Os valores na Biblia

De acordo ao PDI deste curso “A cada latexo un pensamento” e  tendo en conta que cada pensamento provoca un sentimento e unha actitude que move as nosas condutas e comportamentos, e que estes están conectados con valores, a área de relixión traballou sobre os valores na Biblia.

A materia de relixión capacita ao alumnado para adquirir unha visión integral da persoa humana e as habilidades necesarias para vivir en sociedade a través dos ensinos bíblicos, que son un conxunto de valores que incitan aos individuos para actuar de maneira correcta facendo un mundo mellor e non provocar danos a quen nos rodea.

Traballouse primeiramente coa técnica de choiva de ideas sobre o termo valor para saber que entendían e coñecían sobre este. Cada idea foise anotando para logo definir con máis precisión que é un valor e que representa no diario vivir. E para isto eles buscaron información na internet sobre o concepto de valor guiados polas súas profesoras na procura das páxinas. Tamén se traballou co libro Valores para la Convivencia de Esteve Pujol da biblioteca escolar. Como, así mesmo, cos libros Sapienciales da Biblia que son un grupo de libros do Antigo Testamento que ensinan valores e comportamentos e que axudan a reflexionar sobre a vida.

Repartíuselle ao alumnado material para traballar os distintos valores en distintas situacións e problemas tanto de índole persoal, familiar ou social, o que llespermitiu a moitos deles asocialos a determinadas condutas , que previamente non os vinculaban.

Presentáronselle distintas imaxes en papel e pantalla dixital con personalidades moi coñecidas como ser: Xesucristo, Gandhi, Martin Luther King, Teresa de Calcuta, e outros, realizando tarefas humanitarias onde eles deben describir o valor fundamental de cada situación.

Seguidamente, dialogamos entre todos, para explicar cando practican o valor comentado anteriormente na súa vida cotiá, dando exemplos das accións que deben realizar para tal labor.

Durante o desenvolvemento deste proxecto observouse que tanto a lectura dos libros Bíblicos coma as tarefas a realizar, foron unha boa fonte de motivación que os levo a realizar os traballos con moito interese, colaborando e compartindo moito entre eles, dialogando e reflexionando sobre a actividade desempeñada podendo gozar tanto os profesores coma os alumnos dun clima de harmonía e gratificación.