ben nin nada. Xa nos veriades a bica polo Instagram que nos durou apenas un día... E o cocido non faltou, por suposto. En Casa Elena, en Laza, para descansar entre os farrapos de lama e as formigas.
E despois de tanto exceso, había que compensar un pouquiño. Momento de ensalada entón. E claro, como fixeramos cocido na casa aínda tiñamos algún resto mais como iamos facer un prato lixeiro con sobras do cocido? Pois tiramos dos garavanzos para crear esta delicia!



Ensalada de garavanzos


Ingredientes:

  • Garavanzos
  • Follas variadas
  • Queixo feta
  • Olivas
  • Améndoas
Para o aliño:
  • 6 culleradas de aceite de oliva virxe extra
  • 2 culleradas de vinagre

sábado, 10 de febreiro de 2018

O Entroido máis lambón (receitas)

Bolboreteir@s, hoxe non traemos unha receita nova mais si unha acumulación de receitas directas ao corazón e ao bandullo pois imos co especial de entroido, coa recompilación máis saborosa.
O Entroido máis famoso do mundo din que é o de Rio de Janeiro. Nós nunca estivemos alá, nin tampouco en Cádiz ou Canarias, onde din que é un espectáculo. O que si cremos é que deben incluír o Entroido galego na listaxe dos máis festivos do mundo, canto menos os do sur, polo respecto á tradición e pola esencia cultural que presentan.
Ademais, sería interesante que fixesen unha listaxe dos festexos máis larpeiros do mundo. Aí si estamos seguros que pouco terían que facer contra as nosas filloas, orellas, cocido... Outro nivel! Se tan agardada é aquí esta celebración é tamén pola posibilidade de poder degustar uns alimentos ligados a unha única época do ano, que sendo tan ansiosos, acabamos por adiantar. Si, aquí o Entroido xa comeza un par de semanas após Reis...
Imos cunha boa mostra do que é o Entroido desde o padal. 

martes, 6 de febreiro de 2018

Bica de Laza

Xa andan chegando os mecos, o Entroido e todas as lambetadas de identidade coas que deixamos as preocupacións calóricas a un lado para desfrutar de cada bocado de festa e país.
Ben, pois tiñamos prometido ampliar o corpus de receitas entroideiras polo que tocou matinar na nova posibilidade e estamos moi contentos pois demos cunha que aínda que non era a primeira vez que probabamos si que superou totalmente as expectativas. Falamos da bica de Laza.
Cremos recordar que nola tiñan dado de petisco nalgún momento nunha cafetaría pero non nos era a chave das noces para nós. Con todo, esta preparación caseira demostrounos que a fama non é casual xa que estamos ante toda unha delicia. 
Tiñamos algunha indicación para a preparación aínda que nos foi de moitísima axuda o portal de receitas, Recetas de rechupete.
Aínda que nós asociámolo máis a esta época do ano pois é un dos símbolos culinarios dunha das localidades do triángulo máxico do Entroido. Iso si, para os ourensáns, existen moi diversas variantes desta larpeirada, con matices entre diferentes localidades, aínda que nós quedámonos coa versión que talvez sexa a máis sonada e que se leva degustando desde o XIX. Imos alá!


Bica de Laza



Ingredientes:

  • 4 claras de ovo
  • 200 g de azucre
  • 180 g de nata 

sábado, 25 de febreiro de 2017

Torta de freixós

Agora que xa chegou o Entroido, presentamos a larpeirada máis doce das creadas. Esta non leva máscara nin vén disfrazada. Todo o contrario. A súa presenza xa nos permite intuír que nos debemos preparar para un goce único.
Desde Bolboretas no bandullo presentámosvos a que é, para nós, a torta máis saborosa do ano. Había tempo que non desfrutabamos tanto con cada bocado dunha sobremesa. Tivemos que resistirnos e apartar uns cantos freixós da última filloada que preparamos mais a verdade é que a resistencia no primeiro momento mereceu a pena para posteriormente alcanzarmos o paraíso culinario. Ademais, unha vez teñamos a base, os freixós, o resto virá rodado xa que apenas require traballo.
Se nalgún momento da vosa vida tedes dúbidas existenciais e non lle vedes o sentido ao voso percorrido vital, entón chegou a hora de vos pordes man á masa e cociñardes esta torta. Isto é felicidade a cada dentada.
E si, chega no momento xusto pois estamos en época de consecución repetida de filloas polo que, nunha destas, podemos aproveitar o sobrante (cousa rara que sobren freixós) e sorprendermos @s comensais. Han de ficar abraiados. Manda truco, o que dan de si as filloas!


Torta de freixós



Ingredientes:


  • 8-10 freixós
  • Crema de cacao e avelás
  • 2-3 plátanos
  • 8-9 amorodos
  • 150 g de nata
  • Unha cullerada de azucre

martes, 21 de febreiro de 2017

Flores de Entroido

Bo día, bolboreteir@s. Cada vez falta menos para os días grandes do entroido aínda que gastronomicamente falando creo que está máis que comezado. Canto menos pola nosa casa na que xa levamos preparado todas as receitas tradicionais desta época. Con todo, tiñamos a espiña coas famosas flores, das que oíramos falar mais que nunca se fixeramos nin viramos pola zona. De feito, cremos que deben de ser máis tradicionais pola zona de Ourense. 
Sexa como for, non iamos quedar sen probar semellante delicia. Procuramos unha tenda de ferraxes e fixémonos cun molde para as preparar, que ademais son ben curiosos. Non foi sinxelo, mais demos  finalmente cun establecemento que si os tiñan, na rúa Concepción Arenal da Coruña.
E tocaba aprender practicando e así foi. Comezamos cun pouco de medo mais unha vez soltos, saían coma churros. Ben, coma flores, queriamos dicir.
Xa temos o corpus completo para un Entroido do máis doce así que... só falta meter as mans na masa e desfrutar! Imos alá!

Flores de Entroido


Ingredientes:

  • 850 ml de leite
  • 600 g de fariña
  • 80 ml de anís
  • 3 ovos
  • 1 cullerada de azucre
  • A reladura de 2 limóns

martes, 14 de febreiro de 2017

Freixós recheos

Outra vez freixós? Si, o amor por eles é infinito en todas as súas versións. Ben, realmente non é que volvésemos preparar filloas senón que aproveitamos unhas poucas que sobraron para probarmos a lograr un xantar  ben completo a partir delas. 
E tiñamos ganas de probar pois até o momento nunca se fixera na nosa casa unha elaboración dese tipo. Si optabamos por reencher as doces (nocilla, mel, azucre, froita...) mais as salgadas sempre as comeramos soas. Porén, decatámonos das súas grandísimas posibilidades. Xa son moitos os locais onde lle veñen tirando proveito ás filloas recheas e nós non iamos ser menos. 
Optamos por vos ofrecer dúas posibilidades ben diferentes xa for para as preparar xuntas ou para a escolla da vosa preferida. Non vos podemos mostrar preferencia por unha ou outra pois aquí a cada un gustoulle máis unha diferente.
Unha, coa carne como protagonista, moito máis potente; outra moitísimo máis fresca e lixeira onde a verdura centra a atención do padal. Estamos seguros que a vós se vos ocorren outras mil ideas mais queriamos que ficase aquí esta posta en práctica gorentosa que vos recomendamos moi encarecidamente. Agora, tempo de freixós, é o momento! 

Freixós recheos


Ingredientes:


Para a opción 1 (para 4-5 freixós):
  • 300- 350 g de carne picada
  • Un manoxo pequeno de nabizas
  • 4-5 culleradas de salsa de tomate
  • 2 dentes de allo
  • 2 lascas de queixo
  • Un vaso de viño branco
  • 2 culleradas de aceite de oliva 

sábado, 11 de febreiro de 2017

Freixós salgados

Bolboreteir@s, cada vez fica menos para o Entroido. Mais nós xa estamos metidos de cheo na época máis lambona do ano. Se o pasado domingo presentabamos a video-receita dos freixós que tradicionalmente se fixeron na nosa casa, a versión doce, hoxe optamos polos freixós tan típicos en boa parte de Galiza, aquela versión salgada apta para comer en calquera momento do menú e en calquera parte do día.
De feito, din que Galiza se divide entre Rías Altas e Baixas, entre Depor e Celta ou entre costa e interior mais na verdade a verdadeira loita está entre @s que fan as filloas salgadas ou doces. Hai para quen botarlle leite é un sacrilexio e para quen o é que leven auga. Nós solucionámolo degustando un día uns e outro día, outros!
Aquí traballamos coa opción simple, a que apenas leva auga con sal, mais en moitos fogares vénse facendo directamente coa auga sobrante do cocido co que gañan moita intensidade aínda que a nós fánsenos un pouco fortes de máis.
Así pois, téndomos os doces e os salgados, que excusa queda para non preparar agora mesmo as filloas? Ningunha. Adiante con elas!!!

Freixós salgados



Ingredientes:

  • 1150 ml de auga
  • 500 g de fariña, aproximadamente
  • 2 ovos
  • 5-6 g de sal

martes, 1 de novembro de 2016

Chulas de cabaza

Bo día, bolboreteir@s! Preparándovos para visitar o Camposanto ou estades aproveitando a xornada para descansar e argallar coas receitas arquivadas? Ben, pois como adiantamos o pasado mércores no programa Galicia por Diante da Radio Galega, hoxe presentámosvos unha das receitas tradicionais do noso outono, concretamente ligadas ao Samaín e as celebracións de Santos e Defuntos: as chulas de cabaza.
Ben, aínda que resulta complexo datar a súa orixe (hai quen a sitúa xa nos inicios célticos do Samaín), si parece un hábito larpeiro de certo percorrido que gaña en simbolismo pola utilización da carne dun dos produtos estrela da tempada, a cabaza. Ademais, esta receita permite xogarmos coa ornamentación da cabaza e aproveitar o seu interior para lograr un manxar. Iso si, non todas as cabazas serven, claro; xa sabedes que a maioría das que venden actualmente nos supermercados veñen preparadas unicamente para a súa decoración. Mais non sucede iso coas da horta!
Certo é que non ten a mesma presenza esta receita en todos os territorios galegos e, de feito, nós coñecímola hai uns anos a través duns compañeir@s de Pontevedra, onde parece que si están asentadas. Así pois, decidimos que este era o ano de degustalas por primeira vez e, non contándomos con receita propia, tiramos proveito da elaborada por De Rechupete, que nos deu paso a unha sobremesa idónea para festexarmos a comuñón cos espíritos que nestes días andan por aquí ;-)


Chulas de cabaza


Ingredientes:

  • 250 g de cabaza
  • 100 g de fariña
  • 3 ovos
  • 2 culleradas de azucre
  • 1 sobre de lévedo en po
  • Aceite de oliva
  • Auga

martes, 2 de febreiro de 2016

Cocido bolboreteiro

Bo día amig@s! Como vai esta semana xa de pre-entroido? Preparando os disfraces seguro, mais non esquezades aproveitarvos da mellor época gastronómica do ano. Nós, á espera dos días grandes, estivemos xa abrindo apetito cun bo feixe de freixós e roscas. Quédannos as orellas para completar a tríade. Tocaralles a finde.
Mais non todo pode ser doce. Este pasado domingo puxémonos cun dos pratos máis contundentes do mundo, e que adoita degustarse por estas datas. Unha receita que non ten dificultade ningunha xa que só precisa o cocido dos produtos. Con todo, queriamos mostrarvos a nosa versión e algún que outro truco na elaboración.
Xa sabedes que o cocido admite mil variantes e o que sempre o caracteriza é a combinación de moitísimos elementos ben diversos e que xogan moi ben. Ten reflexionado Álvaro Cunqueiro ao respecto, "é o mesmo que criticar a unha osquesta porque ten moitos músicos, todos eles maestros nos seus instrumentos. Porque o Cocido Galego é unha auténtica sinfonía de sabores, que non se opoñen uns a outros, senon que se axudan para constituir, ao final, unha obra maestra’’.
Tamén o noso autor e gastrónomo deixa dito do que pode formar parte: ‘’Un bo cocido leva moitas cousas: xamón e lacón, carne fresca, touciño e chourizos, galiña e garavanzos, e por descontado, patacas. E á carne de porco que vai ó cocido aínda se lle poden engadir orella e fuciño, e costela salpresa, se a hai. E ca auga na que se coceu a cerne pódese facer una excelente sopa, de arroz ou de pasta. […] O cocido ten que estar ben escurrido e ten que servirse moi quente. O cocido pide un tinto do país, o máis sereno e graduado que se poida’’
E nesas posibilidades nos movemos, na escolla dos produtos que máis gustamos. Así, deixamos fóra elementos dos que talvez para vós si formarían parte e introducimos outros para nós indispensábeis. Ademais, a aparición do xamón cocido polo lacón fai sentido por aproveitamento do que se ten na casa. E claro, tamén porque gustamos inmensamente desta carne en todas as súas versións.


Cocido bolboreteiro

Ingredientes (para 4-5 persoas):
  • 1 anaco de xamón
  • 1 repolo
  • 2 chourizos
  • 1 chourizo picante
  • 3-4 patacas
  • 200 gr de garavanzos

martes, 10 de febreiro de 2015

Chulas

Que chega, está chegando... O Entroido 2015 está xa aí, mais nós, gastronomicamente falando, xa estamos metidos nel de cheo. Tradicionalmente elaboramos nestas datas a que denominamos como "tríade da dozura entroideira", configurada polos freixós, orellas e roscas. Porén, xa hai tempo que nos viñan falando bastantes persoas dunha outra receita típica destas datas, as chulas, que son ademais unha sobremesa con moito peso na Mariña Luguesa.
Así pois, xa nos puxemos a investigar preguntando a diferentes persoas sobre esta receita, de feito algúns/has xa o veriades polas redes sociais. Interesábanos pois, coñecer as diferentes variantes de elaboración para a tentar facermos dun modo tradicional. As avoas e nais tiveron aquí un papel fundamental, por suposto. Tamén cómpre agradecermos a María José Gómez, Dolores Míguez, Mar Vázquez, Marisol Herbón e Maribel Gómez as recomendacións e axudas arredor deste doce. Grazas!
Xa avisamos que son moi moi sinxeliñas de facer, o principal é dar co pan axeitado xa que o proceso apenas ten complexidade. Seguramente coñezades outras moitas variantes para a receita, mais nós decidimos optar por esta, ben típica de Viveiro. Hai quen as fai tamén sen pan, de cabaza...

Chulas

Ingredientes (para 13-15 chulas):
  • 8oo ml de leite
  • 1/2 kg de pan gramado (ou un pan que teña moita miga)
  • 3 ovos
  • 3 cullerada de azucre
  • 1 culleriña e media de canela en po
  • A monda dun limón
  • Aceite para fritir

domingo, 2 de marzo de 2014

Orellas de Entroido

Dise que non hai dous sen tres e neste caso é obrigado xa que quedaba por completar a tríade gastronómica do entroido, faltaban as orellas de frade ou orellas de entroido!! Un outro produto que Álvaro Cunqueiro resaltaba para o martes de Entroido : "Pra martes lardeiro, aparte das filloas, fanse froles e orellas, con masa de fariña, ovos e leite...".
A denominación de orellas vén polo suposto parecido con esta parte do corpo humano, e maior aínda coas dos frades, aínda que como podemos comprobar cando facemos e comemos as orellas pouco vai quedando deste parecido. Mantemos normalmente a súa forma xeométrica, mais acaban por ser un tanto irregulares. Non vaiamos facer orellas tampouco orellas con forma circular, mais o realmente importante é o sabor, e ese si que é exquisito. E ao igual que as filloas ou as roscas, son un produto que se conserva ben, polo que se facedes unha boa remesa delas, xa vos dá para todo o Entroido. Aí vos vai!

Orellas de Entroido

Ingredientes:
  • 3 ovos
  • 1 cunca do café de aceite
  • 1 cunca do café de anís
  • 2 cuncas do café de zume de laranxa
  • Fariña, aproximadamente 500 gr

martes, 25 de febreiro de 2014

Roscas de entroido

Como cada vez está máis próximo o entroido, cómpre continuarmos coas receitas tradicionais destes días. Hoxe imos coas roscas de entroido. Neste caso non acostuma haber grandes diferenzas nas receitas como no caso dos freixós, aínda que si existen variantes. Forman parte da tradición gastronómica galega, e mesmo Álvaro Cunqueiro falou deste produto en máis dun dos seus textos louvando o seu sabor e marcándoo como típico do país: "El xa estamos na Galicia doceira, na Galicia dos biscoitos, dos amendoados, das rosquiñas das festas... Rosquillas fritas, rosquillas anisadas, roscos de viño..." [en A Cociña galega]. A receita das súas roscas era ademais ben parecida á que aquí vos presentamos. O caso é que traemos outra destas dozuras que apetecen en calquera momento do día.

Roscas de entroido


Ingredientes (para facer entre 25 e 30 rosquiñas):

  • 2 ovos
  • Dúas medidas de ovo de leite
  • Dúas medidas de ovo de aceite de oliva
  • 4 culleradas de azucre
  • 1 sobre de lévedo
  • Reladura de limón
  • Un chorriño de anís

martes, 18 de febreiro de 2014

Freixós

Cantas ganas tiñamos de vos presentar esta receita, mais preferimos agardar a estas datas en que se achega o entroido e por tanto un dos mellores momentos do ano, gastronomicamente falando. Chega a hora de nos pór a elaborar roscas, orellas, filloas etc., e o máis importante, chega o momento de desfrutar destes manxares galegos.
Nas vindeiras semanas habemos de vos traer varias destas comidas típicas desta época do ano, mais hoxe comezamos co produto estrela, un símbolo da alimentación galega, as filloas, ou como lles chamamos pola Mariña luguesa, os freixós! Tamén temos ouvido outras denominacións pola Galiza adiante, mais non aceptemos "crepes" para un produto tan especificamente da terra aínda que teña coa sobremesa francesa características comúns.
De igual modo, son centos as formas de as elaborar, e o interesante é que son as familias as que marcan o seu modo tradicional de as facer. Poida que, alén do seu sabor exquisito, este sexa un dos puntos fortes desta marabilla alimenticia, unha receita que se fortalece co paso dos anos e que nos serve de conexión co noso pasado familiar, cos nosos devanceiros e devanceiras que foron quen estabeleceron a receita que aquí hoxe vos traemos :-)

Freixós


Ingredientes:
  • 1/2 litro de auga
  • 1/2 litro de leite
  • 6 ovos
  • Fariña
  • 1/4 de vaso de azucre
  • 1/4 de vaso de aceite
  • 1/4 de vaso de anís
  • Pela de limón