O xinete das árbores: Baño de bosques

O 5 de febreiro visitou a biblioteca do noso centro un home-árbore, un ser humano “boscoso”,  un xinete das árbores, un carballo coas vellas botas da antiga fábrica ourensá dos calzados Mosquera, fuxindo dos incendios forestais que os verán asolan as  terras da montaña, para que as nenas e nenos do CEIP Manuel Sueiro lle axudaran a cabalgar de novo a lomos dos carballos, dos teixos e as aciñeiras, dos buxos e as sobreiras,  para salvar os bosques, que son a esperanza do seu futuro, o aire para respirar.

Con gaitas e peitoques de teixo, con frautas de pereira, pandeiretas de castiñeiro, e co burro Caramulo de madeira de bidueiro, as nenas e os nenos alimentados coa música das árbores viaxaron, dun xeito imaxinario, polo corazón de cada un para comprobar que os seus corazones están sans e fortes, como a mascota  CARDIO. no seu peregrinar pola saúde deles.

Con contos, cantigas, xogos, e moita risa rematamos “plantándonos” todas e  todos con forma de árbores a favor dos nosos bosques, refuxio do oxixeno que alimenta o corazón,  transformándonos en nenas e nenos xinetes das árbores, esperanza dos nosos bosques.