Novembro 2014

Estación meteorolóxica de Leo

A finais de novembro, e grazas a colaboración de varios membros da comunidade educativa do cole, foi instalada a nova estación meteorolóxica do CEIP Manuel Sueiro.

Dita estación está situada na zona norte do colexio nunha parte despexada do recinto para recoller coa mallor precisión posible os datos meteorolóxicos do noso barrio.

Os rexistros que cada día indiquen os aparellos da estación, serán reflectidos na nosa web e na web oficial que Meteogalicia pon a disposición dos centros que participan no programa de Meteoescolas.

De momento, a estación conta cun termómetro de máximas e mínimas e un pluviómetro.

Obradoiro de lectura sobre o oficio da castañeira

Durante o mes de novembro, no tempo dedicado á Hora de ler, o alumnado de 2º curso participou nun obradoiro de lectura sobre o oficio da castañeira.

Ademais de traballar a lectura do conto da castañeira, realizamos un cartaz entre todo o grupo de clase sobre a castañeira que nos serviu para decorar a exposición de traballos do magosto.

Concursos de outono 2014

Ao longo do mes de novembro os equipos de Actividades complementarias/extraescolares, EDL e Biblioteca convocaron conxuntamente dous concursos/exposicións relacionados co outono: "A castana disfrazada" e "Centros de outono".

É de salientar a ampla participación nos mesmos de todo o alumnado do centro, así como da implicación das súas familias.  Desde o centro queremos dar os nosos parabéns a todos eles pola calidade de todos os traballos presentados.

O último día do mes de novembro fixemos entrega dos Diplomas de recoñecemento a todos e todas los participantes.

Na seguintes galerías de imaxes podedes ver as imaxes dos traballos e da entraga de diplomas:

A castaña disfrazada

Galería de imaxes da castaña disfrazada

Centros de outono

 Galería de imaxes de centros de outono

Entrega de premios

 

XXXI Concurso da Constitución

O alumno Mario Aller de 6º de Ed. Infantil, do noso centro, resultou premiado na XXXI edición do concurso sobre a Constitución grazas ao seu excelente traballo de composición plástica.

Moitos parabéns!!

Asemade, tamén felicitamos ao resto do alumnado do centro que participou no concurso en base a excelente calidade dos traballos presentados.

Se premedes na imaxe podedes ver algúns dos traballos...

Autor: Mario Aller

 O 6 de decembro tivo lugar a entrega dos premios aos mellores traballos no Auditorio Municipal.

Imaxe dos participantes do Faro de Vigo

Concurso "Ciencia que conta"

No mes de novembro o alumnado de 6º curso participou no concurso de relatos curtos relacionados coa ciencia "Ciencia Que Conta". En xeral, tratábase de relatar poñendo en valor a importancia da I+D+i no desenvolvemento económico e benestar dunha sociedade –nomeadamente a galega- e un maior recoñecemento social destas actividades, así como un achegamento ao traballo científico e ás profesións de científicos e tecnólogos.

Neste libro recopilamos os traballos presentados polo alumado de sexto curso do noso centro, esperamos que sexan do voso agrado.

Cocido sinfónico

O mércores, 12  de novembro, o alumnado do 1º Ciclo de Ed. Primaria participou no "Cocido Sinfónico" que resultou ser un espectáculo innovador de teatro, música e humor, dirixido a un público infantil onde ás portas dun peculiar restaurante, ábrense dispostas a ofrecerlles aos comensais as músicas máis saborosas, acompañadas dos pratos máis suculentos e novidosos.

Tanto o alumnado como o profesorado disfrutou das aventuras representadas no escenario por Os tres tenedores.

Proxecto de Meteoescolas.

O proxecto presentado polo noso centro, foi seleccionado xunto a outros 4 centros da provincia de Ourense, para participar no programa de Meteoescolas que organiza á Consellería de Medio Ambiente en colaboración coa Consellería de Educación, Cultura e O.U.

O profesorado encargado de coordinar este proxecto participou nunha xornada de formación que se desenvolveu nas aulas de Meteo Galicia en Santiago. Alí fíxosenos entrega dos instrumentos necesarios para a recollida de datos meteorolóxicos (un pluviómetro e un termómetro dixital de máimas e mínimas) e que serán instalados no patio do noso cole.

Elaboramos un blog no que iremos reflectindo tanto os datos metereolóxicos rexistrados como as actividades realizadas ao longo do curso en relación ao proxecto Meteoescolas.

Magosto 2014

O luns, 10 de novembro, celebramos a festa do magosto no colexio coa realización de múltiple actividades, entre as que destacamos as seguintes:

  • Exposición de castañas. O EDL do centro foi o encargado de organizar esta actividade na que participou a maioría do alumnado coa axuda das súas familias. A actividade consistiu en decorar, disfrazar,.. unha ou varias castañas deixando voar a imaxinación e creatividade. O resultado obtido témolo que valorar de excelente xa que a calidade dos traballos presentados foi moi alta. Moitos parabéns para todos os participantes!

  • Xantar do magosto. Como non podía ser doutro xeito, o xantar do magosto tivo como protagonistas aos chourizos e ás castañas asadas. Os primeiros apareceron agochados dentro do miolo dun bolo de pan, tamén coñecidos como bolos preñados; das castañas encargouse o mestre de 2º curso, Alfonso, que lle deu un toque especial para que estivesen no seu punto. A directora foi a encargada de repartirnos o postre, consistente nunha degustación de diferentes tipos de bicas. É de agradecer a colaboración prestada pola ANPA do colexio, así como da empresa de catering, na elaboración do menú e na compra das bebidas.

 

  • Obradoiro de xogos populares. O profe de Ed. Física encargouse de organizar unha serie de xogos populares cos que tanto o alumnado como o profesorado o pasou xenial. De paso queimamos o exceso de calorías consumidas anteriormente.

Viva o magosto!!

Unha contacontos moi especial...

A auxiliar de conversa do noso cole, Miranda Melissa, transformouse, por arte de maxia, nunha magnífica contacontos en inglés para embaucar, coa historia "Room on the broom" de Julia Donaldson, ao alumnado do centro no recanto de lectura informal da nosa biblioteca.

A protagonista do conto era unha amable bruxa que ía invitando a subir a súa fantástica escoba a todos os animais cos que se atopaba, feito que irritaba moito ao seu gato...

Todo o alumnado que participou nesta lúdica actividade quedou encantado coas aventuras desta bruxa e sobre todo coa reliquia de zapato da bruxa que Melissa nos trouxo, en primicia, ata a biblioteca.

 Preme para ver a galería de imaxes

Recursos para celebrar o magosto

Neste libro recollemos aquelas actividades e recursos educativos que nos poden ser de utilidade para a celebración do magosto no noso cole.