Skip to Content

Actividades

Teatrillo xaponés: kamishibai.

Este curso temos o privilexio, xunto a outros poucos centros de Galiza, de ter sido escollidos para participar dentro dun programa que ten como fin a utilización do teatrillo xaponés "kamishibai" que propicia, á vez, a escritura e a expresión plástica, entre outras habilidades, fomentando, asemade, o traballo colaborativo entre o alumnado e profesorado.

O motivo principal da elección do noso centro foi a alta valoración que ten o funcionamento da nosa biblioteca escolar dentro de todas as que pertencemos ao PLAMBE.

Xa estamos desexando experimentar con el...

Nestas ligazóns atoparedes máis información sobre esta técnica.

Segundo a poñamos en funcionamento iremos informando dos resultados acadados.

Festival de Fin de Curso

O mércores 19 de xuño realizamos o Festival de Fin de Curso, no salón de actos do noso colexio, ante a presenza dos nosos familiares e amigos. Cada vez é maior a participación da nosa comunidade educativa neste evento, quedándose pequeno o salón para acoller a asistencia de tanto público, a pesar de que a hora de celebración non é a máis idonea para poder asistir a el.

 

O programa de actuacións foi o que sigue a continuación, se premedes enriba da actuación poderedes ver o vídeo da mesma:

• OBRA: “A mazá que non quería rir”  (Ed. Infantil)
• OBRA INGLÉS:  “Cinderella” (2º ciclo)
FRAUTAS (3º ciclo)
• BAILE : “Rap do faraón” ( Ed Infantil, 3 anos)
• OBRA: “El árbol que no quería morir” (1º ciclo)
DANZA ORIENTAL   (2º/3º ciclo)
• BAILE : “Can –Can” (Ed. Infantil , nenas 4,5 anos)
• BAILE: ” Bugy-Bugy” (1º ciclo)
• OBRA: “Os tres porquiños” ( 3º ciclo)
• CANCIÓN: “Catro vellos mariñeiros” (1º, 2º ciclo)
FRAUTAS (2º ciclo)
• BAILE: Merengue (Ed. Infantil, 4,5 anos)
• OBRA: “El príncipe feliz” (2º ciclo)
• BAILE RAP: “Viva o cole” (3º, 2ºciclo)
• BAILE FINAL: “Balada Boa” (2º, 3º ciclo)
• REPORTAXE FOTOGRÁFICO: Recordo do curso 2011-2012.

Galería de imaxes do Festival

Premios Antón Losada

 

Entrega do libro á filla de Antón Losada, Mercedes

O día 9 de maio participamos na entrega dos Premios Antón Losada que este ano recaeron en dous escritores de recoñecido prestixio: Agustín Fdez Paz pola obra "Non hai noite tan longa" e Xesús Alonso Montero pola biografía de "Aníbal Otero"

O alumnado do noso centro fixo entrega dun libro/caderno á filla de Antón Losada que elaboramos cos mellores traballos realizados por eles ao longo do terceiro trimestre, dentro do proxecto documental sobre a vida e obra de Antón Losada Diéguez, que coordinou o equipo de biblioteca e o EDL do colexio.

No acto, ademais dos premiados, estiveron presentes os Alcaldes de Boborás e o Carballiño, acompañados dos Concelleiros de Cultura. Asemade, presidiu a entrega de premios o Conselleiro de Educación e Cultura da Xunta de Galiza.

Foi un acto moi importante para nós, xa que non hai nada máis confortable que dous ilustres escritores, e o mesmo Conselleiro de educación, te feliciten polo traballo realizado.

Desde aquí, queremos dar os nosos parabéns aos escritores premiados, sen esquecernos dos organizadores do evento, especialmente da Tenente Alcalde, pola súa implicación neste acto en prol da cultura galega.

 

Extracto do libro entregado:

Cartaz sobre Valentín Paz Andrade

O alumnado de 3º ciclo realizou a webquest que elaborou o EDL do centro e como traballo final elaborou o seguinte cartaz para publicitar o Día das Letras Galegas no noso centro.

Fomento do emprego do galego

O alumnado de 2º e 3º ciclo invítavos a escoitar os seguintes podcast en defensa e fomento do emprego do galego que foron elaborados por eles mesmos.

Podcast de Alberto:


Podcast de Alex Noya:

O sabor da aventura está no mar

Durante os meses de abril e maio participamos nuha campaña de promoción do consumo de peixe fresco no interior de Galicia, que se desenvolverá no noso centro nun total de 9 días, onde os menús se complementarán con algunha variedade de peixe fresco: pescada, troitas, mexilóns...

Para presentar o programa tivemos a representación dunha obra de teatro na que os alumnos e alumnas participamos activamente e onde íamos aprendendo os diferentes procesos que segue o peixe desde que é pescado ata que chega aos nosos pratos.

Galería fotográfica

Contacontos da Sabela

O mércores, 9 de maio, tivemos a visita dunha contacontos moi especial: A Sabela.

Grazas á  súa presenza fomos quen de representar un conto entre todo o público: uns facían o papel de protagonistas e outros animábamos aos actores.

Tres pitas pelexaban por ser as máis fermosas do galiñeiro...decidiron ir xunto ao Rei do lugar para que decidira cal delas era a máis fermosa...

 

Reportaxe fotográfica

 

23 de abril, Día do Libro 2012

Desde o regreso de Semana Santa estamos a realizar actividades en relación a celebración do Día do Libro.

As máis destacadas son:

  • Obradoiro de banda deseñada que estamos a realizar en todos os ciclos e niveis e que ten como actividade final a realización dun cómic para presentar ao concurso que se convocou desde o Equipo de biblioteca en colaboración co EDL do centro.
  • Elaboración dun libro de banda deseñada con todos os traballos presentados que pasará a engrosar os fondos da biblioteca.
  • Representación no salón de actos do cole da obra de teatro"O mundo sabe a mar", en colaboración coa Consellería de Pesca.
  • Un contacontos realizados polo alumnado de segundo ciclo para os alumnos máis cativos do cole: "Os trotamúsico".
  • Entrega dos premios aos mellores lectores deste cuatrimestre.
  • Elaboración dun gran cartaz na entrada do centro sobre o Día do Libro no que representaremos a imaxe desta nova que elaboraron o equipo de biblioteca, Equipo TIC e EDL, en coordinación.
  • Visionado no salón de actos dos seguintes vídeos en galego, inglés e español para reflexionar sobre a importancia que lle damos aos libros e lectura:

"Como se fai un libro"

 

"The Fantastic Flying Books of Mr. Morris"

"Palabras"

Contacontos de Kalandraka

O Día Mundial da Poesía tivemos a visita duns contacontos moi especiais: Alex e Patricia, que fixeron que toda a comunidade educativa gozara coas súas narracións e fixemos unha viaxe fantástica grazas a nosa imaxinación.

Alex é o músico, e traía unha maleta chea de instrumentos, pero o que máis nos gustou foi o acordeón.

Patricia contounos e cantounos moitas historias...algunhas sen acabar para que nós busquemos o final na biblioteca do centro...

Imaxes da sesión de contacontos

Día mundial da poesía 2012

O día 21 de marzo celebramos no colexio o Día Mundial da Poesía.

Ao longo de toda a semana realizamos diversos obradoiros de poesía destinados a mellorar a técnica escrita dos nosos poetas.

Como remate da actividade, convocamos un concurso de poesía, no que os mellores poetas do cole recitaron as súas creacións literarias ante toda a comunidade educativa. Esta actividade realizámola na tarde do venres.

Con todos os poemas presentados realizamos un libro de poesía que pasa a formar parte dos fondos da biblioteca escolar.

Ver imaxes da celebración do Día Mundial da Poesía

 

Distribuir contido


by Dr. Radut