Ti reciclas, Ourense gaña

O 11 de febreiro o alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria participou nun obradoiro de reciclaxe que se desenvolveu na biblioteca do noso centro baixo o título “Ti reciclas, Ourense gaña”.

Os obxectivos principais desta actividade perseguen que o alumnado entenda o medio como un ben común a todos os cidadáns e digno de protección e que contribúa á redución da emisión de gases o efecto invernadoiro e en especial, que axude a reducir a pegada ecolóxica, comezando dende o ambiente escolar.

A evolución social dos últimos decenios acadou un aumento da calidade de vida reflectido na mellora da hixiene, da sanidade, da alimentación, do benestar social,... sen embargo, estas aínda que positivas, traen asociados impactos ambientais importantes que temos que xestionar do mellor xeito posible  para tratar de evitalos e para non alterar o medio ambiente no que vivimos. Un deses impactos é o aumento da xeración de residuos debido ao incremento do consumismo da poboación e do número de embalaxes que se empregan na comercialización de produtos ( papel, cartón, vidro, plásticos, metais,...) e polo emprego de envases de usar e tirar. Toda esta situación provocou un crecemento continuo no volume de refugallos xerados por habitante e día ata os 1,216 Kg/habitante rexistrados no ano 2009.