VERBAS DA CIENCIA

Para rematar o mes de novembro, mes da ciencia en galego e en relación ao lema deste curso de Bibliotecas escolares de Galicia 2022: "Escribir á biblioteca escolar", dende o colexio, elaboramos a actividade: VERBAS DA CIENCIA.

O alumnado investigou, elixiu  e redactou un texto sobre palabras relacionadas coa ciencia.

 

Obradoiro de Regueifas

O pasado 25 de novembro, a rapazada de 6º  tivemos a gran sorte de recibir a visita das regueifeiras Lupe Branco e Cristian de Burela,  dentro do programa “Enreguéifate” do que formamos parte. E dende o primeiro momento, non houbo tempo ao aburrimento porque a regueifa invadiu cada recuncho da nosa Biblioteca. Primeiro, coas súas coplas, leváronnos da man a través da historia deste xénero de tradición  oral e das súas características para despois, converternos en regueifeiros, elaborando as nosas rimas, botando “bombas” e regueifando sobre o escenario. Agora, xa só nos resta deixar voar a imaxinación. Grazas pola vosa visita!

 

  

 

 

 

MAGOSTO 2022

O pasado xoves, 10 de novembro celebramos o magosto no colexio. Comezamos cunha xornada de xogos: zancos, rá, a pita cega, aros, bolos, carreiras con castañas...O alumnado de sexto colaboraron como monitores e as distintas aulas rotaban nos xogos. Foi un día de diversión para os nenos e as nenas do centro. Para rematar o día, degustamos unhas ricas castañas asadas (actividade en colaboración coa ANPA).

Velaquí tedes o acontecido, preme na seguinte imaxe.

 

 

NOVEMBRO MES DA CIENCIA EN GALEGO. Navegando polo universo

O alumnado de terceiro e quinto  de Ed. Primaria,  descubriron o apaixonado mundo da Astronomía, nunha viaxe polo espazo dentro dun planetario de derradeira xeración, instalado no colexio. Dentro do programa cultural Ruta Quetzal, creado polo periodista e aventureiro Miguel de la Cuadra Salcedo. atopamos un proxecto docente motivador e cautivador,  adicado á divulgación científica. Esta actividade, despertou nos nenos e nenas a curiosidade por coñecer máis sobre os temas relacionados co Universo.

SAMAÍN 2022-DIFERENTEMENTE IGUAIS

Un curso máis, celebramos o Samaín no colexio. Decoramos as portas, os corredores e a biblioteca, con estraños e  horripilantes hóspedes:  morcegos, esqueletos, bruxas, arañas ...Asemade desfrutamos dos contos terroríficos que prepararon os alumnos/as de quinto e sexto de Educación Primaria. Os nenos e nenas,  o venres 28 de outubro, disfrazáronse de personaxes propios e característicos desta festividade.

Ao longo da semana As Cabazas Diferentemente iguais visitaron o centro. Grazas familias pola vosa colaboración!

EXPOSICIÓN DE CABAZAS

 

BIBLIOTECA MOSTRUOSA

 

Se premes na imaxe de arriba, poderás ver os disfraces do alumnado

 Velaquí tedes un vídeo da decoración e da exposición.

24 DE OUTUBRO. DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Hoxe foi un día de festa, xa que, a nosa nova biblioteca comezou a camiñar. Contamos cun novo espazo máis amplo e adaptado ás necesidades do alumnado. Os nenos e nenas de sexto realizaron un gran traballo, colaborando no reto que supuxo trasladar e dar forma a unha biblioteca dinámica, con diversos servizos e recursos, onde os nenos e nenas do colexio atopen múltiples oportunidades de aprendizaxe, expresión e creación.

Establécese un horario semanal para que cada grupo-aula desenvolva as actividades educativas que considere oportunas . O alumnado de 6º de Educación Primaria participará  activamente colaborando e ordenando os libros nos andeis (todos os días na hora do recreo acoden 4 alumn@s) e informarán ao resto do alumnado como debe actuar cando visiten á Biblioteca.

Actividades realizadas no mes de outubro:

-Entrega das bibliocaixas ás aulas.

-Formación de usuarios por parte dos colaboradores da biblioteca.

-Exposición de libros relacionados co PDI.

-Marcadores para o alumnado.

-Cartaz do PDI: Diferentemente iguais.

 

 

PDI: Diferentemente iguais

Ao longo do curso 2022 – 2023, desenvolverase un novo Proxecto Documental Integrado titulado Diferentemente Iguais”.

A través dos contos, tratarase de inculcar entre o alumnado o respecto polas diferenzas entre iguais e a convivir de xeito pacífico cos compañeiros e co profesorado nas actividades educativas diarias. Para acadar estes obxectivos, dende a Biblioteca e, en colaboración co resto dos equipos, deseñaranse actividades nas que poida participar toda a Comunidade Educativa.

 

 

 

VISITA DE LEDICIA COSTAS

A escritora Ledicia Costas, visitou esta semana o colexio dos Tilos. Presentou ao alumnado de terceiro de ed. primaria, a colección dos "Minimortos". Conversou con eles e contestou a súas preguntas acerca do libro "Escola de salvaxes". Ledicia dedícase dende moi nova a creación literaria. Este ano colabora coa RAG, na páxina infantil Primavera das Letras adicada este 2022 ao escritor Florencio Delgado Gurriarán.

 

VISITA DE SUSANA ILLERA MARTÍNEZ

O alumnado de terceiro recibiu entusiamado a visita da escritora Susana Illera Martínez. O equipo editorial de Disney, seleccionou á Susana para escribir unha adaptación da película "Encanto" para o público infantil. Así naceu o libro bilingüe "El don de una familia/ The gift of family". No 2020 foi galardoada polo seu primeiro libro infantil ‘Lala, a Different Kind of Lizard’nos International Latino Books Awards

PAKOLAS

No día de hoxe tivemos unha visita moi bailadeira. O autor, musico e compositor Paco Cerdeira achegouse ao noso cole,  a presentarnos o seu espectáculo "Rockeando con Ramona Órbita".

Velaquí tedes unha pequena mostra do acontecido. A vindeira semana subiremos máis imaxes a galería da web.

Powered by Drupal - Design by artinet