O fío vermello

O fío vermello

A finales do mes de marzo o alumnado de 6º curso de Ed. Primaria participou nunha nova sesión do Concurso de animación á lectura que realiza este consolidado club de lectura.

O libro traballado nesta ocasión foi "O fío vermello" da escritora viguesa An Alfaya. Coa lectura do mesmo o alumnado traballou os seguintes temas e valores: O amor fraternal, o proceso de duelo ante unha perda, a amizade e a curiosidade intelectual.

Resumo argumental

Carlo está moi unido ao seu irmán maior Nicola e, por iso, o bota moito en falta agora que este tivo que marchar. Segundo a familia, Nicola ausentárase porque quería ser bombeiro, pero a realidade é que Nicola se fixo soldado e desapareceu nun conflito no estranxeiro.
Melchor e Margarita, os pais, están a pasar unha época de grande tristeza e depresión con continuas viaxes para falar cos mandos do exército sobre o caso do seu fillo. Carlo, en sinal de protesta pola ausencia do irmán, decide pecharse na terraza da casa e non saír máis ata que Nicola regrese. A aparición de Elisabeta na casa do rapaz, unha compañeira de clase coa que nunca falara, comeza a mudar as cousas. A nena aparece cunha tartaruga e convértese na única ponte entre Carlo e o resto do mundo. Natividade, a avoa de Carlo, entende a oportunidade e, dado que os dous nenos pasan o tempo resolvendo xeroglíficos, encrucillados e observando o firmamento (afección que Carlo compartía co seu irmán Nicola), a avoa fálalles da existencia dun estraño libro de astronomía escrito polo seu pai, o bisavó de Carlo. O plan de Natividade para convencer o neno de que saia da terraza consiste en organizar a busca do libro por toda a casa, e resolver o feito de que Carlo poida facelo sen rachar a promesa de non saír que lle fixera ao seu irmán, sería atarlle un fío de la vermella unido a un nobelo que quedaría na propia terraza.
Natividade, Elisabeta e Carlos rexistran a casa, pero o libro non aparece. Finalmente será o pai de Carlos, Melchor, quen o atope, descubríndolle ao mozo todo un mundo novo. Carlo, que por medio de Natividade coñece xa a verdade do paradoiro do seu irmán, deposita todas as súas esperanzas nunha sorte de intuición: a crenza de que no libro do bisavó hai unha pista que lle axudará a que Nicola regrese.
Finalmente, a pista aparece. No libro menciónase a noite das Perseidas, ou as bágoas de San Lourenzo, e un xeito misterioso e non probado de emitir mensaxes a través do reflexo da luz nas estrelas fugaces. A noite das Perseidas, Elisabeta e Carlos levan a cabo o que di o libro cunha mensaxe destinada a Nicola. Poucos días despois, unha chamada dos mandos do exército anuncia a Margarida e Melchor que Nicola fora encontrado. Pouco tempo máis tarde, Nicola regresa á casa, e Carlos, por fin, volve a ver o seu irmán.

O equipo gañador do concurso foi o formado por Iván, Uxía e Yazkra.

 Galería de imaxes